DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Publicacións
Luns, 07 de novembro do 2016

Un libro recolle experiencias de éxito levadas a cabo neste eido entre 2013 e 2016

O debate entra nas aulas e faino para quedarse

No proxecto de innovación educativa participaron 28 docentes de catro universidades


ImageO debate académico, subliña Pablo Raúl Bonorino, profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense, ten demostrado ao longo da historia o seu valor formativo. Porén, a súa utilización nos países de fala hispana é practicamente nula cando nos países anglosaxóns constitúe “un dos piares básicos do seu sistema educativo”. Isto explica en parte, sinala, “as dificultades cada vez maiores que teñen os graduados e graduadas no noso país para expresarse oralmente e tamén a pouca tolerancia que manifestan cando discuten cuestións de relevancia social ou política”. Co obxectivo de contribuír a mudar esta situación, entre os anos 2013 e 2016 o docente coordinou un proxecto de innovación educativa que tivo como finalidade fomentar o debate nas aulas e que agora remata coa publicación dun libro no que “se corrobora con experiencias prácticas” os beneficios do seu uso tanto para alumnado como para profesorado.
Venres, 21 de outubro do 2016

Un libro recolle os estudos realizados polos grupos da Facultade de Ciencias da Educación no último lustro

100 anos despois de Risco, a investigación educativa loce os seus froitos

Os temas abordados abranguen desde a historia da Escola Normal de Mestres ata o acoso escolar


ImageEste ano cúmprese o centenario do ingreso de Vicente Risco na Escola da Normal de Ourense, antecedente da actual Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Nela, o intelectual galeguista desenvolveu o seu labor de formador de xeracións de profesoras e profesores que exerceron logo o seu maxisterio por toda Galicia. Aproveitando esta conmemoración, este xoves e venres a Fundación Vicente Risco e a Facultade de Ciencias da Educación organizaron unhas Xornadas Pedagóxicas nas que tamén se presentou o libro Estudos e Investigacións na Facultade de Educación de Ourense, 100 anos despois de Risco (1916-2016). A publicación recolle 25 traballos levados a cabo polos diferentes grupos de investigación do centro ourensán no último lustro. “A nosa memoria ten que ser o soporte sobre o que se asente o futuro da educación”, destaca Xosé Manuel Cid, coordinador da publicación.
Luns, 17 de outubro do 2016

O profesor Xosé H. Vázquez é o autor do estudo 'I+D+i empresarial en Galicia, dez mensaxes e unha proposta'

O Foro Económico de Galicia propón duplicar a innovación pero centrando o investimento en empresas disruptivas

A comunidade perdeu o 60% das súas compañías innovadoras e só conserva 997


ImageO Foro Económico de Galicia propón duplicar o investimento en innovación en Galicia, tanto público como privado, pero faino apostan por un cambio de modelo en dous eixos. Por unha banda, aposta por centrar a innovación en sectores disruptivos e non obsolescentes, e por outra, aplicar máis investimento á innovación non tecnolóxica, é dicir, no referente a organización, sistemas de información, loxística, reciclaxe,… Na actualidade Galicia está a cola de España en investimento en I+D+i, co 0,87% do PIB, case tres veces menos que o País Vasco (2,12%), autonomía de semellante tamaño económico e poboacional a Galicia. Estas son as conclusións que se recollen no estudo I+D+i empresarial en Galicia, dez mensaxes e unha proposta, presentado este luns en Vigo e asinado polo profesor Xosé H. Vázquez.
Martes, 11 de outubro do 2016

Segundo recolle o terceiro 'Informe de Conxuntura Socioeconómica do Ano 2016'

A economía galega medra pero mantén un alto desemprego

O documento tamén inclúe unha análise das consecuencias do Brexit


Image Foro Económico de Galicia presentou este martes en Santiago de Compostela o terceiro Informe de Conxuntura Socioeconómica do Ano 2016, coordinado por Fernando González Laxe. Segundo os datos recollidos no documento, “Galicia segue reducindo considerablemente a brecha de crecemento económico co resto de España”. O PIB Galicia medra un 3% interanual ata xuño de 2016, fronte ao 3,2% de España. A pesar deste crecemento, sinalan os expertos que realizaron o informe, a comunidade autónoma mantén unha elevada taxa de desemprego, que se sitúa no 17,7% da poboación activa e nun 43,7% no caso das persoas menores de 25 anos.
Xoves, 22 de setembro do 2016

Céntrase nas combinacións inglés/galego-portugués e alemán/galego-portugués e inclúe 600 exemplos

O profesor Carlos Garrido presenta unha innovadora monografía sobre a tradución de textos científicos didácticos e divulgadores

A pesares de se tratar dunha modalidade tradutiva de gran relevancia social, existen poucos estudos neste campo


ImageO inglés é o idioma dominante na ciencia e na investigación, pero para que os avances científicos cheguen á cidadanía precísase da divulgación e da didáctica como ponte entre estes dous ámbitos. É neste paso no que xoga un papel crucial a tradución. En linguas cunha reducida produción de textos científicos didácticos e divulgativos, como o galego, a tradución de textos, documentos, estudos, artigos, etc. abre unha fiestra enorme ao coñecemento, xa que permite que o público en xeral acceda a coñecementos e información que, doutro xeito, lle serían alleos. Pero a pesar de todas estas funcións de grande importancia social, a tradución de textos científicos didácticos e divulgadores “representa unha área aínda pouco atendida polos estudos de tradución”. Así o explica o docente da Facultade de Filoloxía e Tradución Carlos Garrido, que acaba de publicar unha monografía que trata de encher este baleiro titulada A Traduçom do Ensino e Divulgaçom da Ciência.
Martes, 20 de setembro do 2016

Santiago Lago e Alberto Vaquero analizan nela as fórmulas de descentralización

Investigadores do Grupo Gen propoñen nunha publicación como mellorar o sistema tributario español

O estudo foi presentado este martes no Centro de Estudos Políticos e Constitucionais


ImageO Centro de Estudos Políticos e Constitucionais, en Madrid, acolleu este martes a presentación do libro Descentralización y sistema tributario: lecciones de la experiencia comparada, realizado polos docentes e investigadores do Grupo Gen da Universidade de Vigo Santiago Lago e Alberto Vaquero. A publicación, tal e como sinalan os seus autores, trata de “enmarcar e avaliar a experiencia española, sinalando as súas dificultades e retos pendentes, en especial no ámbito autonómico”. A obra, promovida pola Fundación Impostos e Competitividade, realiza unha serie de recomendacións sobre os diferentes tributos en relación á súa descentralización.
Resultados 25 - 30 de 348

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós