DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Deportes arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Mércores, 11 de outubro do 2017

Investigadores de Vigo e da Politécnica de Madrid analizan nun artigo o rendemento físico deste equipo

Un estudo sobre o Real Madrid demostra que correr máis non fai gañar máis partidos

A análise abrangue de 2001 a 2007 e compara os quilómetros percorridos a alta intensidade polo equipo e os rivais


ImageA pesares dos seus éxitos deportivos, os xogadores do Real Madrid percorreron de media menos quilómetros en carreiras de alta intensidade e sprints que os seus rivais. Esta é a principal conclusión da análise realizada por investigadores das universidades de Vigo e Politécnica de Madrid dun total de 140 partidos disputados por este equipo entre as tempadas 2001-2002 e 2006-2007. “Os resultados demostran unha idea moi sinxela, que non por correr máis vas gañar máis”, salienta o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Carlos Lago, da investigación que realizou xunto ao tamén docente desta facultade Luís Casais e os investigadores da Politécnica de Madrid Javier Miñano e Miguel Ángel Gómez. Os resultados desta análise amosan que os xogadores do Real Madrid percorrían a alta intensidade unhas distancias medias un 10% inferiores ás dos seus rivais.
Mércores, 13 de setembro do 2017

A Área de Benestar, Saúde e Deporte mantén aberta a inscrición nas súas diferentes iniciativas

Dúas semanas de portas abertas para poñer en movemento á comunidade universitaria

Entre os días 18 e 30, será libre a participación nas actividades dirixidas para aboados e aboadas


ImageO inicio dun novo curso constitúe tamén é unha boa oportunidade para manterse ou poñerse en forma e para axudar neste propósito a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade propón no campus unha serie de servizos e actividades que desde inicios de mes manteñen aberta a súa inscrición. Ademais de ligas internas ou dos centros deportivos colaboradores, a área organiza por segundo curso unha serie de actividades dirixidas gratuítas para os usuarios dos abonos Muver e Ponte en Forma, que estarán abertas á participación de calquera membro da comunidade universitaria entre os días 18 e 30 deste mes.
Luns, 17 de xullo do 2017

Os estudantes e atletas Leticia Fernández e Adrián Pérez son campións de España universitarios

Cando a carreira é dobre

No campus de Pontevedra fórmase tamén Alfonso Palomanes, campión estatal de triplo salto en 2016


ImageCun mínimo de tres horas diarias dedicadas a adestrar, que en determinados momentos da tempada poden derivar en sesións dobles diarias, compaxinar os estudos co deporte implica altas doses de esforzo para estudantes como Leticia Fernández e Adrián Pérez Souto, que o pasado mes de maio lograban en Cartagena as súas primeiras medallas de ouro nos Campionatos de España Universitarios de Atlestimo. Metais que ademais de novos folgos para continuar nesta dobre carreira, deportiva e académica, tamén lles dan novos folgos na súa busca dun metal nun campionato de España absoluto, como o ouro que en 2016 acadaba no mesmo outro estudante do campus pontevedrés, José Alfonso Palomanes, que co bronce obtido en Cartagena convertíase no segundo estudante da Universidade de Vigo con maior número de medallas nos torneos universitarios.
Martes, 27 de xuño do 2017

Noelia Lalín e Lydia Pérez son campioas de España de loita e alumnas do campus de Pontevedra

Tres exemplos de loita dentro e fóra das aulas que soñan con Tokio 2020

O estudante de Fisioterapia Pablo García sumou no estatal universitario o seu primeiro ouro na modalidade


ImageTokio 2020. Ese é o soño común de futuro para tres estudantes do campus de Pontevedra, que tamén comparten moitas horas de adestramento coas que manterse na elite da loita libre olímpica en España. Noelia Lalín e Lydia Pérez, vixentes campioas de España en categoría absoluta nos seus respectivos pesos, fixeron posible no mes de abril a Universidade de Vigo se proclamase campioa de España de loitas olímpicas en categoría feminina nun torneo celebrado en Murcia, onde Pablo García, tamén estudante do campus, lograba a medalla de ouro nunha modalidade á que chegaba hai preto de dous anos tras competir ata entón en loita grecorromana e na que agarda tamén loitar polo soño olímpico. “Se non pensas que, cando menos, hai unha posibilidade, non adestraríamos todo o que adestramos”, recoñece García, que xunto con Lalín e Pérez forma parte dun grupo de rendemento no CGTD.
Martes, 02 de maio do 2017

CCSS e da Comunicación acolleu unha nova edición desta iniciativa do Campus da Auga ConVida

Os Martes Saudables pasan revista ao campus

No posto instalado no centro, ofrecíase información sobre saúde, nutrición, deporte e sexualidade


ImageInformación sobre nutrición, sexualidade ou sobre os diferentes servizos da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, xunto á posibilidade de coñecer a tensión arterial, o índice de masa muscular ou os niveis de colesterol. Os Martes Saudables achegaron de novo ao campus un amplo abano de opcións para que a comunidade universitaria puidese coñecer e mellorar o seu estado de saúde. Cun posto articulado en catro seccións, centradas en deporte, nutrición, sexualidade e saúde xeral e complementado con información da Axencia de Doazón de Órganos de Sangue de Galicia, esta iniciativa retornou nesta xornada a CCSS e da Comunicacion.
Venres, 24 de febreiro do 2017

Máis de 500 deportistas representaron ás tres universidades no torneo de deportes colectivos en Pontevedra

Vigo triunfa no Campionato Galego Universitario

Os seus equipos lograron vencer en sete das doce categorías da competición


ImageSete triunfos de doce posibles. Deste xeito a Universidade de Vigo proclamouse vencedora absoluta do XX Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, que reuniu en Pontevedra a preto de 570 deportistas e adestradores, en representación das tres universidades galegas. Vigo logrou o triunfo en baloncesto feminino e masculino, balonmán masculino, fútbol sala feminino e masculino, fútbol e fútbol 7. A Universidade da Coruña, pola súa banda, alzouse co triunfo en rugby 7 masculino e feminino e en voleibol feminino, mentres que a USC logrou a vitoria en balonmán feminino e voleibol masculino.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 165

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós