DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Deportes
Luns, 13 de febreiro do 2017

Fisioterapia acolle este mércores unha conferencia do médico Santiago Perote

Claves para derrubar mitos e facer da alimentación un piar da saúde

Neste coloquio aberto a toda a cidadanía, achegará unha serie de recomendacións sobre nutrición deportiva


Image“Unha boa saúde comeza pola alimentación”, sostén Santiago Perote, responsable da Unidade de Medicina Deportiva da Universidade e encargado este mércores, nunha actividade promovida pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, de achegar tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral unha serie de claves para unha correcta nutrición. Tanto desde unha óptica xeral, como poñendo o foco na propia nutrición deportiva, Perote incidirá no coloquio que protagonizará na Facultade de Fisioterapia na necesidade de dotar á cidadanía dunha maior información sobre un eido no que existen “moitos mitos e crenzas equivocadas”.
Luns, 13 de febreiro do 2017

O marcador final fronte a El Salvador B foi de 14-29

O Campus Universitario Ourense Coosur gaña en Valladolid e sitúase quinto na táboa

Os equipos de baloncesto e xadrez tiveron desigual sorte nos encontros disputados a fin de semana


ImageEste sábado, 11 de febreiro, o Campus Universitario Ourense Coosur desprazouse a Valladolid para disputar o partido aprazado correspondente á xornada 13 da división de honra B do rugby estatal. Nun encontro que se virou na súa contra na segunda metade, os ourensáns acadaron unha vitoria final de 14-29 que os ascende á quinta posición da táboa. Pola súa banda, os equipos de baloncesto e xadrez do campus tiveron desigual sorte nos encontros disputados a fin de semana, destacando a vitoria do equipo de baloncesto feminino contra Peleteiro.
Luns, 13 de febreiro do 2017

O seu filial, o Escola Universitaria de Vigo, encadeou a súa terceira derrota consecutiva

O equipo de xadrez da Universidade mantén o primeiro posto da División de Honra

Na próxima xornada os universitarios mediranse ao Círculo Chantadino e os seus filiais ao Laroca Nigrán A


ImageBoa fin de semana para o equipo de xadrez Universidade de Vigo EXP Estratexia pola Paz, que consegue manterse como líder da División de Honra despois de gañar 2-4 en Santiago de Compostela ao Algalia A. Ségueno de preto os dous equipos que máis incorporcións realizaron esta tempada: o Xadrez Ourense, a tan só medio punto, e o Círculo Chantadino, a dous puntos. Distinta sorte correu o filial Escola Universitaria de Vigo que encadea a súa terceira derrota consecutiva e segue en postos de descenso directo.
Venres, 10 de febreiro do 2017

‘Cross training’, abdominais ‘express’ e ‘circuit training’ son parte das actividades que cobren a lista

Actividades dirixidas e gratuítas completan a oferta deportiva da Universidade de Vigo

Tamén está á disposición da comunidade universitaria o programa ‘Ponte en Forma’


ImageNas vésperas de ano novo é común facer unha lista de propósitos entre ás que se inclúe a práctica de exercicio físico para mellorar a calidade de vida e a forma física. Sen embargo, por uns motivos ou outros, non todo o mundo é capaz de seguir a rutina, xa sexa pola falta de disciplina, de continuidade, de asesoramento ou polo aburrimento de facer exercicio só. Por iso, para axudar ás persoas na práctica física, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo ofrece de maneira gratuíta unha serie de actividades dirixidas polos técnicos deportivos da sala cardio fitness.
Xoves, 09 de febreiro do 2017

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto UTOP-Deporte e Liderado

O I Orienta-Campus aposta pola promoción do deporte de orientación entre a comunidade universitaria

En dous grupos, un de mañá e outro de tarde, realizaron unha carreira de iniciación


ImageO proxecto UTOP-Deporte e Liderado estreouse este curso impulsado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte coa finalidade de formar aos estudantes en competencias transversais como liderado, planificación, xestión da información, comunicación, emprendemento ou responsabilidade social, calidades todas elas cada vez máis valoradas polas empresas á hora de recrutar persoal. Dentro do programa formativo, cada un alumnos e alumnas participantes debe desenvolver un proxecto propio ao longo dos novos meses que pasan na Área de Benestar, Saúde e Deporte. O I Orienta-Campus é froito do traballo de Ángel Soto, estudante de Enxeñería Industrial.
Xoves, 09 de febreiro do 2017

Os seus postos volverán a percorrer este cuadrimestre os tres campus

Os Martes Saudables fomentarán a doazón de sangue e órganos entre a comunidade universitaria

A iniciativa dedicará en cada nova edición unha especial atención a unha temática concreta


ImageEsta semana a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia lanzaba a segunda fase da campaña de doazón de sangue nas universidades facendo unha chamada á participación ante o descenso paulatino de doazóns nos campus galegos nos últimos anos. Co obxectivo de contribuír a fomentar a solidariedade entre o alumnado neste eido, este cuadrimestre os postos informativos dos Martes Saudables volverán a percorrer os tres campus da Universidade de Vigo facendo nesta ocasión especial fincapé na doazón de sangue e órganos.
Resultados 25 - 30 de 1352

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós