DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Cultura
Luns, 08 de maio do 2017

A través do Ciclo que a Vicerreitoría do campus promove co Instituto Francés

O novo cinema francés chega á Casa das Campás

Sete filmes integran a programación que arrinca este venres coa proxección de ‘Mauvais Sang’


ImageDar a coñecer cinema francés actual que non chegou ás salas españolas, “un cinema novo que non esquece o legado da Nouvelle Vague”, legado que os e as cineastas galegos “reformulan de tal maneira que a día de hoxe poidan conectar cos espectadores”. Este é, como sinala a programadora Bárbara Santos, o obxectivo central de O Novo Cinema Francés: Entre a melancolía e a renovación, o ciclo de proxeccións, con entrada libre, que a Vicerreitoría do campus promove para as tardes dos venres, entre este 12 de maio e o 23 de xuño, na Casa das Campás, coa colaboración do Instituto Francés de Cine.
Luns, 08 de maio do 2017

A profesora de Belas Artes Rosa Elvira Caamaño presenta a mostra ‘En busca del ideal’

Corenta e dous exemplos de arte que captura a beleza clásica e natural

A exposición estará aberta ao público ata finais de maio na sede de Afundación


Image“A pintura non é fantasía, é ante todo un oficio manual”, afirma Rosa Elvira Caamaño, artista e profesora de Belas Artes, cuxos cadros estarán expostos durante este mes de maio na sede de Afundación de Vigo. Os traballos presentados nesta exposición, “que vén a ser un resumo de corenta anos de estudo e dedicación”, explica Caamaño, comprenden corenta e dúas obras pintadas nos últimos sete anos. A artista leva “entre colectivas e individuais, máis de cen exposicións” e nesta mostra, En busca del ideal, reflíctese a súa idea de que “non se trata de copiar exactamente o que se ten diante dos ollos, senón de crear e expresar un mundo ideal a partir da beleza”.
Venres, 05 de maio do 2017

CCSS e da Comunicación celebra o vindeiro mércores a ‘Resaca das Letras’

Normalización, comunicación e música para celebrar por adiantado o Día das Letras Galegas

O acto contará con actuacións, presentacións de medios e cun relatorio do deputado Luís Villares


ImageConmemorar o Día das Letras Galegas uns días despois da súa celebración foi o propósito co que naceu hai máis dunha década a Resaca das Letras, unha xornada de celebración e reivindicación do idioma que por terceiro ano consecutivo, adiantarase á propia conmemoración do 17 de maio. Farao o vindeiro mércores, xornada para a que un grupo de estudantes de CCSS e da Comunicación organizou un programa que combina os relatorios do filólogo Matías R. da Torre e do voceiro de En Marea, Luís Villares, con actuacións musicais e as presentacións da revista de tendencias Coolt, do proxecto O Salto Galiza e da miniserie Vento Ferido.
Venres, 05 de maio do 2017

A gala de clausura da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense será o sábado

A Miteu despedirase asomándose á última cornixa do mundo

A aula Maricastaña será a encargada de pechar a programación coa súa última obra


ImageDesde que o pasado 20 de abril arrancou a programación da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, a Miteu, os escenarios da cidade viven unha intensa actividade escénica que este sábado, 6 de maio, chegará ao seu remate. A 22 edición do certame clausurarse no Teatro Principal de Ourense coa entrega de premios e coa representación da obra A última cornixa do mundo, da Aula de Teatro Universitario de Ourense Maricastaña. Deste xeito, pecharase unha edición que trouxo a Ourense a 30 grupos, dez deles profesionais, e os restantes aulas universitarias de Galicia, Estremadura, Madrid, Castela e León, Navarra, Andalucía, A Rioxa e Portugal.
Xoves, 04 de maio do 2017

A iniciativa solidaria da Biblioteca Universitaria clausurouse este mércores tras vender 2400 exemplares

Os Libros Salvavidas recadan 8000 euros para os refuxiados de Lesbos

Os cartos serán doados á ONG Proem-Aid


ImageA iniciativa Libros Salvavidas, posta en macha a pasada semana polos traballadores da Biblioteca Universitaria nos tres campus, baixou onte mércores o pano tras recadar máis de 8000 euros. Os sete días de mercados solidarios de libros nos centros, as bibliotecas e o Centro Comercial de Cidade Universitaria permitiron acadar unha cifra que os propios impulsores cualifican de “incrible, vendendo libros a 10, 5, 2 ou mesmo 1 euro”, como destaca Paz de la Peña. Nas semanas previas recibiron arredor de 3000 libros, doados tanto por particulares como por algunhas institucións e editoriais e mesmo achegados por escritores e escritoras que quixeron participar nesta iniciativa solidaria.
A boa resposta da comunidade universitaria anima á organización a pensar en novos proxectos. Pero antes diso teñen por diante un último evento dentro de Libros Salvavidas que pechará esta iniciativa. E é que este sábado ás 18.30 horas terá lugar un espectáculo de maxia no Colexio Apóstolo Santiago–Xesuítas de Vigo.
Mércores, 03 de maio do 2017

O físico Ángel Paredes ofrece este xoves un monólogo nas Noites con Chispa de El Cercano

E o universo… de que está feito?

Compartirá escenario, entre outros, co actor Sergio Pazos


ImageIntentar achegar o coñecemento científico á cidadanía é sempre un reto para os investigadores e investigadoras. Entre outras fórmulas para facelo, están os eventos de carácter divulgativo en contextos informais, nos que os científicos se "colan" en cafetarías, teatros ou outros espazos de ocio para ofrecer charlas amenas coas que transmitir coñecementos e sobre todo espertar o interese pola ciencia. Este xoves, nesta liña de actuación, o café cultural El Cercano celebrará a terceira edición das súas Noites con Chispa na que participará o físico do campus de Ourense Ángel Paredes.
Resultados 31 - 36 de 1999

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós