DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Publicacións
Martes, 22 de novembro do 2016

Nun informe presentado este martes en Santiago de Compostela

O Foro Económico de Galicia aposta pola diversificación e a innovación como fórmulas de futuro para o rural

Entre as propostas realizadas está crear un portal único para o emprendemento agroalimentario


Image“Desenvolver actividades que permitan unha diversificación da base económica dos espazos rurais, partindo do potencial de recursos existentes pero apostando pola diversificación e a innovación baixo unha estratexia de marca país”. Esta é a proposta xeral do estudo Novas demandas para o rural galego presentado este martes polo Foro Económico de Galicia no Centro Social Abanca de Santiago. O documento elaborado polos economistas e profesores José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, e María Xosé Vázquez, membro do Grupo de Investigación Economía dos Recursos Naturais e Ambientais da Universidade de Vigo, analiza a situación actual do medio rural.
Luns, 21 de novembro do 2016

A profesora Yolanda Barriocanal presentou este luns o seu último libro

600 páxinas de minuciosa recollida da actividade escultórica en Ourense durante o Renacemento

O padroado relixioso foi o principal cliente destes artistas


ImageUn estudo da actividade escultórica na cidade e diocese de Ourense durante o Renacemento, nun marco cronolóxico que vai desde as primeiras décadas do século XVI ás do XVII, “no que se analiza tanto a produción dos mestres autóctonos como a dos artistas que durante este tempo se achegaron a estas terras atraídos pola crecente demanda, a miúdo portadores de novidades creativas que deixaron unha profunda pegada na rexión”. Deste xeito, preséntase o libro La actividad escultórica en Ourense. Del Renacimiento al Barrroco, de Yolanda Barriocanal, profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Vigo.
Venres, 18 de novembro do 2016

A profesora Mabel Míguez é unha das autoras dun libro sobre turismo e comunicación 2.0

Os principais destinos turísticos carecen dunha estratexia de comunicación en redes sociais

O volume recolle as principais conclusións dunha investigación liderada pola Universidad Rovira i Virgili


ImageA pesares de que as redes sociais e chamados medios sociais constitúen na actualidade unha ferramenta fundamental para a promoción dos destinos turísticos, os principais destinos españois defínese pola “falta de estratexia na comunicación que se fai nestes medios online”. Esta é, segundo apunta a profesora da Facultade de CCSS e da Comunicación Mabel Míguez, unha das principais conclusións do proxecto ComTur 2.0, no que esta investigadora participou xunto con docentes de diferentes universidades españolas, baixo a coordinación de investigadores da Universidad Rovira i Virgili.
Luns, 07 de novembro do 2016

Un libro recolle experiencias de éxito levadas a cabo neste eido entre 2013 e 2016

O debate entra nas aulas e faino para quedarse

No proxecto de innovación educativa participaron 28 docentes de catro universidades


ImageO debate académico, subliña Pablo Raúl Bonorino, profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense, ten demostrado ao longo da historia o seu valor formativo. Porén, a súa utilización nos países de fala hispana é practicamente nula cando nos países anglosaxóns constitúe “un dos piares básicos do seu sistema educativo”. Isto explica en parte, sinala, “as dificultades cada vez maiores que teñen os graduados e graduadas no noso país para expresarse oralmente e tamén a pouca tolerancia que manifestan cando discuten cuestións de relevancia social ou política”. Co obxectivo de contribuír a mudar esta situación, entre os anos 2013 e 2016 o docente coordinou un proxecto de innovación educativa que tivo como finalidade fomentar o debate nas aulas e que agora remata coa publicación dun libro no que “se corrobora con experiencias prácticas” os beneficios do seu uso tanto para alumnado como para profesorado.
Venres, 21 de outubro do 2016

Un libro recolle os estudos realizados polos grupos da Facultade de Ciencias da Educación no último lustro

100 anos despois de Risco, a investigación educativa loce os seus froitos

Os temas abordados abranguen desde a historia da Escola Normal de Mestres ata o acoso escolar


ImageEste ano cúmprese o centenario do ingreso de Vicente Risco na Escola da Normal de Ourense, antecedente da actual Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Nela, o intelectual galeguista desenvolveu o seu labor de formador de xeracións de profesoras e profesores que exerceron logo o seu maxisterio por toda Galicia. Aproveitando esta conmemoración, este xoves e venres a Fundación Vicente Risco e a Facultade de Ciencias da Educación organizaron unhas Xornadas Pedagóxicas nas que tamén se presentou o libro Estudos e Investigacións na Facultade de Educación de Ourense, 100 anos despois de Risco (1916-2016). A publicación recolle 25 traballos levados a cabo polos diferentes grupos de investigación do centro ourensán no último lustro. “A nosa memoria ten que ser o soporte sobre o que se asente o futuro da educación”, destaca Xosé Manuel Cid, coordinador da publicación.
Luns, 17 de outubro do 2016

O profesor Xosé H. Vázquez é o autor do estudo 'I+D+i empresarial en Galicia, dez mensaxes e unha proposta'

O Foro Económico de Galicia propón duplicar a innovación pero centrando o investimento en empresas disruptivas

A comunidade perdeu o 60% das súas compañías innovadoras e só conserva 997


ImageO Foro Económico de Galicia propón duplicar o investimento en innovación en Galicia, tanto público como privado, pero faino apostan por un cambio de modelo en dous eixos. Por unha banda, aposta por centrar a innovación en sectores disruptivos e non obsolescentes, e por outra, aplicar máis investimento á innovación non tecnolóxica, é dicir, no referente a organización, sistemas de información, loxística, reciclaxe,… Na actualidade Galicia está a cola de España en investimento en I+D+i, co 0,87% do PIB, case tres veces menos que o País Vasco (2,12%), autonomía de semellante tamaño económico e poboacional a Galicia. Estas son as conclusións que se recollen no estudo I+D+i empresarial en Galicia, dez mensaxes e unha proposta, presentado este luns en Vigo e asinado polo profesor Xosé H. Vázquez.
Resultados 37 - 42 de 363

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós