DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Vigo

Campus Vigo

Xoves, 17 de novembro do 2016

O prazo está aberto ata o día 20 deste mes

Últimos días para presentar solicitudes aos Premios de Excelencia Académica para o novo alumnado de doutoramento

O EIDO concede 35 bolsas de 250 euros


A Escola Internacional de Doutoramento (EIDO) quere recoñecer a calidade, o esforzo, o rendemento e a dedicación do seu alumnado e faino a través dos Premios de Excelencia Académica para o novo alumnado de doutoramento. Esta convocatoria de axudas ten un orzamento total de 8750 euros que se dividirán en 35 bolsas destinadas a estudantes matriculados por primeira vez en estudos doutoramento no curso 2016-2017. A nota media do expediente académico de grao ou licenciatura e dos estudos previos nun mestrado oficial serán os que determinen os estudantes que serán premiados.
Mércores, 09 de novembro do 2016

Luis Bará, Montse Prado e outros responsables comarcais e locais reuníronse co reitor

O grupo parlamentario do BNG interésase polo desenvolvemento do Campus do Mar

Comprométense a mediar ante Parlamento, Xunta e concello para axudar a desbloquear a situación


ImageO grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego amosou este mércores o seu “apoio decidido” ao Campus do Mar e comprometeuse a interesarse por este tema ante Parlamento, Xunta, Concello de Vigo e resto de instancias que sexan necesarias para axudar ao desbloqueo da situación actual na que se atopa o proxecto. Fixérono tras un encontro de traballo co reitor Salustiano Mato no que participaron os deputados Luis Bará e Monste Prado, así como outros responsables comarcais e locais, entre eles, Manuel Caride e Serafín Otero. Tras o encontro o reitor agradeceu que se achegasen ao campus para interesarse pola situación do desenvolvemento do proxecto do Campus do Mar nas antigas instalacións da ETEA.
Martes, 08 de novembro do 2016

A EE de Telecomunicación acolleu a xornada 'A muller tecnóloga na universidade'

A visibilización de referentes femininos, clave para potenciar as vocacións tecnolóxicas entre as mozas

As expertas denuncian que persisten os estereotipos de xénero á hora de elixir estudos e profesión


ImageAs cifras de matrícula en titulacións universitarias en todo o Estado español demostran que continúan existindo estudos e profesións tradicionalmente masculinas e femininas. Persisten roles de xénero e percepcións sexistas relativas a campos como as ciencias experimentais ou as enxeñarías que aínda non se conseguiron eliminar. Sobre as causas da súa persistencia e as propostas para erradicalos debateuse este martes na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na xornada A muller tecnóloga na universidade, unha iniciativa organizada polo grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal. O obxectivo da xornada é promover a visibilidade do papel e do traballo da muller con formación tecnolóxica e científica no eido académico, investigador e empresarial. Expertas en igualdade, responsables de centros de I+D e mulleres profesionais da enxeñaría e as ciencias coincidiron en salientar a necesidade de crear referentes femininos nestes eidos para fomentar as vocacións entre as estudantes de ensino secundario
Martes, 08 de novembro do 2016

O Hospital Álvaro Cunqueiro acolleu unha xornada de presentación de resultados das investigacións

Sergas e Universidade de Vigo apostan por manter a colaboración na investigación a través do Instituto Galicia Sur

Mato amosou o apoio da institución académica ás actividades do centro


Image O Hospital Álvaro Cunqueiro converteuse hoxe no escaparate das actividades de parte dos grupos integrados no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, tanto na área sanitaria de Vigo como nas de Pontevedra e Ourense. A iniciativa, que se levou hoxe a cabo por primeira vez, pretende amosar o potencial investigador que acumula o Instituto, máxime desde a apertura do novo hospital vigués. No acto inaugural da xornada, participaron o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o director do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, José Ramón Fernández Lorenzo; e a xerente da ACIS, Sonia Martínez Arca.
Mércores, 02 de novembro do 2016

Unha delegación da institución chinesa reuniuse hoxe co reitor e visitou varios centros do campus vigués

A Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Chongqing estuda implantar un grao en español coa colaboración da Universidade de Vigo

Asinouse un convenio marco e outro de intercambio de estudantes


Image Situada na maior cidade do suroeste de China e nunha das seis maiores do país asiático, a Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Chongqing está a traballar na incorporación á súa oferta académica dun grao en español, unha proposta que incluiría, ademais, a posibilidade de que o alumnado desta titulación cursase un ou dous anos nunha universidade española. Con este obxectivo, unha delegación da institución chinesa visitou este mércores o campus de Vigo, no que asinaron un convenio marco de colaboración co reitor e mantiveron varios encontros con responsables da Facultade de Filoloxía e Tradución, así como doutros centros.
Xoves, 27 de outubro do 2016

A día de hoxe xa se poden cursar en inglés 127 materias de grao e 90 de mestrado

Unha nova convocatoria para fomentar a internacionalización dos centros da Universidade

O prazo está aberto ata o 30 de outubro


ImageA Universidade de Vigo, a través da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, ten aberto ata o 30 de outubro o prazo de presentación de solicitudes dunha nova liña de incentivos para implantar plans de internacionalización en todos os centros da Universidade a partir do próximo curso 2017/2018. A convocatoria, que se insire no proceso de internacionalización da institución académica, presenta tres modalidades a elixir por cada facultade e escola: a primeira modalidade busca a implantación dun grao ou mestrado na súa totalidade en lingua estranxeira; a segunda a de ofertar un mínimo de 30 créditos ECTS garantindo un cuadrimestre completo en idioma estranxeiro e a terceira está destinada a introducir outros instrumentos de internacionalización universitaria como facilitar a mobilidade internacional ou formular unha estratexia para captar estudantado de intercambio.
Resultados 43 - 48 de 1368

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós