DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Ourense

Campus Ourense

Martes, 11 de outubro do 2016

Este martes asináronse varios convenios de colaboración coa Deputación Provincial

195.000 euros para actividades de difusión cultural, investigación e mobilidade no campus de Ourense

Salustiano Mato e Manuel Baltar salientaron a "alianza estratéxica" que existe entre as dúas institucións


Image195.000 euros para actividades de difusión cultural e deportiva, de investigación e de mobilidade. Esta é a cantidade económica que a Deputación Provincial de Ourense destinará este ano ao financiamento de diferentes accións do campus de Ourense. Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, asinaron este martes dous convenios de colaboración entre as dúas entidades. O primeiro, destinado ao desenvolvemento de actividades de difusión cultural no campus de Ourense, está dotado con 185.000 euros. O segundo, para as bolsas Ourense Exterior, recibe 10.000 euros da entidade provincial. A cifra supón un incremento respecto a 2015 e amosa, segundo destacaron os responsables das dúas entidades, “a alianza estratéxica" e permanente que une á institución académica e á provincial.
Mércores, 05 de outubro do 2016

Representantes de 30 institucións académicas estatais decidiron pór en marcha esta rede

A Universidade participa na creación da Plataforma de Estudos Feministas e de Xénero

O seu obxectivo é esixir o cumprimento da lei en materia de igualdade


ImageO pasado 30 de setembro representantes de 30 universidades españolas déronse cita nas I Xornadas de Centros Universitarios de Estudos Feministas e de Xénero, organizadas polo Instituto Universitario de Estudos de Xénero da Universidade Carlos III de Madrid. Froito dese encontro, as entidades participantes decidiron pór en marcha a Plataforma Universitaria de Estudos Feministas e de Xénero. O seu obxectivo será esixir o cumprimento da lei en materia de igualdade e o recoñecemento oficial da investigación en estudos de xénero e feministas en España.
Venres, 30 de setembro do 2016

O proxecto de especialización está presente na 16ª edición desta feira internacional

O Campus da Auga amosa en Termatalia México os seus primeiros produtos académicos e científicos

Virxilio Rodríguez e José María Faílde participan no evento


ImageEste xoves arrancou a celebración da 16ª edición da Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar Termatalia, que nesta ocasión ten lugar en México contando coa presenza de máis de 200 expositores de 30 países. O proxecto de especialización do campus de Ourense, o Campus da Auga, participa un ano máis en Termatalia amosando aos axentes do sector as características desta iniciativa e os seus primeiros produtos académicos e científicos, como son o seu programa de doutoramento e o próximo II Simposio de Termalismo e Calidade de Vida.
Venres, 16 de setembro do 2016

A cidade acolleu este venres a celebración do día internacional deste movemento

Os valores do olimpismo enraízan en Ourense

Julio Fernández e El Corte Inglés Galicia foron distinguidos pola súa traxectoria no fomento do deporte


ImageO Parque do Milenio da cidade de Ourense acolleu este venres a celebración do II Día do Olimpismo Galego, unha cita coa que se pretende non só recoñecer e fomentar este movemento senón tamén os valores asociados a el, como o esforzo, a amizade, o respecto, o xogo limpo, a capacidade de superación e o equilibrio entre corpo e mente. Organizado pola Academia Olímpica Española, do Comité Olímpico Español, e os centros de estudos olímpicos das tres universidades galegas en colaboración co Concello de Ourense, durante o acto recoñeceuse o fomento destes valores na cidade das Burgas e o labor feito por persoas e entidades na difusión do deporte.
Venres, 08 de xullo do 2016

Organizada co gallo das vodas de prata da Universidade de Vigo

A exposición '25 anos máis' pecha en Celanova o seu percorrido por concellos da provincia

Anteriormente estivo en Ourense, Ribadavia, A Rúa, Verín, Xinzo de Limia e O Carballiño


ImageA exposición 25 anos máis, organizada pola Universidade de Vigo co gallo do seu 25 aniversario, pecha este mes en Celanova o seu percorrido pola provincia. Aproveitando a celebración na localidade do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que forma parte da programación de cursos de verán do campus de Ourense, a mostra foi inaugurada este venres na Praza Maior da vila. O seu obxectivo é unha vez máis achegar a institución académica aos concellos ourensáns e recoñecer o importante papel que xogan no desenvolvemento neste caso do campus de Ourense, xa que deles procede boa parte do seu alumnado e neles traballa boa parte dos seus egresados e egresadas.
Xoves, 07 de xullo do 2016

As principas liñas de interese foron os sectores aeroespacial, automotriz e agrotecnolóxico

Empresas TIC de México e Galicia exploraron no campus novas oportunidades de negocio

O encontro contou coa participación de arredor dunha trintena de persoas de ambos países


ImageA Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolleu este xoves un encontro de empresas tecnolóxicas de México con empresas e grupos de investigación deste sector en Galicia. A iniciativa, organizada por INEO, tivo como obxectivo explorar novas oportunidades de negocio bilateriais. O maior interese das entidades mexicanas participantes centrouse nos sectores aeroespacial, automotriz e agrotecnolóxico, tendo en conta as características e potencialidades dos territorios representados no encontro.
Resultados 31 - 36 de 428

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós