DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Mércores, 23 de novembro do 2016

Fundación CEER e IEEM organizan os días 28 e 29 un foro sobre xeopolítica na Casa das Campás

Expertos en seguridade analizarán no campus o papel de España e Portugal nun mundo global

Na súa terceira edición, abordará cuestións como a gobernanza global, o Brexit ou a crise dos refuxiados


ImageAfondar nas relacións entre España e Portugal desde a perspectiva da seguridade é o propósito co que o Instituto Español de Estudos Estratéxicos, xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal impulsaron en 2014 un foro sobre xeopolítica ibérica que, tras centrarse en primeiro termo na dimensión peninsular e, posteriormente, no contexto europeo, abordará na súa terceira edición o papel destes dous países nun mundo global. Farao os días 28 e 29 na Casa das Campás, nun curso organizado coa colaboración da Vicerreitoría que reunirá a investigadores de universidades españolas e lusas, xunto con expertos do IEEE.
Mércores, 16 de novembro do 2016

Investigadores de Belas Artes promoven en Pontevedra e Santiago un congreso sobre performance

Teoría e práctica da acción

Mesas de redondas e relatorios combinaranse no seu programa cunha serie de intervencións artísticas


ImageConsolidar unha reflexión teórica sobre a arte de acción, un proceso artístico efémero marcado polo momento presente, o contexto e a coincidencia física de artista e espectador, que “sen dúbida alimentou moitas das prácticas da arte contemporánea”, pero que, pola contra, foi escasamente analizado desde o punto de vista académico. Con este propósito nace, segundo explica o profesor de Belas Artes Carlos Tejo, o primeiro Congreso de Arte de Acción Fugas e Interferencias, que se desenvolverá entre o 1 e o 3 de decembro en Pontevedra e Santiago e combinará o estudo desta disciplina en mesas redondas e relatorios, cun ciclo de performances.
Xoves, 06 de outubro do 2016

José María Cancela e Irimia Mollinedo analizan os seus beneficios con membros da asociación Apropark

Investigadores do campus pontevedrés deseñan un programa de pilates para persoas con Párkinson

Despois de tres meses, os participantes no estudo experimentaron melloras no seu control corporal


ImageMelloras no seu equilibrio, nos seus niveis de forza e no seu control corporal. Isto foi o que experimentaron as persoas enfermas de Párkinson que participaron no estudo desenvolvido polos investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela e Irimia Mollinedo, que traballan na validación dun protocolo de exercicio físico baseado no método pilates dirixido especificamente a persoas afectadas por esta enfermidade neurodexenerativa. Un protocolo que, coa colaboración da asociación Apropark, puxeron xa en práctica cun grupo de afectados e afectadas por esta patoloxía, co propósito de analizar se a práctica dunha serie de “exercicios intensos”, contribuía a unha mellora “da súa capacidade pulmonar e aeróbica e do seu nivel de forza muscular.
Xoves, 08 de setembro do 2016

A través dos acordos de custodia do territorio asinados este xoves polo grupo de investigación AF-4

A EE Forestal, Cotobade, Cerdedo e a CMVMC de Caroi alíanse pola conservación do cabalo galego do monte

Esta iniciativa permite dar continuidade á liña aberta cun proxecto financiado pola Fundación Biodiversidad


ImageCando, hai preto dun ano, o grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal, puña en marcha un proxecto de investigación sobre o estado e a conservación da raza Cabalo Galego do Monte, financiado pola Fundación Biodiversidad, situaba entre os seus obxectivos prioritarios alcanzar acordos de custodia do territorio con diferentes colectivos e entidades que permitisen dar continuidade no tempo a esta liña de traballo. E isto é precisamente o que fan posible os tres acordos que o grupo que encabeza o director do centro, Enrique Valero, asinou este xoves cos concellos de Cotobade e Cerdedo e coa Comunidade de Montes Veciñais de Caroi.
Xoves, 14 de xullo do 2016

A profesora da EE Forestal Xana Álvarez estudou como resolver os ‘blooms’ de microalgas na presa de Caldas

Unha tese amosa como mitigar e erradicar a proliferación de cianobacterias nos encoros

O estudo defende unha planificación integral das concas hidrográficas como solución definitiva ao problema


ImageUn dos principais problemas que afectan aos ecosistemas fluviais é a eutrofización, a chegada ás augas dun exceso de nutrientes que provocan a proliferación de algas tóxicas como as cianobacterias. Estudar as posibles medidas que permitirían mitigar os efectos deste proceso, así como erradicalos a longo prazo, son o eixo da investigación que a investigadora da EE Forestal Xana Álvarez realizou para a súa tese de doutoramento. Neste estudo, propón dotar ao encoro dun circuíto anexo no que empregar a electrofloculación, a aplicación dunha serie de correntes eléctricas ás augas, como método para extraer delas estas microalgas, como unha das solucións para a problemática que afecta a presas como o da Baxe, en Caldas de Reis, na que se centra o estudo e que en determinadas épocas do ano “adquire esa cor verdosa tan característica, xerando unha alarma social".
Luns, 20 de xuño do 2016

É un dos 20 expertos seleccionados para un grupo de traballo impulsado pola EIP-Agri

O profesor Juan Picos, recrutado pola UE para abordar a mobilización de biomasa forestal

Desde este martes, participa en Finlandia na primeira reunión desta iniciativa


ImageComo mellorar a mobilización sustentable de biomasa nos bosques da UE? Esta é a pregunta á que tratarán de achegar respostas os 20 expertos e expertas que integran o grupo de traballo impulsado pola Asociación Europea de Innovación de Agricultura Produtiva e Sustentable (EIP-Agri), que administra a Comisión Europea, co propósito de afondar en como potenciar o uso da biomasa forestal con fins enerxéticos e de innovación. Un grupo para o que se presentaron máis de 200 candidaturas e do que forma parte o profesor da EE Forestal Juan Picos, que desde este martes 21 participa en Tampere (Finandia) na súa primeira reunión de traballo.
Resultados 25 - 30 de 72

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós