DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Mércores, 01 de decembro do 2010

Reunión da vicerreitora do campus, Antonia Blanco, con representantes de grupos de investigación

Na procura de sinerxías que favorezan a transferencia

A Universidade intermediará con empresas e institucións para facilitar o traballo dos grupos


ImageA transferencia de coñecemento é un dos activos máis importantes da Universidade. Pero antes de compartir, hai que coñecer con quen se pode compartir. Baixo esta premisa formulou a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, o primeiro encontro cos investigadores principais dos grupos que desenvolven a súa actividade en Pontevedra. Arredor de vinte investigadores participaron no encontro celebrado hoxe na Casa das Campás e do que afirmaron saír “moi satisfeitos”, xa que tanto a Vicerreitoría como a Universidade en xeral asumirán un papel de intermediador coas empresas e institucións, facilitando o traballo dos grupos de investigación.
Luns, 12 de xullo do 2010

Presentaron un proxecto de investigación sobre o aluminio

Un investigador de Ciencias da Educación gaña a Olimpíada Galega de Química co seu alumnado

O obxectivo foi poñer en práctica as propostas do grupo DC05, centrado na didáctica das Ciencias Experimentais


Image Estudar Química, Física ou Matemáticas non consiste só en memorizar fórmulas, pois desde o ámbito científico tamén se poden fomentar as competencias transversais do alumnado. Isto é o que opinan os membros do grupo de investigación DC05, que sinalan o traballo por proxectos como a mellor metodoloxía para desenvolver as capacidades dos estudantes. Francisco Serrallé é un deles. Especializado no Blended learning, vén de poñer isto en práctica como profesor de secundaria. Desenvolveu co seu alumnado un estudo de investigación sobre o aluminio, co que gañaron a II Olimpíada Galega de Química de Alumnos de ESO.
Mércores, 30 de xuño do 2010

Segundo a tese de doutoramento de Jorge Remondes

O uso das TIC mellora a produtividade das empresas da Eurorrexión

O estudo baséase nas respostas de 173 empresas de servizos, comercio e industria


Image As Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) contribúen á eficacia da comunicación interna das empresas e, en consecuencia, favorecen decisivamente á dispoñibilidade de información, á estratexia e á axilidade na toma de decisións. Ademais, as TIC contribúen notablemente a elevar a calidade e a imaxe organizativa, así como a optimizar a xestión do tempo. Estas son os principais resultados da tese de doutoramento de Jorge Remondes, dirixida polo profesor Fernando Ramos e cualificada con sobresaliente cum laude. O estudo analiza 173 empresas de Galicia e o norte de Portugal dos sectores servizos, comercio e industria.
Venres, 25 de xuño do 2010

Semella máis positivo traballar ao 40% da frecuencia cardíaca máxima que ao 60%

Un estudo observa diferenzas no deterioro cognitivo de maiores que realizaron exercicio a distintas intensidades

Estes resultados abren a porta a novas investigacións na mesma liña


ImageA colaboración entre o grupo de investigación GHI22 da Universidade de Vigo e a empresa Geriatros vén de dar o seus froitos. No ano 2008 iniciouse o proxecto MCI-FIT, subvencionado polo programa INCITE, Plan Galego I+D+i, co obxectivo de estudar durante seis meses os efectos da práctica de exercicio de tipo aeróbico a dúas intensidades, ao 40% e ao 60% da Frecuencia Cardíaca Máxima (FCM), en un persoas maiores con deterioro cognitivo. Tras a análise dos datos obtidos na fase experimental, os investigadores observaron un resultado máis positivo nas persoas que traballaron ao 40%, aínda que consideran que este achado non é concluínte debido á curta duración do proxecto, pero que demostrou que a actividade física retarda o proceso dexenerativo.
Mércores, 23 de xuño do 2010

Mañá realizan a última sesión no Pavillón do Berbés de Vigo de 20.00 a 22.00 horas

Remata o estudo sobre os efectos a ximnasia hipopresiva na saúde feminina coa satisfacción das participantes

Os primeiros datos cotexados faranse públicos a mediados de xullo


Image Durante catro meses realizouse no Pavillón do Berbés coa colaboración do Concello e da Área de Deportes de Vigo unha investigación conxunta da Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago sobre muller, saúde e estética, coa finalidade de determinar a relación de diferentes prácticas de exercicio coa función sexual da muller, a incontinencia urinaria, a postura e a dor lumbar. Participaron ao redor de 150 mulleres, en tres grupos nos que se aplicaron técnicas diferentes. Mañá teñen a última sesión e os autores do proxecto, Tamara Rial e Piti Pinsach, aseguran que se perciben diferenzas nos propias declaracións das participantes.
Mércores, 26 de maio do 2010

Segundo a tese de Henrique Martins, que estuda as capacidades psicolóxicas dos xogadores

A ansiedade é maior nos futbolistas nacionais que nos estranxeiros

O investigador avaliou outros catro factores: motivación, autoconfianza, concentración e cohesión do equipo


Image A presión psicolóxica pode interferir no rendemento deportivo dos xogadores de fútbol. Avaliar o perfil dos futbolistas neste senso, en función das características deportivas, individuais e socioculturais, foi o obxectivo da tese Henrique Martins: Necesidades psicolóxicas dos xogadores de fútbol . Para iso elaborou un cuestionario específico en torno a cinco factores –a cohesión do grupo, a motivación, a ansiedade, a autoconfianza e a atención/concentración– e aplicou esta ferramenta a unha mostra 683 xogadores de 37 equipos portugueses de fútbol profesional e afeccionado de todos os niveis de competición. Unha das súas principais conclusións é que “a ansiedade está condicionada pola procedencia dos xogadores, dado que os estranxeiros a controlan mellor”, resultado que atribúe a que os futbolistas de fóra están máis habituados a lidar co estrés polo feito de xogar en varios clubs.
Resultados 43 - 48 de 72

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós