DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Xoves, 02 de xuño do 2016

Sostén o xefe médico de Boca Juniors no XII Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde

A morte súbita no deporte “pode previrse en gran medida”

Máis de 200 persoas participan, entre xoves e sábado, no evento que ten lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra


ImageUnha normativa recentemente aprobada na cidade de Bos Aires obriga a calquera persoa que queira inscribirse nunha carreira de máis de dous quilómetros a obter previamente un recoñecemento médico que confirme que é apto para ese esforzo. “Agora que o running está tan de moda en todo o mundo, é crucial facer estudos previos, saber se estás capacitado”, sinala neste senso Guillermo Bortman, xefe dos servizos médicos de Boca Juniors, quen recalca que a morte súbita no deporte é un problema “que se pode previr en gran medida”. O responsable médico deste club arxentino é un dos conferenciantes que forma parte do programa do XII Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde, que, con máis de 200 persoas inscritas, desenvólvese desde este xoves no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Martes, 10 de maio do 2016

O grupo Remoss deseñou tres rutas cardiosaudables en Ciencias da Educación e do Deporte

Como facer exercicio sen saír da facultade

Este proxecto de innovación educativa está a ser avaliado con 50 estudantes do centro


ImageSegundo a OMS, a falta de actividade física constitúe o cuarto factor de risco de mortalidade no mundo. De aí a importancia de combater con hábitos saudables a vida sedentaria, que é precisamente o que o grupo de investigación Remoss trata de facer dentro da propia Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde as clases e a realización de traballos levan ao alumnado a pasar sentados boa parte do día. Co propósito de fomentar a práctica da actividade física e comprobar a mellora que suporía para a súa saúde, o grupo do profesor Roberto Barcala deseñou tres rutas cardiosaudables no propio interior do centro.
Venres, 06 de maio do 2016

As teses de Tamara Sotelo e Lorenzo Justo, recoñecidas nos galardóns á investigación da Deputación

Recursos mariños, párkinson e xenética vexetal centran os tres ‘premios provinciais’ da Universidade

Tamén foi premiado o traballo sobre a talla óptima do percebe de Marta Sestelo, Nora Villanueva e Javier Roca


ImageO desenvolvemento dunha metodoloxía estatística que axude a determinar a talla óptima para a captura do percebe, o estudo dunha substancia endóxena como posible axente antiparkinsoniano e a análise das bases xenéticas que determinan o potencial antioxidante de verduras como o grelo ou o repolo. Estes son os eixos das tres investigacións desenvolvidas na Universidade de Vigo que veñen de ser recoñecidas pola Deputación nos Premios Provinciais á Investigación, nos que o xurado seleccionou tanto o traballo que Marta Sestelo desenvolveu xunto con Javier Roca e Nora M.Villanueva, como as teses de doutoramento de Tamara Sotelo e Lorenzo Justo.
Martes, 12 de abril do 2016

Segundo conclúe unha investigación do grupo AF4, da EE Forestal, publicada na revista 'Wildlife Research'

Os accidentes con animais salvaxes son máis frecuentes en estradas con boa visibilidade

Xabarís ou corzos provocan preto de 3,5 accidentes de tráfico ao día en Galicia


ImageUnha estrada con baixa visibilidade, nunha zona na que sexan numerosas as poboacións de xabarís ou corzos, podería ser vista como o punto no que é máis probable ter accidente cun animal salvaxe. Mais un estudo realizado polo grupo de investigación AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, desmonta esta e outra serie de ideas respecto dos accidentes de tráfico causados por fauna salvaxe, causante en Galicia de preto de 3,5 colisións ao día. Tras estudar os accidentes provocados por ungulados (animais con pezuño ou casco) nas estradas rexionais galegas ao longo de cinco anos, o grupo AF4 conclúe que os accidentes con fauna salvaxe adoitan darse con maior frecuencia en estradas anchas e con boa visibilidade, nas que é posible circular a velocidades máis elevadas.
Venres, 21 de febreiro do 2014

O profesor do CUD Carlos Ulloa defendeu a súa investigación na Escola Naval Militar

A primeira tese da historia do Centro Universitario da Defensa


ImageAo profesor Carlos Ulloa Sande, do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, correspóndelle a honra de ser o autor da primeira tese de doutoramento á que se dá defensa no Centro Universitario da Defensa (CUD), da Escola Naval Militar de Marín. Este enxeñeiro industrial e docente neste centro adscrito á Universidade de Vigo vén de obter un sobresaínte cum laude por unha investigación titulada Desenvolvemento dun modelo estacionario e transitorio dun sistema de micro-CHP baseado no motor Striling, que levou a cabo no marco do programa de doutoramento en Enxeñería Térmica da Universidade.
Xoves, 26 de abril do 2012

A Deputación de Pontevedra outorga un total de 19.000 euros a oito traballos de investigación

Investigadores da Universidade de Vigo acadan a metade dos Premios Provinciais 2011


Catro dos oito Premios Provinciais á Investigación que a Deputación de Pontevedra outorga na edición 2011 veñen de ser concedidos a investigadores da Universidade de Vigo que están presentes nas tres categorías que inclúe o galardón:Traballo de Investigación, Novos Investigadores e Teses de Doutoramento.
Sara Abalde Cela, licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Vigo; Luis Antonio Medina Castillo, licenciado en Químicas pola Universidade de Granada; Ramón Álvarez Puebla licenciado en Química pola Universidade de Navarra e que actualmente traballa na Universidade de Vigo e Luis Liz Marzán.
Resultados 31 - 36 de 72

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós