DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Cultura
Mércores, 22 de febreiro do 2017

A sétima edición de Portugués Perto terá lugar do 6 ao 10 de marzo

Catro días para celebrar a riqueza da cultura lusófona

A programación incluirá unha actuación de Quico Cadaval e Celso Sanmartín


ImageNo campus de Ourense, a comunidade universitaria ten unha cita anual coa reivindicación da riqueza da lingua e da cultura lusófonas. Trátase da celebración de Portugués Perto, unha iniciativa da Vicerreitoría do campus que este ano celebra do 6 ao 10 de marzo a súa sétima edición consolidada xa no calendario cultural universitario. Seguindo o formato de anos anteriores, a programación mesturará actividades vinculadas coa lingua, a música, os contos, o baile e a festa, contando entre os participantes co actor e narrador Quico Cadaval e a banda portuguesa Parapente 700.
Martes, 21 de febreiro do 2017

O vicepresidente da Deputación protagonizou a segunda sesión de Conversas na UVigo

César Mosquera: “Non fixemos a cidade así para que fose bonita”

O edil realizou un percorrido pola súa traxectoria no goberno municipal


ImageO modelo urbano de Pontevedra e a progresiva conversión en peonís dalgunhas das súas principais rúas foron un dos eixos do coloquio que na tarde deste martes mantiveron o concelleiro e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o columnista e escritor Rodrigo Cota, nunha nova sesión do ciclo Conversas na UVigo, que a Vicerreitoría promove xunto co Diario de Pontevedra. “Unha concepción social moi clara”, que buscaba facer do espazo público un lugar “que a xente poida desfrutar en total igualdade” foi, segundo afirmou, o motivo principal dun proceso no que non pretenderon “facer a cidade así para que fose bonita e agradable”.
Martes, 21 de febreiro do 2017

Aldaolado ofreceron un recital na Facultade de Filoloxía e Tradución co gallo do Día de Rosalía de Castro

Rosalía "como escusa" para reinvindicar a lingua e a literatura galega

Cun espectáculo de humor, música e poesía conmemoraron o 180 aniversario do nacemento da poeta


ImageCando se compren 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro, a Universidade de Vigo únese á celebración cunha programación de actos nos tres campus. O máis madrugador foi o campus de Vigo, que acolleu este martes un recital de música, poesía e humor na Facultade de Filoloxía e Tradución da man das poetas Aldaolado. Lucía Aldao e María Lado son a alma e o latexo deste proxecto que leva máis de dez anos tratando de dar un novo pulo á poesía, mesturándoa con humor, música e un chisco de transgresión ácida que dan forma a un espectáculo armado con cargas de profundidade que elas dirixen con sorna e retranca.
Luns, 20 de febreiro do 2017

A banda 'indie' ofrecerá no Vidal Bolaño o seu primeiro concerto en Vigo

Con León Benavente bota a andar este mércores unha programación cultural que se estrea co cinema asiático

Películas chinesas, xaponesas e coreanas conforman o ciclo que se proxectará no Edificio Cambón


Image A programación cultural do segundo cuadrimestre da Universidade de Vigo arranca este mércores co primeiro concerto que a banda indie León Benavente ofrecerá en Vigo desde que o grupo se formara no ano 2012. Abraham Boba, Luis Rodríguez, César Verdú e Eduardo Baos actuarán no Teatro Vidal Bolaño a partir das 18.30 horas, onde interpretarán os temas do seu segundo traballo León Benavente 2, que están a presentar por toda España e México. Co concerto de León Benavente bota a andar a programación promovida pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Relacións Internacionais, que introduce como gran novidade a proxección no Auditorio do Edificio Cambón de cinco películas de cinema asiático, que se encadran nunha nova edición do ciclo Cine e Lingua.
Luns, 20 de febreiro do 2017

Guiará a dez estudantes na realización de pezas que relacionen o Lérez coa figura humana

O premiado cineasta Oliver Laxe impartirá un obradoiro no campus

O taller forma parte do programa do festival Novos Cinemas, no que se exhibirán as curtas resultantes


ImageGañador o pasado ano, coa súa película Mimosas, do gran premio da Semana da Crítica de Cannes, onde xa fora premiado pola súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns, Oliver Laxe retornará en abril ao campus no que comezou os seus estudos, que posteriormente completou na Universitat Pompeu Fabra. O cineasta galego será o encargado de titorizar aos dez estudantes que participen en Correntes, un obradoiro formativo inserido na segunda edición do festival Novos Cinemas, que exhibirá as pezas resultantes dun taller que levará ao alumnado a pór en relación o río Lérez coas persoas que o transitan e viven na súa contorna.
Venres, 17 de febreiro do 2017

CCSS e da Comunicación acolle unha nova edición do taller ‘Fala. Oratoria e comunicación’

Para mellorar as dotes oratorias hai que poñer o chándal

Inserido na programación de obradoiros da Vicerreitoría, céntrase no uso de técnicas teatrais e de clown


Image“Nos días previos ao inicio do taller, sempre envío un correo aos alumnos pedíndolles que sexan puntuais e veñan con roupa e calzado deportivo e iso rómpelles os esquemas...”, apunta Alberto Rosell, responsable do obradoiro Fala. Oratoria e Comunicación, que, no marco da programación de obradoiros de Extensión Cultural do campus, busca mellorar as dotes comunicativas dos e das asistentes. E de facelo ademais a través do traballo das emocións e da desinhibición, a través dunha serie de exercicios e dinámicas grupais que os levan a saltar, rir, suar e mesmo cantar nas sesións que se veñen desenvolvéndo ao longo deste mes en Ciencias Sociais e da Comunicación.
Resultados 25 - 30 de 1935

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós