DUVI. Diario da Universidade de Vigo

Xeral

Luns, 20 de xullo do 2009

A Universidade facilita a realización en liña de todos os trámites necesarios

Matrícula en primeiro a golpe de click

Vigo convértese no primeiro centro a nivel nacional con vídeos explicativos en lingua de signos


ImageMatricularse na Universidade de Vigo con todos os trámites que isto conleva, incluído o pago da matrícula, sen desprazarse do propio fogar ou de calquera lugar con acceso a Internet é xa posible grazas a Xescampus, unha plataforma tecnolóxica de última xeración que facilita ao estudante, de xeito sinxelo e seguro, a realización en liña de todos os trámites que require o proceso de matrícula na Universidade.
A nova ferramenta está xa a disposición dos estudantes que a partir de mañá martes e ata o xoves se matriculen no primeiro prazo de matrícula nas titulacións con límite de prazas, se ben poderán beneficiarse do sistema todos os estudantes, independentemente do curso no que se matriculen.
A nova medida, implantada co obxectivo de facerlle a chegada máis doada e accesible aos novos alumnos, insírese na forte aposta do equipo de goberno polo impulso á utilización das novas tecnoloxías e a achegar a administración aos usuarios.
Venres, 03 de xullo do 2009

Integrada polas tres universidades galegas

Constituída a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística para fomentar o uso da lingua galega


Co obxectivo de promover a coordinación do proceso de normalización lingüística no ámbito universitario e co compromiso de fomentar o uso da lingua no espazo de educación superior, as tres universidades galegas veñen de constituír a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística.
Baixo a presidencia rotatoria dos tres reitores e coa participación de responsables da promoción e extensión de usos da lingua das tres universidades, a Comisión pretende rendibilizar recursos e homexeneizar a planificación normalizadora no ámbito universitario.
Mércores, 01 de xullo do 2009

Froito da adaptación ao EEES

A Universidade renova a súa oferta para o vindeiro curso con 23 graos e 65 mestrados

Convivirán coas enxeñarías, que se transformarán no curso 2010-2011


ImageO proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior implica unha fonda renovación no mapa de titulacións da Universidade de Vigo que no curso 2009/2010 ofrecerá un total de 25 graos e 65 títulos de mestrado. Xa no seguinte ano académico procederase á implantación dos novos graos froito da transformación das enxeñarías e enxeñarías técnicas cos que se completará a oferta docente de grao da Universidade de Vigo. En total serán arredor de 3100 prazas de novo ingreso, “o que non supón ningunha modificación con respecto ao ano anterior”, segundo salientou o reitor, que destacou que este é o primeiro ano que todo o proceso de preinscrición e matrícula “se pode facer integramente a través de internet”.
Na presentación da nova oferta docente o reitor, Alberto Gago, abordou temas como a transformación de Física nun grao en Ciencias Ambientais, a adaptación das enxeñarías, o panorama de titulacións no ámbito empresarial ou o futuro das enfermarías de Ourense e Pontevedra.
Martes, 09 de xuño do 2009

Segundo o acordo adoptado polo Consello de Goberno

A Xunta de titulación de ADE perfilará os futuros graos en Ciencias Empresariais que se impartirán en Vigo e Ourense

Confirmouse un cuarto prazo de pago da matrícula e aprobouse o protocolo para sistemas de videovixilancia


Image A Xunta de titulación de ADE (Administración e Dirección de Empresas) encargarase de dar cumprimento á instrución da Consellería de Educación para a elaboración dos graos vinculados coas Ciencias Empresariais que comezarán a impartirse o curso 2010-2011 nos campus de Ourense e Vigo. O Consello de Goberno celebrado hoxe acordou que sexa a Xunta de titulación de ADE, que integra a representantes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, da Escola de Ciencias Empresariais e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, a que se encargue de acordar o perfil dos novos graos a implantar e logo que a Escola de Torrecedeira e a Facultade de Ourense, traballen na elaboración de cadansúa memoria.
Na sesión confirmouse ademais que o vindeiro curso o alumnado disporá dun prazo máis para facer fronte ao pago da matrícula. O primeiro deles coincidirá coa matriculación, o segundo queda fixado o 15 de decembro, o terceiro o 15 de febreiro e o cuarto o 15 de marzo.
Sábado, 30 de maio do 2009

Confirmouno Alberto Gago segundo se deriva do avanzado polo conselleiro de Educación

Dous novos graos do ámbito das CC.Empresariais impartiranse o curso 2010-2011 nos campus de Vigo e Ourense

O reitor da Universidade de Vigo cre que "o sistema universitario galego está roto"


Image Dous novos graos do ámbito das Ciencias Empresariais derivados da transformación das diplomaturas que na actualidade se imparten nos campus de Vigo e Ourense, implantaranse a partir do curso 2010-2011 na Universidade de Vigo. Esta foi a confirmación realizada hoxe polo reitor Alberto Gago despois da reunión que onte celebrou o Consello Galego de Universidades e na que ante a falta de acordo en relación coas titulacións do ámbito das Ciencias Empresariais, o conselleiro acordou remitir o luns ás universidades unha carta coas directrices a implantar. Ademais de que “no caso de Vigo a Xunta aposta por dous novos graos en Ciencias Empresariais froito da transformación da diplomaturas que actualmente se imparten en Vigo e Ourense”, confirmou Gago, a misiva que Jesús Vázquez trasladará o luns ás universidades contempla “ prorrogar as diplomaturas un curso máis” e que a Universidade de A Coruña implante, tamén, o vindeiro curso o grao en Ciencias Empresariais “coa condición de que non poderá modificalo”.
Martes, 26 de maio do 2009

Equiparación de profesorado, paridade e revitalización do Claustro, liñas fundamentais

A Universidade de Vigo adapta os seus Estatutos á LOU cun amplo respaldo do Claustro

A elección do reitor seguirá realizándose por sufraxio universal


Image O traballo de adaptación dos estatutos da Universidade de Vigo á reformada Lei Orgánica de Universidades(LOU), culminou hoxe coa aprobación por ampla maioría dos membros do Claustro (127 votos a favor, cero en contra e tres abstencións), do documento de anteproxecto de Estatutos da Universidade de Vigo que incorpora ademais os cambios derivados do Estatuto básico do empregado público, da Lei de contratos de estado e da Lei de igualdade entre homes e mulleres.
Unha comisión especialmente creada para a reforma dos Estatutos traballou durante meses nun proceso que segundo a súa presidenta e secretaría xeral da Universidade, Esther González, derivou nun documento “froito do esforzo e do consenso de todos” e polo que agradeceu o traballo desenvolvido por todas as persoas que participaron do proceso.
Resultados 43 - 48 de 96

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós