DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Vigo

Campus Vigo

Venres, 19 de maio do 2017

Ecimat abandeira a creación do EBB que coordinará o funcionamento de biobancos mariños europeos

O programa Interreg Atlantic Area achega á Universidade máis de 400.000 euros para dous proxectos do ámbito mariño

Pola súa banda, o grupo de investigación en Aplicacións dos Láseres participa no proxecto Bluehuman


ImageSon a creación do maior e máis diverso banco de recursos biolóxicos mariños do mundo e a valorización dos resultados da investigación no ámbito dos materiais de orixe mariña para aplicacións nos campos da saúde e do benestar humano, dúas iniciativas que poden contribuír a mellorar a calidade de vida dos habitantes das rexións atlánticas de España, Francia, Irlanda, Reino Unido e Portugal? A Unión Europea considera que si e por iso o programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020, como parte da estratexia europea 2020, vén de concederlle máis de 418.000 euros a estes dous proxectos de tres anos de duración: 268.000 no caso do EBB- European Marine Biological Resource Centre Biobank, coordinado polo Centro de Singular de Investigación Mariña Ecimat e Campus do Mar e 150.000 euros no do proxecto Bluehuman, Biotecnoloxía azul como innovación na saúde humana para o crecemento intelixente en Europa, no que participa o grupo de investigación en Aplicacións Industriais dos Láseres e que coordina a Universidade do Minho.
Dos máis de 100 proxectos presentados á primeira fase do programa Interreg Espazo Atlántico, só 42 recibirán financiamento para o seu desenvolvemento.
Xoves, 11 de maio do 2017

Relacionados con enerxías renovables, saúde, nanotecnoloxía, hidroloxía, biotecnoloxía ou envellecemento

A convocatoria europea Poctep financia con 3 millóns de euros dez proxectos da Universidade de Vigo

O programa de axudas interrexionais achega o 75% do orzamento total destas iniciativas, que é de 4 millóns


ImageO Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 seleccionou dez proxectos de investigación da Universidade de Vigo aos que achegará 3 millóns de euros de cofinanciamento. Deste xeito, a convocatoria interrexional representa o 75% do orzamento total destas iniciativas, que ascende a 4 millóns de euros. O obxectivo deste programa europeo é xerar sinerxías entre institucións de España e Portugal, a través de proxectos que fomenten o intercambio de experiencias entre axentes locais, rexionais e nacionais e axuden a deseñar solucións comúns a problemas compartidos. A Universidade de Vigo participa nestes dez proxectos xunto con institucións de Galicia e o norte de Portugal, en eidos como nanotecnoloxía, enerxías renovables, saúde, biotecnoloxía mariña, cambio climático, turismo, envellecemento ou hidroloxía.
Venres, 21 de abril do 2017

O docente da FFT Anxo Fernández reúne máis de 300 pezas datadas entre os séculos XVIII ao XX

Unha colección única no mundo que aborda a creación da imaxe pública de tradutores e intérpretes

A vida cotiá, o espazo colonial ou as guerras, son algúns dos campos temáticos da colección


Image “Pura serendipia!” Así, como un descubrimento inesperado que se produce cando se está na procura de algo diferente, asegura o docente e investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Anxo Fernández que naceu Icoti, unha base de datos e colección material composta por documentos e representacións iconográficas centrada na creación da imaxe pública da persoa tradutora ou intérprete. Transcorrida máis dunha década desde aquel día no que Anxo Fernández, interesado na investigación dos modos en que a muller foi accedendo aos oficios da tradución, mercou unha postal dun intérprete árabe, Icoti foi sumando pezas ata acadar as máis de 300 actuais, o que a converte nunha colección única no mundo.
Venres, 07 de abril do 2017

Os autores e autoras foron certificados como ‘Top Downloaded Authors’

Un artigo do Laboratorio de Endocrinoloxía, o máis descargado de 2016 no 'Journal Endocrinology'

Achega un novo enfoque sobre o papel das hormonas no control do metabolismo en pacientes diabéticos


ImageO editor da revista científica Journal of Endocrinology, cun factor de impacto 4.498, certificou a varios membros do Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade de Vigo como Top Downloaded Authors, unha mención honorífica coa que certificar que o artigo publicado por estes autores, no que se achega un novo enfoque ao papel positivo que poden ter sobre o control do metabolismo en pacientes diabéticos as interaccións entre dous sistemas de hormonas que aparentemente teñen efectos contrapostos, foi o máis descargado desta publicación no ano 2016, con preto de 600 descargas en apenas catro meses, xa que o estudo saíu á luz no mes de agosto. “Esta mención prodúcenos moita satisfacción e certo orgullo”, explica o catedrático Federico Mallo.
Venres, 31 de marzo do 2017

Co obxectivo de difundir a actividade das e dos investigadores

O Departamento de Física Aplicada publica un blog para darlle maior visibilidade ao seu traballo

A autora da iniciativa, Mercedes Palanca, destaca que este é o primeiro departamento cunha bitácora de seu


Image Hoxe en día ninguén dubida que internet é unha canle de comunicación importante que hai que aproveitar ao máximo como ferramenta de información. Mercedes Palanca, secretaria do Departamento Física Aplicada, defende esa idea e por iso vén de crear un blog para recoller e facer visible o traballo que están a desenvolver as e os investigadores desta área. “Unha das queixas que me trasladaban os meus compañeiros é que non coñecemos que están a facer as e os investigadores de Física Aplicada e se a persoa que está ao teu lado non sabe o que fas, menos alguén alleo” salienta Palanca.
Luns, 27 de marzo do 2017

Este venres arranca a fase formativa para converter as ideas de negocio en oportunidades de autoemprego

25 persoas apostan en Moaña polo emprendemento mariño no programa Empreamar

Á fase de preincubación chegarán ata un máximo de seis proxectos


ImageEste venres 31 de marzo arranca a fase de formación do programa de emprendemento mariño Empreamar, que impulsan o Campus do Mar e o Concello de Moaña en colaboración co Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP 7 Vigo-A Guarda). O obxectivo desta iniciativa é incentivar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, que aproveiten de maneira sostible a gran cantidade de recursos que ofrece o mar, para xerar valor económico e social no ámbito territorial de actuación do GALP co Concello de Moaña como sede.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 189

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós