DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Luns, 03 de maio do 2010

A investigación foi desenvolvida polo Grupo de Investigación en Educación e Saúde, en colaboración coa UDC

Un estudo comproba que a efectividade dos socorristas diminúe ata o 20% por mor da fatiga do rescate

Apunta como solución dotar ao socorrista do material profesional de rescate que lle permita reducir tempos


Image Un dos primeiros traballos que atopan os licenciados e licenciadas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte é de socorrista. Aproveitando esta tendencia o Grupo de Investigación en Educación e Saúde (GIES) da Universidade de Vigo decidiu levar adiante unha investigación para valorar se os titulados están capacitados para resolver con éxito o rescate. Segundo os resultados obtidos, en estado de repouso, o 90% é capaz de realizar unha reanimación cardiopulmonar (RCP) óptima. Non obstante, practicamente ninguén fai unha reanimación efectiva despois do esforzo que require un rescate estándar. Logo de correr 50 metros e nadar 75 a efectividade da RCP caeu ata o 20% entre a vintena de persoas que participaron na investigación. Este estudo foi coordinado polo profesor Roberto Barcala e desenvolveuse en colaboración co grupo Grupo de Investigación en Actividade Acuática e Socorrismo da UDC, dirixido por José Palacios Aguilar.
Mércores, 28 de abril do 2010

É un proxecto do grupo de investigación Dx7 da Facultade de Belas Artes

Nova plataforma multimedia para divulgar a creatividade galega dos 80

Pretende suplir a carencia documental sobre os movementos culturais desa década


Image O grupo de investigación Dx7 da Facultade de Belas Artes vén de dar a coñecer o seu proxecto Wiki Map. Galicia Culture, unha interface multimedia para divulgar os movementos creativos emerxentes nos anos 80 en Galicia: a videocreación, a moda, a fotografía e as artes escénicas. Xerada para conter unha análise visual e conceptual da cultura desa década, está articulada como unha base de datos en liña. Nela recompílanse recursos textuais e multimedia, con numerosas entrevistas cos protagonistas do momento, achegando un importante recurso documental con testemuñas de primeira man. Pretende así suplir a carencia bibliográfica sobre esa época de mudanzas.
Martes, 27 de abril do 2010

Apunta como solución a transformación do excedente de vivenda libre en vivenda protexida

Os pontevedreses demandan vivenda pero non poden mercala, segundo un estudo no que participa a Universidade

Coordinou o equipo José María Martín Moreno, profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais


Image No concello de Pontevedra segue habendo demanda de vivenda malia a crise económica, o que estaría fundamentado na súa estrutura de poboación. Existe unha demanda real de primeira vivenda entre os sectores máis novos da cidadanía e tamén entre aqueles que queren cambiar de casa para unha máis grande ou noutra zona. Non obstante, o momento non favorece a compra, polo que hai un excedente de 6000 residencias no termo. Estas son as principais conclusións dun estudo encargado pola Concellaría de Vivenda ás universidades de Vigo e Santiago de Compostela, co obxectivo facer unha diagnose da situación para trazar as políticas municipais a seguir.
Luns, 15 de marzo do 2010

Segundo a tese de doutoramento de Montserrat Pestaña

O desenvolvemento dos piñeiros está condicionado por determinados insectos e fungos

O estudo permitiu identificar varias especies de fungos non asociadas antes con esta árbore


Image A asociación de determinados insectos e fungos favorece aos primeiros a superar as defensas das plantas, conseguindo así reproducirse máis rapidamente e condicionar o desenvolvemento dos piñeiros. Este é un dos principais resultados que obtivo Monserrat Pestaña tralo desenvolvemento da súa tese Interaccións tróficas entre insectos e fungos en Pinus pinaster Ait., que lle permitiu tamén avaliar como as distintas porcentaxes de defoliación provocadas por insectos afectan á colonia de fungos e á abundancia e diversidade das especies fúnxicas, incidindo no crecemento destas árbores. As súas pescudas permitíronlle tamén identificar varias especies de fungos que nunca se asociaran co piñeiro.
Martes, 15 de decembro do 2009

A intención é estender o proxecto a outras adegas e outras denominacións de orixe

O traballo do grupo de Enxeñaría da Organización ábrelle as portas á DO Rías Baixas para obter certificación ISO 9000

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, clausurou a xornada de presentación


Image O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e o Grupo de Enxeñaría de Organización (GIO) da Universidade presentaron hoxe o resultado dun proxecto piloto desenvolvido conxuntamente nun grupo de adegas galegas para a implantación de procedementos de xestión e control para a mellora dos viños. Esta mellora baseouse nos protocolos esixidos pola normativa internacional ISO 9000, polo que finalizada a experiencia e logo da elaboración dunha auditoría final os promotores do proxecto consideran que as adegas participantes están preparadas para obter a certificación de calidade ISO 9000, así como para superar con éxito as inspeccións de Sanidade.
Martes, 10 de novembro do 2009

A facturación total da sanidade privada na provincia ascente a máis de 540 millóns

Un estudo da Universidade confirma que o gasto da sanidade pública en centros hospitalarios privados da provincia de Pontevedra supera os 93 millóns de euros

A investigación realizouna o Grupo de Enxeñaría de Organización, baixo a dirección de Carlos Prado


Image O gasto da sanidade pública en centros hospitalarios privados estímase en máis de 93 millóns de euros. Este dato extráese do estudo Impacto económico da actividade sanitaria privada na provincia de Pontevedra, que cifra nun total 540 millóns de euros, 2.100 entidades e 11.000 traballadores a repercusión económica do sector. O estudo, que tiña por obxectivo calcular ese peso económico a través de dous parámetros, a facturación e o número de empregados, foi realizado polo grupo de Enxeñaría de Organización da Universidade de Vigo, baixo a dirección de Carlos Prado, en colaboración co Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra e co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra. Os promotores do estudo destacan a “enorme importancia destas cantidades, que se achegarían ás que pode xerar na provincia o sector téxtil ou o clúster da madeira”.
Resultados 49 - 54 de 72

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós