DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Martes, 04 de xullo do 2017

Co obxectivo de fomentar a transferencia no marco do Campus CREA S2i

A comunidade investigadora do campus reúnese esta semana cunha vintena de empresas e asociacións

Os encontros arrancaron esta mañá na Casa das Campas coa presenza do vicerreitor Juan Manuel Corbacho


Image“Dar a coñecer ás empresas o traballo que fan as investigadoras e investigadores do campus para poder crear posibles sinerxías e fomentar a transferencia no campus de Pontevedra”. Así describe o vicerreitor Juan Manuel Corbacho o principal obxectivo co que esta mañá arrancaron na Casa das Campás unha serie de catro talleres nos que a comunidade investigadora do Campus CREA S2i exporá ante unha vintena de empresas e asociacións de diferentes sectores os seus principais eixes de traballo, ao tempo que tentará pórse ao día das súas principais demandas e necesidades.
Venres, 30 de xuño do 2017

Na sesión aprobáronse as contas de liquidación do orzamento da Universidade en 2016

O pleno do Consello Social trasládase por primeira vez á Escola Naval

O seu presidente, Ernesto Pedrosa, valorou a estabilidade económica da institución académica


ImageNunha sesión que se desenvolvía por primeira vez na Escola Naval Militar de Marín, sede do Centro Universitario da Defensa, o pleno do Consello Social deu o seu visto e prace as contas de liquidación do orzamento da Universidade do ano 2016, previamente aprobadas polo Consello de Goberno da institución académica. Así mesmo, no pleno celebrado este xoves nas instalacións de Marín, este órgano colexiado analizou tamén os informes de auditoría correspondentes ao pasado exercicio orzamentario, ao tempo que procedeu tamén á aprobación das contas das sociedades Cidade Universitaria, CITEXVI e Fundación Universidade de Vigo.
Mércores, 21 de xuño do 2017

Despois de que non se presentasen candidaturas ás eleccións convocadas no centro

Rafael Durán, novo decano en funcións de Fisioterapia

Lilian Rosana Ferreira, como vicedecana, e Lourdes Maceiras, como secretaria, completan o equipo directivo


ImageO profesor do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Rafael Durán vén de ser nomeado este mércores novo decano en funcións da Facultade de Fisioterapia, en substitución de Gustavo Rodríguez, despois de que, rematado o mandado deste último, non se presentasen candidaturas ás eleccións convocadas no centro o pasado mes. Lilian Rosana Ferreira, como vicedecana, e Lourdes Maceiras, que continúa na secretaría académica completan o equipo que se situará á fronte do centro ao longo do vindeiro ano e que inicia a súa etapa co propósito de completar os preparativos para curso 2017/2018.
Martes, 20 de xuño do 2017

Grazas ao convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, que destina 170.000 euros a este proxecto

O Cinae desenvolverá unha tecnoloxía de detección con drones de especies invasoras e prevención de lumes forestais

O ente provincial colabora tamén nun programa de visibilización de mulleres directivas na industria pesqueira


ImageDesenvolver unha tecnoloxía que permita traducir as imaxes captadas por vehículos aéreos non tripulados en información coa que traballar na detección e no seguimento da evolución de especies vexetais invasoras, así como na detección de posibles factores de risco de lumes forestais. Este é o propósito central do proxecto que desenvolverán os investigadores e investigadoras do Cinae (Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia), grazas ao convenio asinado nesta xornada coa Deputación de Pontevedra. Cunha duración de dous anos, o acordo contempla o investimento de 170.000 euros nun proxecto centrado no desenvolvemento dun sistema de procesado da información obtida por drones, satélites ou sensores para poder intervir nos sectores medioambiental, agroforestal e mariño.

Venres, 02 de xuño do 2017

O centro de Marín acolleu o acto de aniversario da creación da Real Compañía de Guardiamarinas

A Escola Naval Militar celebra 300 anos de historia

O acto estivo presidido polo Rei Felipe V e o rei emérito Juan Carlos I


ImageNeste 2017, cúmprense 300 anos da creación en Cádiz da Real Compañía de Guardiamarinas, orixe do que hoxe é a Escola Naval Militar, que este venres celebrou o evento principal do programa de actividades que veñen desenvolvendo no marco deste aniversario, un acto que estivo presidido polo rei Felipe VI e o rei emérito Juan Carlos I. Precedido dunha parada naval, o acto central deste 300 aniversario da escola na que desde 2010 os alumnos e alumnas fórmanse tamén para converterse en graduados e graduadas pola Universidade de Vigo a través do Centro Universitario da Defensa, contou coa participación de numerosas autoridades.
Martes, 30 de maio do 2017

Ata o 9 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de solicitudes

O Pont-Up Store 2017 servirá como escaparate a 53 novas empresas

No espazo de emprendemento que se instalará na Praza de España o 22 e 23 de setembro


ImageAxudar aos emprendedores e emprendedoras a dar visibilidade aos seus produtos e servizos e incrementar a cultura emprendedora entre a cidadanía son os dous obxectivos centrais do Pont-Up Store, a feira que entre o 21 e o 23 de setembro celebrará a súa cuarta edición. Ata o 9 de xullo permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar neste evento promovido pola Universidade, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e que achegará, de xeito gratuíto, a 53 novas empresas a posibilidade de darse a coñecer no recinto que se instalará na Praza de España e nas súas diferentes actividades.
Resultados 13 - 18 de 416

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós