DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Vigo

Campus Vigo

Xoves, 09 de marzo do 2017

A institución lusa acolleu hoxe o II Cumio Universidade do Porto-Universidade de Vigo

As universidades de Vigo e Porto captaron nos dous últimos anos máis de 10 millóns de euros para Galicia e o norte de Portugal

Emprendemento, innovación e creación de emprego, principais obxectivos da colaboración


Image Fortalecer alianzas estratéxicas en materia de innovación social e emprendemento; identificar oportunidades de creación e consolidación de emprego cualificado e afianzar a cooperación e competitividade interterritorial son os piares da estratexia de acción definida hoxe no II Cumio Universidade do Porto-Universidade de Vigo celebrado na institución académica lusa e na que tomaron parte os equipos de goberno de ambas as súas institucións, encabezados polos reitores Sebastião Feyo de Azevedo e Salustiano Mato. Desde o primeiro cumio, celebrado en Vigo o ano 2015, ambas as dúas universidades desenvolveron proxectos conxuntos nas áreas de investigación, mobilidade, innovación e emprendemento, empregabilidade e organización. Froito desta cooperación nos ámbitos das relacións internacionais e cooperación rexional, acadáronse máis de 10,6 millóns de euros de investimento en Galicia e no norte de Portugal.
Mércores, 08 de marzo do 2017

Varios centros uníronse á campaña internacional de paro laboral feminino de 12 a 12.30 horas

Vigo súmase á conmemoración do Día Internacional da Muller

Con gallo desta data, celebrouse tamén unha semana deportiva en clave feminina


ImageO campus de Vigo sumouse este mércores aos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller con varias iniciativas para reclamar a igualdade real de xénero. Varios centros adheríronse á convocatoria internacional de paro feminino de 12 e 12.30 horas á que estaban chamados máis de 50 países. O edificio de Ciencias Experimentais foi un dos puntos nos que tiveron lugar concentracións de alumnas, profesoras e traballadoras de administración e servizos. Con estas iniciativas, que teñen o seu precedente en Islandia en 1975, as organizacións feministas chamaron ás mulleres a un paro laboral de media hora en centros de traballo e institucións académicas para amosar que “sen nosoutras non se move o mundo”.
Venres, 03 de marzo do 2017

O documento orixinal das cantigas de Martin Codax exporase desde outubro no Museo do Mar en Vigo

O Pergamiño Vindel retorna á beira do mar que o viu nacer

É a primeira vez desde 1970 que a obra, propiedade do Morgan Library Museum, abandona Nova York


Image Entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018 o Pergamiño Vindel, documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax, regresará a Vigo, a cidade que o inspirou hai oito séculos. A obra, que xunto ás sete cantigas de amor de Dom Dinis é a única mostra atopada ata o momento da canción profana galego- portuguesa, será o eixo central da exposición Berce da nosa cultura que terá lugar no Museo do Mar de Galicia en Vigo durante cinco meses, nos que en paralelo se desenvolverá un completo programa de actividades académicas, culturais e de divulgación da época e da obra do trobador. O reitor da Universidade de Vigo e o conselleiro de Cultura, foron os encargados de dar a coñecer os detalles do regreso do Pergamiño Vindel a Galicia, onde chegará procedente de Nova York, tras máis de corenta anos depositado no Morgan Library Museum, propietario da obra desde a década de 1970.
Martes, 21 de febreiro do 2017

Reitor e delegado territorial asinaron este martes un convenio de colaboración entre ambas entidades

A Universidade suma o apoio de 'la Caixa’ na axuda ao alumnado con necesidades especiais

O acordo recolle unha achega de 40.000 euros da entidade bancaria que pemitirá impulsar diferentes iniciativas


ImageA Universidade e a obra social 'la Caixa' asinaron este martes un convenio de colaboración dirixido a axudar ás alumnas e alumnos con necesidades especiais, tanto a nivel formativo como de inserción laboral. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o delegado territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, foron os encargados de rubricar o acordo, un documento que recolle unha achega de 40.000 euros da entidade bancaria que permitirán impulsar diferentes liñas de actuación.
Entre as principais actividades a pór en marcha, reitor e delegado territorial explicaron que se ofertarán axudas económicas para estudantes con necesidades educativas especiais e, por outra banda, porase en marcha o programa Mentoring Inclusivo ‘la Caixa’ na Universidade Vigo.
Martes, 21 de febreiro do 2017

O prazo de inscrición no programa Empreamar remata o 28 de febreiro

O Concello de Moaña e o Campus do Mar buscan vocacións emprendedoras ligadas ao medio mariño

En marzo arrancará a fase formativa e as mellores ideas pasarán a un período de preincubación


ImageGalicia é unha comunidade na que abundan multitude de recursos mariños. Uns contan xa cunha estrutura empresarial forte, como a pesca ou sector conserveiro, e outros cunha posibilidade de creación de novos negocios, como o uso de embarcacións de pesca para uso recreativo, o aproveitamento das algas como fertilizante ou na industria alimentaria e farmacéutica. Por iso, para impulsar a creación de novas ideas empresariais e aproveitar de maneira sostible os recursos dispoñibles, o Concello de Moaña promove xunto co Campus do Mar a convocatoria do programa de formación e emprendemento Empreamar.
Venres, 10 de febreiro do 2017

O reitor recibiu no seu despacho á voceira parlamentaria na comisión de Educación e Cultura

Salustiano Mato traslada á deputada de En Marea Ánxela Cuña as claves do seu modelo de universidade


Image O reitor da Universidade de Vigo mantivo este venres no seu despacho un encontro coa deputada e voceira na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia Ánxela Cuña, na que Salustiano Mato trasladoulle á parlamentaria as claves do modelo de universidade que dirixe. Pola súa banda, Cuña compartiu co reitor da institución viguesa as cuestións que en materia de educación son prioritarios para En Marea, nomeadamente a I+D+i, a existencia dunha oferta académica axeitada, así como evitar que se produza perda de profesorado e a necesidade de que existan axudas sociais para o alumnado e familias afectadas pola crise económica.
Resultados 49 - 54 de 1408

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós