DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Venres, 08 de abril do 2016

Unha comisión internacional avaliou positivamente a candidatura do centro pontevedrés

Ciencias da Educación e do Deporte entra a formar parte da Rede de Escolas Unesco

Máis de 10.000 centros educativos de 181 países forman parte da mesma


ImageO fomento dunha educación para o desenvolvemento sostible e a promoción dos valores da paz, os dereitos humanos e o diálogo intercultural. Este é o compromiso que vén de adquirir a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coa súa inclusión na Rede de Escolas Asociadas á Unesco, que agrupa a máis de 10.000 centros educativos de 181 países. Tras presentar a súa candidatura a entrar a formar parte da mesma hai preto de dous anos, a facultade do campus pontevedrés vén de recibir a resolución do Sector de Educación da Unesco, na que confirman a súa adhesión a esta rede.
Luns, 04 de abril do 2016

O Goberno galego presentou o plan de usos do inmoble, no que a Universidade disporá de 1700 m2

A sede corporativa de CREA S2i ocupará catro plantas do antigo edificio da Xunta en Pontevedra

A idea inicial é instalar nelas servizos vinculados ao emprendemento e ao proxecto de especialización


ImageUn total de 1774 metros cadrados, correspondentes ás catro plantas superiores do edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal, converteranse, unha vez rematen os traballos de rehabilitación deste inmoble, na “sede corporativa” do proxecto de especialización do campus de Pontevedra, CREA S2i. Así o salientou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tras participar nesta xornada na presentación do proxecto que fará dese inmoble, en desuso desde 2009, un edificio de usos múltiples, que o Goberno autonómico destinará tanto aos servizos de emprego e a diferentes colectivos sociais, como aos usos que a institución académica queira darlle ás catro plantas que se lle reservan.
Xoves, 31 de marzo do 2016

A SECF entregou os seus premios nacionais universitarios no campus pontevedrés

De volta á orixe, 25 anos despois, para pór en valor a investigación no eido forestal

Nesta edición, foron recoñecidos investigadores das universidades de Valladolid, León e Politécnica de Madrid


ImageNo ano 1991, constituíase en Pontevedra a Sociedad Española de Ciencias Forestales (SECF), organismo que reúne a investigadores, empresas e profesionais deste eido co propósito de fomentar o estudo e o progreso das ciencias e técnicas forestais en España. 25 anos despois, a SECF retornou a Pontevedra para facer entrega, nun centro que tamén alcanza este ano o cuarto de século, a EE Forestal, dos premios cos que cada ano recoñece ás investigacións realizadas por alumnado de toda España nun sector no que “faise moito traballo de I+D, moitas veces non o suficientemente recoñecido”, como lembrou o seu presidente, Felipe Bravo.
Xoves, 17 de marzo do 2016

A escola reuniu na Peregrina aos diferentes centros de formación e investigación neste eido do municipio

A EE Forestal toma a rúa para reivindicar que sen bosques non hai vida

A súas achegas á economía e ao medio ambiente foron o eixo deste acto con motivo do día mundial na súa defensa


ImagePola súa contribución á loita contra o cambio climático, por ser fonte dunha longa serie de recursos renovables, como a madeira, pola súa importancia na preservación da biodiversidade ou polos seus efectos na regulación das concas hídricas e no control da erosión. Por estes e outros motivos os bosques son “unha máquina perfecta, que case non precisa mantemento e que nos dá moitos servizos e bens”, como lembrou nesta xornada o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Enrique Valero, no acto que, con motivo da conmemoración do Día Mundial dos Bosques o vindeiro luns 21, o centro promoveu esta tarde na Praza da Ferrería.
Venres, 11 de marzo do 2016

Apostan por consolidar a cooperación en proxectos conxuntos que beneficien á cidadanía

Concello de Pontevedra e Universidade acordan unha bonificación do 95% no pago do IBI polos edificios do campus

O reitor cualificou o convenio de “histórico”, xa que afianza o compromiso de colaboración entre ambas institucións


ImageDe “histórico” cualificou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o acordo acadado co Concello de Pontevedra, que suporá unha bonificación do 95% no pago do Imposto sobre Bens Inmobles polos edificios do campus de Pontevedra. Este venres en rolda de prensa o reitor e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, explicaron os detalles dun convenio que suporá, en palabras do rexedor pontevedrés, unha “redución drástica do pago que tiña que facer a Universidade polos inmobles”, de preto de 100.000 euros anuais. Mato remarcou que se trata “dun antes e un despois”, unha decisión que agradeceu á corporación municipal e que considera “xenerosa pero tamén intelixente”, xa que suporá “un marco inmellorable para fortalecer aínda máis a colaboración que xa temos entre ambas entidades”.
Martes, 08 de marzo do 2016

CCSS e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte comezan a operar con este combustible

A chegada do gas natural ao campus permitirá reducir a factura enerxética e as emisións de CO2

Esta actuación forma parte dos compromisos adquiridos no proxecto Green Campus


ImageUnha importante redución das emisións de dióxido de carbono á atmosfera, sumadas a un aforro de entre o 10% e o 15% na factura enerxética anual son os dous principais motivos que levaron a Vicerreitoría, no marco do proxecto Green Campus, a apostar polo gas natural como combustible para as calefaccións dos centros. Tralas obras realizadas a finais do pasado ano pola empresa subministradora para achegar o gas á Xunqueira e a posterior adaptación das caldeiras, Ciencias da Educación e do Deporte e CCSS e da Comunicación convertéronse nesta xornada nos primeiros centros do campus en comezar a operar con este combustible.
Resultados 55 - 60 de 402

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós