DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Investigación arrow Campus Ourense

Campus Ourense

Martes, 13 de maio do 2008

Segundo as investigacións do grupo Compiladores e Linguaxe, Cole, dirixido por Manuel Vilares

O procesamento da linguaxe natural mellora a eficacia e flexibilidade dos buscadores

Cole lidera a Rede de Procesamento da Linguaxe e Recuperación de Información


Image Mellorar as ferramentas de recuperación de información para que os buscadores como Google funcionen con eficacia e flexibilidade grazas ao procesamento da linguaxe natural é o principal obxectivo no que o grupo Compiladores e Linguaxe, Cole, vén traballando dende hai 15 anos. Neste tempo, levou a cabo trinta proxectos oficiais en convocatoria competitiva tanto nacional como internacional, así como outros tantos contratos con empresas e institucións. Ademais, un amplo abano de traballos científicos, con centos de artigos publicados nos foros internacionais máis prestixiosos, avalan o seu traballo.
O grupo Cole pertence e lidera dende a súa creación a Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación de Información, financiada pola Xunta de Galicia, formada por sete grupos de investigación das tres universidades galegas, dous deles da de Vigo: Cole e o de Gramática Cognitiva e Funcional. Trátase dunha rede multidisciplinar que reúne o traballo dun conxunto de informáticos, que afondan no desenvolvemento de arquitecturas, e lingüistas que formalizan o problema para a recuperación de información en dicionarios, xestión documental, e categorización de documentos aplicado a busquedas rápidas en Internet.
Martes, 08 de abril do 2008

A Universidade colabora en dous proxectos de I+D+i do programa “Tecnópole emprende”

Con investigacións sobre o cultivo da oliveira e a produción de viño sen alcohol


ImageO fomento do cultivo de oliveiras en Galicia e a produción de viños sen alcohol son os dous proxecto innovadores cos que colabora a Universidade dentro do programa Tecnópole emprende.
Mediante esta iniciativa, posta en marcha polo Parque Tecnolóxico de Galicia, trátase de formar aos mozos emprendedores e darlles soporte á creación e consolidación das súas empresas de perfil innovador. Deste xeito foméntanse a posta en marcha de proxectos de I+D+i contando coa participación de tres emprendedores e cinco empresas que tomarán parte nas accións formativas que comezan este mércores
Venres, 14 de marzo do 2008

Obra do laboratorio de Óptica da Facultade Ciencias de Ourense

A Universidade de Vigo, primeira en España na construción dunha trampa atómica

O traballo será presentado ao MEC o 27 de marzo


Image O laboratorio de Óptica da Facultade de Ciencias de Ourense acaba de construír a primeira trampa atómica nunha universidade española. O grupo de Óptica Física da Universidade de Vigo que dirixe Humberto Michinel foi o encargado de realizar o traballo no marco dun proxecto financiado polo Ministerio de Educación e Ciencia que avaliará o resultado o vindeiro 27 de marzo nunha reunión que se celebrará en Barcelona.
A trampa atómica é un dispositivo que emprega láseres ultraestabilizados para reter e arrefriar átomos de Rb ata temperaturas da orde das millonésimas de grado. Neste estado os átomos manifestan propiedades cuánticas que permiten empregalos con diferentes fins como a construción de reloxos atómicos ou computadores cuánticos. Con esta tecnoloxía a Universidade de Vigo sitúase á cabeza de España no eido da Física que máis premios Nobel deu nos últimos anos, segundo afirma o director do grupo de Óptica Física.
Venres, 29 de febreiro do 2008

Os profesores Michinel e Tommasini tomaron parte no encontro celebrado en París

A Universidade de Vigo participa na posta en marcha do láser máis potente do mundo

Francia ou Rumanía poderían acoller o proxecto europeo


Image Os profesores da Facultade de Ciencias de Ourense, Humberto Michinel e Daniele Tommasini, participaron recentemente na reunión inicial de posta en marcha do proxecto Extreme Light Infraestructure, ELI, para construir o que será o láser máis potente do mundo. No encontro que tivo lugar en París presentouse esta ambiciosa iniciativa que situará a Europa na vangarda tecnolóxica neste eido.
A mellora dos tratamentos oncolóxicos, a visualización de imáxes médicas ou o desenvolvemento de novos métodos de tratamento de residuos nucleares, serían algúns dos beneficios que ELI podería aportar á sociedade. Trátase da primeira infraestrutura dedicada ao estudo fundamental da interacción láser- materia nun novo réxime sen precentes de intensidade láser: o réxime ultrarelativístico. O láser sería aproximadamente unha 1000 veces máis poderoso que o Láser Megajoule de Francia ou o National Ignition Facility (NIF) do EE.UU, logrando a súa extrema potencia a través da brevidade dos seus pulsos: femto e attosegundos.
Tommasini e Michinel pertencen ao grupo de investigación de Óptica Física.
Mércores, 20 de febreiro do 2008

Segundo a tese de María Calado

Rapazas con baixa autoestima e desordes alimentarias, as máis vulnerables ante os medios


ImageAs persoas máis propensas a sufrir insatisfacción co seu corpo son as rapazas con coñecemento do ideal corporal social, desordes alimentarias, baixa autoestima e sobrepeso. Esta é unha das principais conclusións ás que chega a investigadora María Calado na súa tese de doutoramento, unha investigación na que analiza a influencia dos medios de comunicación na imaxe corporal e nas desordes alimentarias en estudantes de secundaria.
Na realización do estudo tivéronse en conta a relación entre a exposición dos rapaces ás revistas e á televisión coa interiorización e coñecemento do ideal sociocultural en canto ao corpo, a comparación, a autoestima, a insatisfacción corporal e as actitudes patolóxicas cara a comida.

 

Mércores, 23 de xaneiro do 2008

Cristina e Marcos López traballarán para o CITI

O Servizo de Apoio á Investigación incorpora dous novos técnicos


Image A Universidade segue a incrementar a súa aposta pola I+D+i, neste caso coa consecución de dous contratos dentro do Plan de Recursos Humanos da Xunta. Grazas a eles, Cristina López Macías e Marcos López Mosquera incorporáronse como novos técnicos para o Servizo de Apoio á Investigación no campus de Ourense. Aínda que a súa situación definitiva estará no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) ata que este sexa inaugurado realizarán o seu traballo na planta menos un do Edificio de Ferro.
Resultados 25 - 30 de 33

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós