DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Martes, 06 de setembro do 2016

Ao abeiro desta feira de emprendemento, desenvolveranse máis de 30 actividades entre os días 22 e 24

Cooperativismo e economía social centran a vertente formativa do Pont-Up Store 2016

Ata o 15 de setembro permanece aberta a inscrición no encontro con empresarios 'Puntazo Exprés'


ImageMáis de 30 actividades, promovidas co obxectivo de dar apoio aos novos emprendedores e emprendedoras, integran o programa do Pont-Up Store, a feira do emprendemento que os días 23 e 24 de setembro se desenvolverá na Praza de España, e que botará andar o xoves 22 cunha xornada previa. Promovido pola Universidade, no marco do proxecto de especialización CREA S2i, co Concello como patrocinador principal, o evento terá como “eixo principal” neste 2016 “o cooperativismo e a economía social”, como explicou o seu director, o profesor Pedro Figueroa, na presentación levada a cabo este martes no Concello.
Venres, 29 de xullo do 2016

A cita será os días 23 e 24 de setembro de 2016

36 proxectos de emprendemento de España e Portugal participarán en Pont-Up Store 2016

Entre as iniciativas escollidas hai unha ampla presenza de empresas de base tecnolóxica


ImagePor terceiro ano consecutivo, a cidade de Pontevedra acollerá os días 23 e 24 de setembro Pont-Up Store, unha iniciativa organizada pola Universidade de Vigo xunto co Concello que aspira a consolidarse como evento de referencia do novo emprendemento en Galicia. Despois de recibir un total de 115 solicitudes para participación nesta edición 2016 (87 para a modalidade de stand e 28 para actividades de dinamización), a organización escolleu 36 proxectos de España e Portugal para ter presenza na carpa que se instalará os días de celebración na Praza de España. Preto dun 70% das candidaturas teñen base en Galicia e menos dun terzo na cidade de Pontevedra.
Venres, 29 de xullo do 2016

O xurado seleccionou as mellores pezas de entre as 120 presentadas

Basilisa Fiestras, María Maquieira, Diego Vites e Olmo Cuña, premiados coas bolsas Novos Valores 2016


Image Basilisa Fiestras coa escultura Lentes, María Maquieira co debuxo El boceto ampliado, Diego Vites coa pintura Historiografía Tigua (sen xesta) e Olmo Cuñas co vídeo Die sonne auf der Pfaueninsel son os premiados coas bolsas do certame Novos Valores 2016. O xurado considerou que a obra presentada, xunto coa súa proposta de investimento para bolsa de estudos artísticos que concede a Deputación, así como a súa traxectoria e currículo eran merecedores do máximo recoñecemento entre as 120 pezas presentadas a esta edicion do concurso. As catro obras premiadas recibirán unha bolsa de 7.500 euros para estudos artísticos.
Martes, 19 de xullo do 2016

Manuela E. Rodríguez realizou unha intervención artística na sala de espera de radioloxía pediátrica

Os personaxes de Molita xogan a agocharse no Hospital Provincial

A obra, na que os debuxos interactúan cos elementos arquitectónicos, foi presentada hoxe



Image Un grupo de nenos e nenas xogan ás agochadas ao tempo e interactúan co espectador e cos elementos arquitectónicos que os rodean. Esta é a esencia de Xogar a esperar, a intervención artística de Molita, Manuela Elizabeth Rodríguez, graduada en Belas Artes e estudante do Programa de Doutoramento de Creación e Investigación en Arte Contemporáneo da Facultade de Belas Artes, que a artista deseñou para a sala de espera de radioloxía pediátrica do Hospital Provincial. A obra, desenvolvida ao abeiro do acordo subscrito entre a Xerencia de Xestión Integral de Pontevedra e O Salnés e a facultade, foi presentada hoxe.
Martes, 19 de xullo do 2016

Salustiano Mato e Juan Manuel Corbacho reuníronse este martes co equipo directivo da escola

Enxeñaría Forestal, primeiro centro do campus con selo Q de Calidade

O reitor reafirma o “relevante papel” da EEF no doutoramento do Campus Crea e na Área de Transferencia


ImageA Escola de Enxeñaría Forestal acaba de converterse no primeiro centro do campus de Pontevedra en conseguir o selo Q de Calidade, un distintivo co que a Universidade premia a aqueles centros que demostraron, de xeito voluntario e ante avaliadores independentes, a súa aposta e compromiso coa excelencia. O reitor, Salustiano Mato, e o vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, reuníronse este martes na sede da vicerreitoría do campus co equipo directivo da escola e cos responsables da Área de apoio á docencia e calidade, xuntanza na que trataron numerosas cuestións relativas ao futuro da escola.
Venres, 15 de xullo do 2016

Este xoves celebrouse o seu acto de nomeamento como académicos correspondentes

Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estraviz, novos representantes de Galicia na Academia das Ciências de Lisboa

A entidade fundada en 1779 é unha das institucións científicas máis antigas


ImageDesde este xoves, a Academia das Ciências de Lisboa, unha das institucións científicas máis antigas, fundada en 1779, conta con tres novos académicos correspondentes galegos. Trátase de Martinho Montero Santalha, Isaac Alonso Estraviz e Ângelo Cristovão, os dous primeiros docentes da Universidade de Vigo. O seu acto de toma de posesión celebrouse en Lisboa nunha sesión especial sobre A Língua Portuguesa na Galiza na que a lusofonía foi a grande protagonista. Eles serán os encargados de dar continuidade á representación galega na institución, anteriormente ostentada polos profesores Ricardo Carvalho Calero e Ernesto Guerra da Cal.
Resultados 37 - 42 de 402

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós