DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Institucional arrow Campus Vigo

Campus Vigo

Luns, 10 de outubro do 2016

O Consello de Goberno tamén aprobou a oferta pública de emprego do PDI para o 2017

Nova luz verde ás RPT do PAS coa inclusión dos informes solicitados polos órganos de representación

O reitor confirmou que continuará negociando con Concello de Vigo o pago do IBI


Image As novas Relacións de Postos de Traballo, RPT, do Persoal de Administración e Servizos, PAS, tanto laboral como funcionario da Universidade de Vigo, continúa adiante despois que o Consello de Goberno, atendendo o indicado no informe da Asesoria Xuridica da Universidade, aprobase na súa sesión de hoxe tomar en conta de xeito parcial o recurso presentado polo presidente do Comité de Empresa do PAS laboral da provincia de Pontevedra contra o acordo do 22 de xullo polo que se aprobaba a RPT do PAS laboral, así como revogar a RPT do PAS funcionario. En ambos os dous casos por non ter incluido na documentacion que acompañaba aos puntos do Consello do pasado mes de xullo os informes negativos emitidos polos organos de representacion, asi como o informe favorable da Xunta de Galicia.
Venres, 07 de outubro do 2016

Elixiron como padriño ao catedrático, xa xubilado, José Luis Outes

A primeira xeración de economistas formados integramente en Vigo celebra as súas vodas de prata

Volveron como "profesionais de prestixio" en docencia, banca, empresa privada e mesmo política


ImageAlgúns permanecen no campus convertidos en docentes universitarios, outros optaron pola docencia no ensino medio, outros por desenvolver a súa traxectoria profesional no sector bancario, outros por facelo na empresa privada, e mesmo algúns se fixeron persoeiros públicos a través da adquisición de responsabilidades políticas. Este venres regresaron ao campus convertidos en profesionais de prestixio para celebrar xuntos as vodas de prata, os 25 anos da súa graduación como licenciados en Economía pola Universidade de Vigo, os primeiros en acadar esta distinción. A hoxe Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, edificio que a súa promoción non chegou a estrear, vestiuse de gala para acoller unha celebración, na que, sobre todo, houbo sitio para as lembranzas, os reencontros e, como non, a emoción.
Venres, 07 de outubro do 2016

Na terceira reunión do proxecto KIPAM (Knowledge is power, age ain´t mattter)

Universidades europeas debaten en Salerno sobre o deseño dos programas para maiores

Vigo acollerá en 2017 un curso formativo para docentes das aulas sénior


ImageA Universidade de Vigo, xunto con institucións de Italia, Polonia, Inglaterra e Turquía, debaten esta semana na cidade italiana de Salerno sobre o futuro dos programas universitarios para maiores. Nesta xuntanza, que remata este venres, Vigo está representada polo director da Área de Extensión Universitaria, Miguel Ángel Nombela e polo xefe deste servizo, Ricardo Corderí. Como explica Nombela, trátase da terceira reunión de seguimento do proxecto KIPAM (Knowledge is power, age ain´t mattter) centrado no estudo da oferta de programas universitarios europeos para maiores" e do que Vigo forma parte xunto coa Universidade de Salerno (Italia), a Universidade de Northampton (Reino Unido) e a WSB University in Poznan (Polonia).
Xoves, 06 de outubro do 2016

Salustiano Mato participou no encontro no que se abordaron os resultados no programa H2020

Reitores españoles e portugueses reúnense co comisario europeo de Investigación, Ciencia e Innovación


Image O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tomou parte esta mañá en Madrid no almorzo de traballo que unha representación de Crue Universidades Españolas e do Conselho de Reitores das Universidades Portuguesas, CRUP, mantivo co comisario europeo de Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas. O encontro, no que Mato participou como integrante do Comité Permanente de Crue Universidades Españolas, centrouse nos resultados españois e portugueses no programa marco europeo de Investigación e Innovación, Horizonte 2020, incidíndose nas dificultades e obstáculos cos que se atopan as universidades, así como as propostas de mellora.
Mércores, 05 de outubro do 2016

O enxeñeiro da Axencia Espacial Europea Antonio Castro incorporarase en breve á dirección

A contratación dun director xeral e a captación de fondos públicos e privados dan un novo impulso ao Cinae

O centro agarda a resolución de varias convocatorias europeas ás que solicitou preto de cinco millóns de euros


Image O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, Cinae, inicia unha nova etapa coa contratación do seu primeiro director xeral e a sinatura dos seus primeiros contratos con entidades públicas e privadas, ao tempo que agarda a resolución de varias convocatorias europeas ás que concorreu na procura de fondos. O reitor da Universidade de Vigo e presidente do padroado da Fundación Cinae, Salustiano Mato, e a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, deron conta este mediodía no Centro de Negocios do parque empresarial de Porto do Molle das últimas novidades do centro, cuxo padroado celebrou hoxe unha reunión. Salustiano Mato confirmou a contratación do enxeñeiro barcelonés da Axencia Espacial Europea Antonio Castro como director xeral do Cinae, ao que se incorporará a tempo parcial as vindeiras semanas.
Martes, 04 de outubro do 2016

Vigo participa, xunto con outras 24 universidades, nun proxecto audiovisual de divulgación científica

A sociedade pregunta, a Universidade responde

Dez docentes explican en que consiste o TTIP, que é o fitoplancto ou cantas cousas caben na nube


ImageAlgúns son temas de actualidade, como o TTIP ou os paraísos fiscais, outras son curiosidades como se os animais falan igual en inglés ou en español ou se se poden escoitar as flores, e outras, mesmo se atreven con predicións de futuro como o impacto dos robots industriais no mercado laboral. As respostas a estas cuestións, nunha linguaxe clara, sinxela e directa, están ao alcance de toda sociedade a través dunha iniciativa de divulgación científica na que participan 25 universidades de toda España, entre elas a de Vigo. O obxectivo de La universidad responde é pór a disposición da sociedade unha serie de microespazos en formato vídeo nos que un representante da comunidade universitaria responde unha pregunta de interese xeral. Para a segunda edición deste programa, a Universidade Vigo elaborou dez pezas audiovisuais de algo máis un minuto nas que docentes de diferentes áreas achegan as respostas a estas cuestións.
Resultados 55 - 60 de 1368

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós