DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Venres, 23 de xuño do 2017

Celebrarase no Mosteiro de San Xoán entre o 5 e o 7 de xullo

O Symposium Internacional sobre o Prácticum reunirá en Poio a 300 docentes no seu 30 aniversario

A súa XIV edición estará centrada nos recursos para mellorar a calidade das prácticas formativas


ImageFoi en xuño de 1987 cando o Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas celebrou en Poio a primeira edición dunha cita bienal que, desde entón, busca promover unha reflexión sobre este complemento formativo das titulacións universitarias. E se nos seus inicios o debate congregaba fundamentalmente a docentes do eido da educación, a xeneralización das prácticas que sucedeu á implantación de Boloña fai que cada edición reúna a participantes de máis ramas de coñecemento. Cos recursos para a mellora da calidade como eixo do debate, a XIV edición deste congreso preve reunir a preto de 300 participantes entre o 5 e o 7 de xuño.
Xoves, 22 de xuño do 2017

Especialistas de cinco países debaten sobre experiencias multimodais na Casa das Campás

Como o mundo dixital do século XXI redefiniu os recursos educativos

Nun coloquio promovido polo grupo Litex, centrado na creación de contidos docentes e artísticos


Image“Non ten sentido que eduquemos cunha linguaxe do século XIX ou XX cando estamos no XXI”. Deste xeito puña o acento María Lobo, da empresa Gingko, na importancia que ten a contorna dixital na definición de contidos e metodoloxías docentes capaces de espertar o interese do alumnado ao achegalo ás narrativas dixitais. Fíxoo no primeiro dos relatorios do coloquio internacional Multimodalidades e espazos dixitais, que este xoves reúne na Casa das Campás a expertos e expertas procedentes de España, Portugal, Francia, Canadá e Suíza co propósito de debater sobre diferentes experiencias sustentadas na idea da multimodalidade.
Martes, 20 de xuño do 2017

Alumnado de doutoramento e da EE Forestal coñeceu en Cotorredondo o funcionamento dun multicóptero

Unha clase práctica de cartografía desde o aire

A actividade enmárcase nun curso de doutoramento do Campus do Mar


ImageMáis de 25 estudantes de posgrao das tres universidades galegas e da Universidade de Cabo Verde participan desde comezos de xuño no curso de especialización Coastal Dinamics and Environmental Evaluation, inserido no programa de doutoramento de excelencia internacional do Campus do Mar e dirixido a achegalos ás novas tecnoloxías cartográficas que permiten modelizar contornas costeiras. Tecnoloxías como os vehículos aéreos non tripulados que, dotados de tecnoloxía LiDAR permiten tamén realizar labores cartográficos de espazos como masas forestais. De aí que, a última xornada do curso que dirixe a profesora da EE Forestal Julia Armesto trasladase a súa última sesión aos montes de Pontevedra, co propósito de que tanto os investigadores e investigadoras como o alumnado da escola puidese de coñecer de primeira man o traballo que un multicóptero pode desenvolver neste eido.
Venres, 16 de xuño do 2017

Os investigadores da EE Forestal participan nun proxecto impulsado pola Asociación Agraria de Galicia

O grupo AF4 explora vías para compatibilizar os usos forestais e gandeiros nos montes

Os primeiros traballos de campo desenvólvense en Fornelos de Montes e na serra do Cando


ImageO aproveitamento dos montes como fonte de alimento para o gando pode contribuír tamén a prevención dos lumes forestais, ao reducir a cantidade de biomasa forestal susceptible de converterse en combustible para as lapas. Partindo desta idea, investigadores e investigadoras da Escola da Enxeñaría Forestal traballan na definición dunha serie de medidas que axuden a facer compatibles e sustentables os usos gandeiros e forestais dos montes da provincia. Fano como parte dun grupo operativo de innovación impulsado pola Asociación Agraria de Galicia, ao abeiro dunha liña de subvencións da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta.
Xoves, 15 de xuño do 2017

A iniciativa foi promovida no marco dunha xuntanza de profesorado en Olimpia (Grecia)

Profesorado do campus participa na creación dunha rede iberoamericana de estudos sobre olimpismo

A investigadora de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño é unha das súas promotoras


ImageOlimpia, o berce das Olimpiadas, foi recentemente a sede dunha sesión internacional que reuniu a profesorado de Ciencias da Actividade Física e do Deporte de diferentes universidades e onde os e as representantes dos países de fala hispana e portuguesa asinaron o Consenso de Olimpia, que ten como obxecto potenciar as relacións entre os investigadores e investigadoras de ambas beiras do Atlántico para traballar conxuntamente na investigación sobre o movemento olímpico. A de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño é unha das impulsoras dun acordo que foi acollido con “grande interese” polos representantes americanos.
Mércores, 14 de xuño do 2017

A investigadora Ainara Duque deseñou na súa tese esta ferramenta de avaliación psicolóxica

Un cuestionario busca predicir as consecuencias da retirada deportiva

O estudo que realizou con futbolistas constata que dous terzos non planifican este momento


ImageTratar de predicir como vai afectar a un ou unha deportista o momento da súa retirada, para así poder planificar unha intervención preventiva que contribúa a minimizar ou eliminar os efectos dunha transición que nalgúns profesionais chega a producir estrés, depresión ou perda de identidade. Esa é a finalidade principal da ferramenta de avaliación que Ainara Duque Ingunza desenvolveu no marco da súa tese de doutoramento, que ten como principal novidade a “visión prospectiva” que achega respecto das perspectivas que teñen os deportistas en activo sobre a súa futura retirada. Unha visión “apenas desenvolvida” no eido da psicoloxía do deporte e que levou a esta investigadora a deseñar un cuestionario de adaptación á retirada deportiva, que validou cunha mostra de 346 deportistas de 51 modalidades.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 6 de 70

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós