DUVI. Diario da Universidade de Vigo

Campus Ourense

Mércores, 14 de decembro do 2016

A terceira edición deste evento terá lugar o venres 23 de decembro no Edificio Politécnico

'Ideas for Ourense' volve ao campus para fomentar o emprendemento

Oito persoas explicarán as súas traxectorias e proxectos innovadores


ImageNo ano 2014 botou a andar en Granada Ideas for, unha iniciativa que “pretende tecer redes entre persoas con ganas de traballar pola súa cidade”, segundo explican os seus promotores. Para acadalo, o día 23 de decembro reúnen en cada cidade participante, un total de 17, a un grupo de persoas novas, dinámicas e emprendedoras para contar os seus proxectos e ideas e a un público con ganas de motivación e inspiración para facer cousas novas. A cita en Ourense volverá a celebrarse no campus de Ourense, agardando a organización repetir a cifra do pasado ano de 200 asistentes.
Martes, 13 de decembro do 2016

O campus acolleu este martes o espectáculo inclusivo 'Unhas gafas como as do avó'

Érase unha vez... un conto no que a lingua a oral e a de signos se convertían nunha única linguaxe

De Gema Santos e Felipe Díaz, coñecido como Caxoto


ImageUn conto inclusivo feito para entreter xuntas a persoas con e sen discapacidade auditiva. Con esta idea, Gema Santos e Felipe Díaz, coñecido como Caxoto, representaron este martes no campus de Ourense o seu espectáculo Unhas gafas como as do avó. A actividade, que tivo lugar no marco dunha Sesión de contos infantís bilingües: fomentando a inclusión (lingua oral e de signos), contou coa asistencia e participación de arredor dun centenar de escolares de 6 e 7 anos do centro Mestre Vide de Ourense. Eles e elas puideron comprobar en primeira persoa como unha historia pode ser contada de xeito tal que é entendida ao mesmo tempo por persoas xordas e oíntes.
Luns, 12 de decembro do 2016

Ciencias Empresariais e Turismo organizou este luns as xornadas 'Hostalaría e sociedade'

Inclúese no menú o compromiso coa contorna

Responsables dos restaurantes Nova e Galeguesa explicaron os seus modelos de negocio


ImageA Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense organizou este luns unha xornada que baixo o título Hostalaría e sociedade quixo amosar ao alumnado do centro modelos de negocio novos que destacan, entre outras cuestións, polo seu compromiso coa contorna. Deste xeito, Daniel Guzmán e Julio Sotomayor, propietarios e chefs do restaurante Nova, explicaron a súa aposta polos produtores locais e pola “cociña de raíces” e Aser Álvarez falou do Grupo Galeguesa, que abrangue desde unha facenda de gando vacún no rural ata un restaurante en Vigo no que se serve o seu produto estrela, hamburguesas.
Venres, 09 de decembro do 2016

As actividades están dirixidas a rapaces e rapazas de diferentes idades

Enxeñaría Informática celebrará a Hora do Código con talleres de impresión 3D, programación e drones

A cita desenvolverase no campus de Ourense o sábado 17 de decembro


ImageCada ano por estas datas celébrase internacionalmente desde o ano 2013 a chamada Hora do Código, unha iniciativa da entidade estadounidense Code.org que ten coma obxectivo ensinarlle a nenos e nenas programación e coñecementos básicos de informática. No marco desta iniciativa, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia está a desenvolver actividades divulgativas en varios centros educativos, contando coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense (ESEI) e da Facultade de Informática da Coruña. O 17 de decembro, a ESEI unirase a esta celebración acollendo diversos obradoiros.
Venres, 09 de decembro do 2016

A formación desenvolverase as fins de semana entre o 27 de xaneiro e o 26 de marzo

A Escola de Tempo Libre Universitaria convoca unha nova edición do seu curso de monitor

O título está acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado


Image2016 está a chegar ao seu fin e é o momento de pór en marcha as iniciativas que se desenvolverán ao longo do novo ano. A Escola de Tempo Libre Universitaria do Campus de Ourense e a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE convocan unha nova edición do seu Curso de Monitor de Tempo Libre. A formación, que cada ano conta cunha elevada demanda de solicitudes, principalmente entre o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación, desenvolverase durante as fins de semana entre o 27 de xaneiro e o 26 de marzo. As persoas que realicen este curso obteñen un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Mércores, 07 de decembro do 2016

Coa participación de propietarios de Casa Galeguesa e o restaurante Nova

Unhas xornadas afondarán na relación entre hostalaría e sociedade

O obxectivo é que o alumnado de Turismo coñeza novos modelos de xestión


ImageA Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense organiza o día 12 de decembro a Xornada Hostalaría e sociedade. A iniciativa, explica Francisco Javier Sánchez, coordinador da actividade, ten como obxectivo que o alumnado, principalmente de Turismo pero tamén o de Administración e Dirección de Empresas, coñeza casos de éxito no eido da hostalaría levados a cabo por xente nova e cun enfoque no que tamén ten protagonismo a relación coa contorna na que nacen. Para acadalo, achegaranse ao campus de Ourense a falar dos seus proxectos propietarios do restaurante Nova e de Casa Galeguesa.
Resultados 49 - 54 de 1087

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós