DUVI. Diario da Universidade de Vigo

Xeral

Luns, 13 de setembro do 2010

Para Salustiano Mato este é ademais “o ano máis difícil no eido económico”

A Universidade de Vigo estrea curso con todas as súas titulacións adaptadas ao EEES

Con catorce novos graos e trece novos posgraos nos tres campus


ImageA Universidade de Vigo comeza o curso 2010-2011 con toda a súa oferta académica adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior e estreando catorce novos graos e trece novos posgraos nos tres campus. Complétase así un mapa de titulacións conformado por 51 graos e 75 mestrados. Con todo, este novo curso está marcado polos recortes no financiamento e pola presentación do proxecto do Campus do Mar á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional.
O reitor Salustiano Mato apunta que este é “o ano máis difícil para a Universidade de Vigo no eido económico”. Fronte a isto “tentaremos abrir a porta dos Campus de Excelencia Internacional a través do Campus do Mar, que nos permita transitar por un camiño cheo de oportunidades que pode minimizar o impacto de crise".
Xoves, 15 de xullo do 2010

Salustiano Mato deu a benvida aos membros dun renovado e paritario “parlamento da Universidade”

O novo Claustro elixe os seus representantes no Consello de Goberno

35 voceiros aos que se sumará o reitor, vicerreitores, secretaria xeral e xerente, entre outros


ImageA primeira sesión do novo Claustro, o máximo órgano de representación e de control da comunidade universitaria, elixiu hoxe os 35 representantes deste órgano no Consello de Goberno, 15 portavoces elixidos entre os decanos de facultade e directores de centro, departamento e de institutos de investigación e outros 20 procedentes dos tres sectores que conforman a comunidade universitaria: profesorado, estudantes e persoal de administración e servizos. Nunha sesión que o reitor, Salustiano Mato, cualificou como “histórica” pola ampla participación acadada, constituíse un claustro “moi renovado e paritario” que, segundo as verbas do reitor, traballará de xeito común “para decidir os mellores camiños e buscar posturas o máis enriquecedoras posibles”.
Venres, 21 de maio do 2010

Alternativa Universitaria revalida o seu mandato por cuarta vez consecutiva

Salustiano Mato, novo reitor da Universidade de Vigo

Co respaldo de todos os sectores agás o PAS que deu o seu apoio a Nova Universidade


ImageO catedrático de Zooloxía, Salustiano Mato, será o quinto reitor da Universidade de Vigo despois que a candidatura de Alternativa Universitaria que lidera acadase o 52,60% do voto ponderado. Tras un reconto marcado pola igualdade, Mato, conseguía pouco antes das 21.00 horas do xoves, confirmar a súa vitoria fronte á candidatura de Nova Universidade liderada por Jaime Cabeza que acadaba o 47,40%. Nunha xornada de votación na que foron os sectores do PDI-A, cun 90% e do PAS cun 75% os que acadaron as maiores porcentaxes de participación, seguidos do PDI-B cun 56% e o sector C (alumnado), cun 16%, Alternativa Universitaria revalidou o seu mandato por cuarta vez consecutiva. Como xa ocorrera en anteriores citas electorais a formación de Salustiano Mato obtivo a confianza de todos os sectores, agás do PAS que maioritariamente apoiou a Nova Universidade.
Xoves, 20 de maio do 2010

Salustiano Mato e Jaime Cabeza agardan unha participación masiva que lles dea a vitoria

As chamadas á participación marcan a xornada de votacións na Universidade de Vigo

O novo reitor coñecerase a partir das 21.00 horas


Image A Universidade de Vigo elixe ata as 19.00 horas ao quinto reitor e aos membros do sexto Claustro da súa historia nunha xornada que comezou pouco antes das 10 da mañá coa constitución nos tres campus das 23 mesas nas que ao longo da xornada depositarán os seus votos os membros da comunidade universitaria.
Os candidatos a reitor, Salustiano Mato e Jaime Cabeza, exerceron o seu dereito ao voto no campus de Vigo, nas facultades de Bioloxía e Ciencias Xurídicas, respectivamente, onde manifestaron o seu desexo de que o proceso electoral rexistre unha elevada participación, en especial no sector do alumnado, así como a súa confianza na posibilidade de convertese no vindeiro reitor da Universidade de Vigo. “Espero gañar a confianza da comunidade universitaria para gobernar os próximos catro anos”, asegurou o candidato de Alternativa Universitaria, Salustiano Mato, mentres que o candidato de Nova Universidade, Jaime Cabeza, afirmou que “hoxe vai haber un gran cambio nesta Universidade”.

Martes, 18 de maio do 2010

Jaime Cabeza e Salustiano Mato celebraron a fin dos actos electorais no campus de Vigo

Os candidatos a reitor pechan campaña amosando o seu convencemento na vitoria

Máis de 23.000 persoas están chamadas a elixir a novo reitor e aos representantes no Claustro


Image O campus de Vigo foi o lugar elixido polos candidatos a reitor da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza e Salustiano Mato, para pechar a campaña electoral dous días antes da celebración da votación que determinará se Nova Universidade ou Alternativa Universitaria dirixen o destino da institución os vindeiros catro anos. Ambos candidatos coincidiron en sinalar o seu convencemento na vitoria e animaron á comunidade universitaria, en especial ao alumnado, a participar no proceso electoral que se desenvolverán o vindeiro xoves e no que tamén se elixirán os representantes do Claustro. Atrás quedan dez días de campaña nos que os candidatos a reitor percorreron escolas e facultades dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, explicando cadanseu programa e demandando o voto do PDI, do PAS e do alumnado que conforma un censo que supera as 23.000 persoas.
O reitor determínase mediante elección directa e sufraxio universal, libre e secreto, sendo o voto ponderado por sectores. Pola súa banda o Claustro estará composto por 254 membros que por primeira vez serán elixidos con criterios que fomenten a paridade de xeito que os electores e electoras só poidan votar a un máximo dun 60% de candidatos dun xénero, resultando elixidos os que obteñan maior número de votos.
Xoves, 13 de maio do 2010

Entrevista co candidato de Nova Universidade no Duvi

Jaime Cabeza, candidato a reitor: “A alternativa somos nós e non eles”


Image Tras unha época na que afirma “partíamos como vítimas propiciatorias”, Nova Universidade, segundo o candidato a reitor, Jaime Cabeza, chega á recta final da campaña “coa seguridade de que vai a haber un cambio”. Moi crítico coa xestión desenvolvida polo goberno de Alternativa Universitaria que asegura estivo presidido pola “desorde”, Cabeza avoga polo benestar, “que non comodidade”, aclara, ao tempo que explica que nos vindeiros catro anos “o cemento non pode ser unha prioridade”. Identificado coa historia de Nova Universidade, amósase rotundo ao asegurar que “se chame Alternativa Universitaria alguén que leva 12 anos no poder e quere estar catro anos máis, se parece moito a estes mexicanos do Partido Revolucionario Institucional que levaban 70 anos no poder e seguían chamándose revolucionarios. A Alternativa somos nós e non eles, está claro”.
Resultados 13 - 18 de 96

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós