DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Mércores, 01 de febreiro do 2017

Desenvolvida entre o 23 e o 27 de xaneiro no marco do proxecto Green Campus

O campus recolle 136 aparellos na terceira campaña de RAEEs

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación liderou a recollida, con 50 dispositivos, seguida da Casa das Campás


ImageDende aparellos propios de oficina como ratos, impresoras ou teclados ata electrodomésticos como microondas. O campus de Pontevedra envorcouse coa terceira campaña de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs), unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría e enmarcada no proxecto Green Campus que buscaba concienciar da importancia do correcto tratamento dos residuos electrónicos e que nesta edición conseguiu recoller un total de 136 aparellos de todo tipo: dende 32 cargadores, 15 auriculares, 13 cables, sete ratos e sete teléfonos móbiles, seis altofalantes, cinco impresoras ou catro radios ata CPUs, monitores, teclados, calculadoras, portátiles, mandos a distancia ou mesmo microondas, aspiradores, un espertador, un tocadiscos, unha prancha, unha depiladora ou un espremedor.
Mércores, 25 de xaneiro do 2017

Representantes de Universidade, Concello e Deputación asistiron á posta en marcha do composteiro

O campus comeza o seu camiño cara os residuos cero

Con 10 módulos, acollerá os restos dos preto de 250 servizos diarios dos dous comedores universitarios


ImageRestos de entre 200 e 250 comidas diarias dos comedores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría Forestal que servirán para abonar os xardíns universitarios. O campus de Pontevedra puxo en marcha este mércores o seu propio composteiro, instalado coa colaboración do Concello e da Deputación e co que a comunidade universitaria se suma ao Plan Revitaliza da institución provincial. Este plan de compostaxe intégrase de xeito harmonioso tanto no proxecto Green campus como no de especialización CREA S2i, que ten a innovación sustentable como un dos seus eixos principais.
Luns, 23 de xaneiro do 2017

III Semana de recollida de RAEEs, enmarcada no proxecto Green Campus

Dar unha saída ecolóxica aos vellos aparellos electrónicos

Na última edición desta iniciativa, promovida pola Vicerreitoría, recuperáronse 162 dispositivos


ImageAno novo, aparellos novos. O Nadal é época de renovación de equipos e dispositivos tecnolóxicos e o campus de Pontevedra quere darlle un final ecolóxico a todos aqueles aparellos antigos que quedan abandonados en armarios e caixóns. Por este motivo, dende este luns e ata o vindeiro 27 de xaneiro estará en marcha a III Semana da recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs), unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría e enmarcada no proxecto Green Campus que nesta ocasión busca recoller todos aqueles equipos que xa non lle son útiles aos membros da comunidade universitaria ou a usuarios e usuarias particulares.
Venres, 20 de xaneiro do 2017

O campus celebra unha xornada de concienciación co gallo do Día Internacional da Mediación

Unha clara aposta pola resolución de conflitos con menor custe emocional e económico

Arredor do 60% dos casos que acoden ao servizo de mediación familiar da Xunta rematan en acordo


ImageNon só ten un menor custe emocional e económico, senón que contribúe tamén "a pacificar a sociedade". Co gallo do Día Internacional da Mediación, o campus de Pontevedra celebrou este venres unha xornada de concienciación sobre a importancia da resolución pacífica dos conflitos cunha pegada de carteis na Casa das Campás e en distintas institucións e cunha mesa informativa na praza da Peregrina. A iniciativa foi organizada polo grupo de Psicoloxía Xurídica xunto coa dirección e alumnado do curso de Especialista de Mediación e o grupo de innovación docente 'Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade'.
Luns, 19 de decembro do 2016

Profesorado, PDI e PAS participou nun minuto de silencio tralo asasinato de tres mulleres nos últimos días

O campus amosa a súa repulsa á violencia machista

O acto sumouse aos celebrados tamén nos campus de Vigo e Ourense en memoria de Ana María Enjamio


ImageRexeitar calquera tipo de violencia contra as mulleres e condenar os tres asasinatos que tiveron lugar en España nos últimos días, entre eles o da ex-alumna da Escola de Enxeñería Industrial Ana María Enjamio, foi o que levou este mediodía a membros do profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado a participar nun minuto de silencio ás portas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O campus pontevedrés sumábase así aos actos que se desenvolveron de xeito simultáneo nos campus de Vigo e Ourense e cos que a comunidade universitaria quixo tamén expresar o seu apoio á familia de Enjamio.
Martes, 13 de decembro do 2016

Trala súa aprobación no Consello Galego de Universidades

O programa de doutoramento do CREA S2i avanza cara a súa implantación o vindeiro curso

O Consello de Campus abordou os avances da especialización e do proxecto Green Campus


ImageOs avances no desenvolvemento do proxecto de especialización CREA S2i xunto coas novas actuacións que se están a desenvolver no marco do Green Campus, centraron este martes a reunión do Consello de Campus de Pontevedra. Nesta sesión, o reitor, Salustiano Mato, salientou que o pasado mes de novembro foi aprobado polo Consello Galego de Universidades o programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable, o que supón un paso máis cara “a súa posta en marcha como novo título para o vindeiro curso”, tras recibir previamente tanto a avaliación positiva tanto deste órgano como do Consello de Goberno da Universidade.
Resultados 19 - 24 de 402

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós