DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Pontevedra

Campus Pontevedra

Xoves, 15 de xuño do 2017

A iniciativa foi promovida no marco dunha xuntanza de profesorado en Olimpia (Grecia)

Profesorado do campus participa na creación dunha rede iberoamericana de estudos sobre olimpismo

A investigadora de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño é unha das súas promotoras


ImageOlimpia, o berce das Olimpiadas, foi recentemente a sede dunha sesión internacional que reuniu a profesorado de Ciencias da Actividade Física e do Deporte de diferentes universidades e onde os e as representantes dos países de fala hispana e portuguesa asinaron o Consenso de Olimpia, que ten como obxecto potenciar as relacións entre os investigadores e investigadoras de ambas beiras do Atlántico para traballar conxuntamente na investigación sobre o movemento olímpico. A de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño é unha das impulsoras dun acordo que foi acollido con “grande interese” polos representantes americanos.
Mércores, 14 de xuño do 2017

A investigadora Ainara Duque deseñou na súa tese esta ferramenta de avaliación psicolóxica

Un cuestionario busca predicir as consecuencias da retirada deportiva

O estudo que realizou con futbolistas constata que dous terzos non planifican este momento


ImageTratar de predicir como vai afectar a un ou unha deportista o momento da súa retirada, para así poder planificar unha intervención preventiva que contribúa a minimizar ou eliminar os efectos dunha transición que nalgúns profesionais chega a producir estrés, depresión ou perda de identidade. Esa é a finalidade principal da ferramenta de avaliación que Ainara Duque Ingunza desenvolveu no marco da súa tese de doutoramento, que ten como principal novidade a “visión prospectiva” que achega respecto das perspectivas que teñen os deportistas en activo sobre a súa futura retirada. Unha visión “apenas desenvolvida” no eido da psicoloxía do deporte e que levou a esta investigadora a deseñar un cuestionario de adaptación á retirada deportiva, que validou cunha mostra de 346 deportistas de 51 modalidades.
Venres, 09 de xuño do 2017

A Casa das Campás acolle o 22 de xuño o simposio 'Multimodalidades e espazos dixitais'

Un coloquio internacional afondará en experiencias educativas e creativas híbridas

Organizado polo grupo Litex, porá o foco na creación literaria e no ensino de idiomas


ImageA xeneralización de internet ten convertido nun elemento cotiá a idea da “multimodalidade”, a combinación de diferentes modos de comunicación, do texto e a imaxe, ao vídeo, a música ou o discurso oral, nun mesmo contido. “Isto fixo mudar as fronteiras que se mantiñan entre xéneros en numerosos ámbitos”, sinala Carlos Valcárcel, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinador do coloquio internacional Multimodalidades e espazos dixitais, que o 22 de xuño promoverá na Casa das Campás unha reflexión sobre diferentes experiencias sustentadas nesa idea da multimodalidade nos ámbitos artístico e educativo.
Luns, 29 de maio do 2017

Segundo comprobaron investigadores da Facultade de CC da Educación e do Deporte

O adestramento interválico de menor duración é o máis efectivo para mellorar a resistencia en deportes colectivos

A análise centrouse nos efectos do método HIIT en xogadores de balonmán


ImageDesde hai varios anos, o adestramento interválico de alta intensidade (HIIT) ten desprazado aos métodos continuos de preparación para mellorar a resistencia física dos xogadores e xogadoras de deportes colectivos. Por unha banda, pola súa maior efectividade e, por outra, porque require dun menor tempo para a súa realización. Dentro deste método, aqueles ciclos de traballo que implican exercicios de menor duración a unha maior intensidade amósanse como os máis eficaces á hora de mellorar aspectos como a resistencia á velocidade, segundo veñen de comprobar investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte cun grupo de xogadores de balonmán.
Martes, 23 de maio do 2017

Investigadoras de CC da Educación e do Deporte deseñan un dicionario visual sobre soporte vital básico

Superheroes infantís para achegar a reanimación ás aulas

Dirixido ao alumnado de primaria, enmárcase nos proxectos de innovación docente da facultade


ImageDiferentes investigacións teñen subliñado a importancia de incorporar a formación sobre reanimación cardiopulmonar (RCP) a Educación Primaria e achegar esta aprendizaxe ás aulas implica a adaptación dos protocolos de soporte vital básico para facelos comprensibles para os cativos, pero tamén o deseño de materiais didácticos específicos. Co propósito de definir uns recursos que resulten á vez comprensibles e atractivos para a infancia, investigadoras e investigadores de CC da Educación e do Deporte traballan no deseño de materiais que, partindo de elementos como superheroes, permitan aos nenos e nenas entender de forma clara a RCP.
Martes, 16 de maio do 2017

O profesor da EE Forestal Juan Picos participa en Chile nun seminario da asociación Alasa

As aseguradoras de América Latina debaten sobre o seguro forestal cun investigador do campus

Os danos producidos pola vaga de lumes que sufriu o país andino motivan esta actividade


ImageOnce persoas falecidas, milleiros de vivendas destruídas e máis de 550.000 hectáreas afectadas é o balance que, en xaneiro e febreiro deste ano, deixou unha vaga de lumes forestais no centro e sur de Chile. Poñer en valor a importancia dos seguros forestais como unha ferramenta de protección dos propietarios das superficies arbóreas fronte a este tipo de sucesos é o obxectivo do seminario internacional que a Asociación Latinoamericana para el Desarrollo del Seguro Agropecuario promove en Valdivia, coa participación do investigador da EE Forestal Juan Picos, cuxa tese de doutoramento analizaba a viabilidade deste tipo de pólizas en Galicia.
Resultados 7 - 12 de 72

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós