DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Ourense

Campus Ourense

Venres, 10 de outubro do 2008

Cun traballo titulado “Supersolitones: unha nova forma de transmitir información entre átomos”

Un descubrimento dos investigadores David Novoa e Humberto Michinel, portada da revista de física máis prestixiosa do mundo

O artigo aparece no último número da Physical Review Letters


Image Os investigadores David Novoa e Humberto Michinel, da Universidade de Vigo, xunto cos seus compañeiros Víctor Manuel Pérez, da Universidade de Casilla-La Mancha e Boris Malomed, da Tel-Aviv University israelí, ocupan a portada do último número da revista de física máis prestixiosa do mundo, a Physical Review Letters, cun recente descubrimento. Supersolitones: unha nova forma de transmitir información, é o título do traballo que mereceu tan relevante recoñecemento e nel se explica como da onda de choque entre solitones atómicos xurde un novo tipo de solitón: un supersolitón, que non sofre dispersión e que se transmite dun átomo a outro sen cambiar de forma.
“O interesante do descubrimento”, afirma Michinel, “é que abre a posibilidade de comunicar átomos entre si de xeito totalmente eficiente e forte a través de canles clásicas”, pese á natureza intrinsecamente cuántica dos sistemas atómicos.
Martes, 07 de outubro do 2008

Segundo o libro "A dependencia en Galicia" do grupo de investigación Séniors

Intensa, dispersa, moi avellentada e feminina, características da dependencia en Galicia

As catro provincias galegas sitúanse por riba da media estatal


Image Mentres a Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia dá os seus primeiros pasos, ano e medio despois da súa aprobación, son moitas as dificultades que seguen a rodear a súa posta en marcha. No caso de Galicia, a problemática, ata o de agora oculta, vese agravada polas súas características de avellentamento da poboación e reparto xeográfico, o que dificulta enormemente realizar unha estimación do número real de dependentes. Coa finalidade de afondar nesta cuestión o grupo de investigación Séniors da Universidade de Vigo, composto por Manuel González, Lucía González, Rafael Rodríguez e Carmen Tellado, vén de presentar o libro A Dependencia en Galicia, que recolle un informe sobre a distribución territorial e as características sociosanitarias destas persoas.
Publicado grazas ao financiamento da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e a Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde en Ourense, o estudo será distribuído en todos os centros de saúde ourensáns.
Xoves, 26 de xuño do 2008

Segundo a tese de Laura Campo, presentada este xoves na Facultade de Ciencias

O método de elaboración do surimi de lura xigante inflúe nas súas propiedades


Image A influencia reolóxica dos diferentes métodos de elaboración nas propiedades físicas de surimi procedente de lura xigante e a importancia da conservación deste en estado conxelado centran a tese que Laura Campo presentou hoxe na Facultade de Ciencias. Este é o primeiro traballo que se realiza sobre un tema de grande interese para a industria dos produtos derivados do peixe xa que posúe unha aplicación práctica inmediata no control de calidade dos alimentos. Ademais, a investigadora propón un conxunto de magnitudes e parámetros físicos reolóxicos que deben servir como ferramenta á industria para coñecer e avaliar obxectivamente a calidade nominal do surimi, tanto en estado cru como xelificado. Ademais, para a elaboración das distintas mostras do traballo, Laura Campo contou coa colaboración da empresa de Vigo PSK-Océanos e coa de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas de Madrid.
Xoves, 26 de xuño do 2008

Situado na Facultade de Ciencias, estará aberto á colaboración con outras entidades

A Universidade de Vigo disporá do láser en activo máis potente de Galicia


Image O campus de Ourense acollerá o láser en activo máis potente de Galicia, o que permitirá afondar nas tarefas de investigación sobre novos fenómenos relacionados cos pulsos ultracortos e os láseres ultraintensos, ademais de posicionar á Facultade de Ciencias como un referente de calidade grazas á súa tecnoloxía punteira en España. O láser, situado no laboratorio do grupo de Óptica Física que dirixe Humberto Michinel, estará ao servizo dos diferentes investigadores da comunidade universitaria e, dadas as posibilidades multidisciplinares que ofrece, estará aberto tamén á colaboración con outras entidades dos ámbitos das telecomunicacións, a biomedicina, a industria ou a química física.
O sistema, que se vai instalar ao longo desta semana, é un OPAL (Optical Parametric Amplification Laser) e consiste nun conxunto de varios láseres que actúan de xeito combinado sobre un cristal de titanio e zafiro para producir pulsos de luz de altísima potencia.
Mércores, 18 de xuño do 2008

No I Curso de Comunicación para investigadores promovido polo Consello de Goberno

Investigadores do CITI aprenden a transmitir a realidade da Universidade


Image Da man de expertos da comunicación, tanto a nivel académico como profesional, os equipos directivos dos centros do campus e os investigadores que van ter presenza no Centro de Investigación e Transferencia de Ourense tomarán conciencia do poder mediático da Universidade de Vigo, a través das seis sesións das que consta o I Curso de Comunicación para investigadores que se desenvolverá todos os luns e mércores ata o dous de xullo no Edificio de Ferro. Os participantes reflexionarán sobre a imaxe da institución, adestraranse en certos aspectos da comunicación e coñecerán os mellores medios para a difusión do seu traballo á hora de distribuír orzamentos publicitarios.
Martes, 17 de xuño do 2008

Profesionais de recoñecido prestixio formarán en comunicación aos investigadores do CITI

O curso dará comezo este mércores e rematará o 2 de xullo


Con motivo da posta en funcionamento do Centro de Investigación e Transferencia de Ourense, no vindeiro mes de setembro, a Universidade decidiu impartir entre os membros de referencia do CITI cursos que lles proporcionen formación en materia de comunicación. Trátase de crear, dende o primeiro instante, unha entidade de pertenza á institución e, ao mesmo tempo, harmonizar as necesarias relacións entre investigadores e a prensa. O obxectivo que subxace detrás destas xornadas é a proxección dunha imaxe da Universidade acorde á de institución xeradora de coñecemento.
Resultados 19 - 24 de 33

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós