DUVI. Diario da Universidade de Vigo

Campus Vigo

Mércores, 03 de maio do 2017

Participou no ciclo 'Entre poetas', financiado pola Unidade de Igualdade

Ángeles Mora, Premio Nacional de Poesía 2016, comparte experiencias co alumnado de filoloxía

Afondou na súa traxectoria poética, así como no seu proceso e intereses creativos


ImageO alumnado do Grado de Estudos Galego-Español tivo este mércores a oportunidade de compartir experiencias cun dos grandes nomes da poesía española actual, a poeta cordobesa Ángeles Mora, Premio Nacional da Crítica e Premio Nacional da Poesía 2016, polo seu poemario Ficciones para una autobiografía (Bartleby Editores). Con ela tiveron a oportunidade de escoitar en primeira persoa un resumo da súa traxectoria poética, do seu proceso e intereses creativos e de sentir na súa voz os seus propios versos. Financiada pola Unidade de Igualdade, con esta charla pechouse o ciclo Entre poetas: dúas aproximacións a poetas españolas contemporáneas, que tamén trouxo a Vigo –o pasado mes de marzo- á poeta Gloria Bosch, quen afondou na figura de Gloria Fuertes.
Venres, 28 de abril do 2017

Presentáronse 20 proxectos de ámbitos como TIC, saúde ou alimentación

LPRO Days saca a relucir as ideas máis innovadoras do alumnado da EE de Telecomunicación

Gradiant e a empresa Cardiovascular Gallega entregaron premios ás mellores propostas


ImageUn sistema de detección e láser contra a avespa velutina, un de alerta ao condutor, outro para contar persoas en manifestacións, un para traducir lingua de signos empregando recoñecemento de vídeo, unha aplicación que funciona como asistente nutricional ou un simple, pero moi útil, afinador automático de guitarras. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación viviu este venres unha das xornadas máis importantes do curso coa celebración de LPRO Days, un día co que dar a coñecer os traballos feitos polo alumnado de último curso no marco da materia Laboratorio de proxectos. Con certos nervios pero moita profesionalidade, pasaron a mañá presentando os produtos a docentes, ao resto de compañeiras e compañeiros e aos representantes do sector empresarial.
Venres, 28 de abril do 2017

Na 8º edición participaron 139 alumnos de Bioloxía, EE Industrial, CCXX e do Traballo e Filoloxía e Tradución

O Congreso de Traballos Colaborativos consolídase como punto de encontro de estudantes das diferentes titulacións de Vigo

Hoxe venres presentáronse os 21 traballos que desenvolveron en grupos multidisciplinares


Image Dous dos principais retos do alumnado universitario son o traballo en grupo e as presentacións de traballos en público. Para traballar estas dúas capacidades hai catro anos naceu unha iniciativa que busca que estudantes de diferentes titulacións do campus de Vigo se unan en grupos multidisciplinares para preparar proxectos científicos e presentalos publicamente. Este venres desenvolveuse a oitava destas citas, o VIII Congreso de Traballos Colaborativos, no que 139 alumnos e alumnas das facultades de Bioloxía, CCXX e do Traballo, Filoloxía e Tradución e a Escola de Enxeñería Industrial presentaron 21 traballos que abordan eidos como a viticultura, a veterinaria, as enerxías renovables, a acuicultura ou a xenética. Detrás desta iniciativa están os profesores da EE Industrial José Luis González Cespón e José Antonio Alonso Rodríguez.
Xoves, 27 de abril do 2017

Garda importantes relacións coa regueifa galega e a ‘peleja’ portuguesa

A Cátedra Internacional José Saramago achega a Vigo a literatura de cordel brasileira

Este venres inician tamén a xira por Galicia da escritora portuguesa Isabela Figueiredo


ImageA literatura de cordel brasileira, exemplo claro de tradición oral e popular e con moitas similitudes á regueifa galega e a peleja portuguesa, ten as súas orixes no romanceiro luso e español da Idade Media e do Renacemento, pero a día de hoxe é unha gran descoñecida en Galicia. Conscientes desta realidade a Cátedra Internacional José Saramago celebrou este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución un coloquio co que dar a coñecer este tipo de literatura e a isto sumaranlle, probablemente o vindeiro mes de xuño, unha demostración práctica no Instituto Camões de Vigo.
Xoves, 27 de abril do 2017

O profesor e investigador Eladio Anxo Fernández Manso impartiu un relatorio sobre

O perruqueiro galego de Mauthausen

Joaquín Balboa, natural de Monterrei, sobreviviu ao campo de concentración nazi


ImageJoaquín Balboa naceu en Estevesiños (Monterrei) en 1908 e morreu na súa aldea natal en 1994. Entre estas dúas datas, a súa vida foi un reflexo da historia de España e de Europa: emigrante en Barcelona, combatente republicano na Guerra Civil, exiliado en Francia e preso nos campos de concentración nazis. A súa memoria, xunto coa de outras moitas vítimas galegas do nazismo revive esta semana nunha exposición fotográfica na Facultade de Filoloxía e Tradución e nun relatorio impartido este xoves polo profesor Eladio Anxo Fernández Manso. Estas actividades, impulsadas polos investigadores Xoán Manuel Garrido e Óscar Ferreiro, do grupo TI4 Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, teñen como obxectivo recuperar a memoria das vítimas do Holocausto.
Xoves, 27 de abril do 2017

A Facultade organiza unha xornada de difusión das competencias profesionais

Titulados en Ciencias do Mar, eses grandes descoñecidos

Egresadas e egresados que traballan no estranxeiro e en Galicia achegarán a súa experiencia


Image Os máis de 25 anos de existencia, primeiro da licenciatura e posteriormente do grao en Ciencias do Mar, aínda non foron suficientes para que, sobre todo en España, as e os profesionais saídos das aulas das seis universidades onde se imparten estes estudos conten co coñecemento e recoñecemento social e profesional do que si gozan en moitos outros países. É así que en EEUU, Australia, Canadá ou Italia desenvolven a súa actividade varios profesionais que cursaron os seus estudos na Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, tituladas e titulados que o vindeiro 5 de maio volverán ao centro, para relatar a súa experiencia en organismos e empresas como a NASA, a Universidade de Sydney ou ExxonMobile.
Resultados 25 - 30 de 830

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós