DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Xoves, 26 de xaneiro do 2012

A escola colabora no proxecto Ashmelt, que definirá a calidade das cinzas para a súa combustión

A Unión Europea alíase coa EE Forestal para potenciar o uso enerxético da biomasa

A universidade viguesa é a única do sur de Europa que participa en esta iniciativa internacional


Image Máis de 15 anos de experiencia no eido do aproveitamento enerxético foron suficientes para que a Unión Europea tomase como referencia as achegas científicas do grupo de investigación de Biomasa da Escola de Enxeñaría Forestal, encabezado polo profesor Luís Ortiz. Este equipo de investigadores participou esta semana no arranque do proxecto europeo Ashmelt, a través do cal a Unión Europea pretende potenciar o uso das enerxías renovables. En este encontro, que tivo lugar na sede de Bioenergy2020 en Austria, "a universidade viguesa é a única do sur do continente que forma parte de este plan”, sinala o investigador Daniel Vega.
Mércores, 25 de xaneiro do 2012

O grupo de investigación de Pedro Figueroa dirixe o proxecto 'Bioforos' financiado por BIC Galicia

O uso de biomateriais ábrelle novas portas ao tecido empresarial galego

A innovación biotecnolóxica pode ser clave para os sectores estratéxicos galegos como o téxtil e alimentación


Image Renovarse ou morrer. Ante estas opcións, o tecido empresarial galego vai na procura de oportunidades de negocio que lle permitan medrar e consolidarse a pesar da crise, un obxectivo para o que conta co apoio do grupo de investigación G4+ da Universidade de Vigo que organizou este mércores, xunto con BIC Galicia, a Xornada de divulgación e transferencia de coñecementos sobre solucións biotecnolóxicas para a innovación en Galicia co fin de que os diferentes axentes “coñezan as posibilidades de crecemento que achega o mundo dos biomateriais aos distintos ámbitos”, explicou o investigador Pedro Figueroa.
Martes, 10 de xaneiro do 2012

Nun congreso no que a Universidade de Vigo e a Politécnica de Madrid foron os representantes nacionais

A FAO bota man de investigadores da EE Forestal para potenciar o emprego da biomasa

Luis Ortiz e Daniel Vega foron convidados para afondar na combustión de masas nas caldeiras de pellets


ImageUnha das posibles saídas á crise enerxética e económica actual pode atoparse no emprego da biomasa. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, FAO, non é allea ás súas potencialidades polo que reuniu na súa sede de Santiago de Chile aos principais expertos mundiais no II Congreso Internacional de Biomasa, ao que Luis Ortiz e Daniel Vega, investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal, foron convidados para explicar os seus estudos recentes sobre a combustión de biomasa forestal e agrícola en caldeiras de pellets. A Universidade de Vigo e a Politécnica de Madrid foron os únicos representantes nacionais nun encontro que tivo como obxectivo dar un pulo á consolidación da bioenerxía.
Mércores, 07 de decembro do 2011

O grupo de investigación AF4 do campus de Pontevedra estudou a casuística de 6000 sucesos

Enxeñeiros forestais crean unha aplicación móbil para evitar accidentes de tráfico causados por animais salvaxes

As estradas do norte de Galicia concentran o maior número de sinistros


ImageMoitos son os perigos aos que se enfrontan os condutores nas estradas. Ademais dos derivados directamente das condicións do tráfico, hai que ter en conta, especialmente en Galicia, os relacionados cos animas salvaxes. Para tentar frear este tipo de accidentes, sobre todo os ocasionados polo co corzo e o xabaril, especies máis comúns na comunidade, o grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra deseñou unha ferramenta de sinalización persoal empregando as novas tecnoloxías que avisa no momento de chegar a un punto con perigo por invasión das especies. “Trataríase dunha aplicación que se instalaría nos móbiles e que indicaría os tramos conflitivos, converténdose nunha forma de aviso máis eficaz que un sinal convencional”, explica Laura Lagos, investigadora ao fronte do proxecto.
Martes, 04 de outubro do 2011

A EE Forestal acolle o Annual Meeting of the FSC Network of European Smallholders, por 1º vez en España

Os montes galegos precisan do selo de calidade FSC para non quedar fóra do mercado europeo

O minifundio, a propiedade privada e a idade dos produtores, principais atrancos para conseguir a acreditación


ImageGalicia representa o 50% da produción forestal de toda España o que a converte nunha das principais potencias mundiais en produción de madeira. A diferenza de outros territorios europeos provedores de masa forestal, os montes galegos aínda non contan cun selo de calidade internacional, o certificado FSC, que acredite oficialmente unha boa xestión. Para facer fronte a esta realidade, a Escola de Enxeñaría Forestal acolle o 3rd Annual Meeting of the FSC Network of European Smallholders, un encontro organizado pola FSC Internacional (Consello de Administración Forestal) en colaboración co grupo de investigación AF4 da Universidade de Vigo na procura de solucións que permitan adaptar os requirimentos do certificado FSC á realidade do monte galego.
Luns, 26 de setembro do 2011

A EE Forestal acolle o Annual Meeting of the FSC Network of European Smallholders, por 1º vez en España

Expertos internacionais reúnense no campus na procura dun certificado forestal para os pequenos propietarios

Os silvicultores galegos precisan da acreditación para poder competir con países como China, Brasil ou Rusia


ImageA Escola de Enxeñaría Forestal convértese en referente internacional na xestión de montes coa celebración do 3rd Annual Meeting of the FSC Network of European Smallholders, un encontro organizado pola FSC Internacional (Forest Stewardship Council) en colaboración co grupo de investigación AF4 da Universidade de Vigo para facilitar o certificado oficial das pequenas propiedades forestais. A xuntanza, que se celebra por primeira vez en España, reúne a expertos dos principais países en produción forestal de Europa que deseñarán do 4 ao 6 de outubro “modelos de acreditación simplificados para medir a xestión forestal a pequena escala”, explica o profesor Juan Picos, principal organizador do evento.
Resultados 37 - 42 de 72

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós