DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Alumnado arrow Campus Vigo

Campus Vigo

Xoves, 20 de abril do 2017

Entrega dos Premios á Excelencia Académica ao estudantado de novo ingreso

Máis da metade do novo alumnado “excelente” escolle unha enxeñaría

A simultaneidade ADE-Dereito e Tradución e Interpretación, outras das titulacións máis demandadas


ImageSon os 45 mellores expedientes do alumnado de novo ingreso e hoxe recolleron o agasallo co que a Universidade de Vigo quere recoñecer o seu esforzo durante os estudos secundarios e tamén o ter escollido esta institución para realizar a súa carreira universitaria. 22 mulleres e 23 homes que acadaron os Premios á Excelencia Académica deste curso ao obter un mínimo de 8.5 de nota media do Bacharelato ou ben de 9 nun ciclo superior de Formación Profesional. Este xoves recibiron como regalo unha tableta de mans do reitor, Salustiano Mato, que explicou que “con este acto queremos recoñecer a importancia que ten o mérito, a capacidade e o esforzo que se plasman nos resultados académicos que tivestes no ensino secundario”. Destes 45 expedientes excelentes, 25 optaron por algunha enxeñaría, sendo a máis demandada Telecomunicación (6). A simultaneidade ADE-Dereito e o grao en Tradución e Interpretación son outra das titulacións máis demandadas entre este grupo.
Mércores, 19 de abril do 2017

Nunha xornada organizada ao abeiro do cuarto proxecto DivulGATE

Alumnado de Bioloxía chama a atención sobre o perigo que supoñen as especies invasoras

O programa inclúe charlas, unha saída polo campus e, xa en xuño, unha visita ás illas Cíes


ImageÁrbores como o eucalipto ou a mimosa (Acacia dealbata), plantas como as uñas de gato (Carpobrotus edulis) ou herbas como a Pampa (Cortaderia selloana), a tintureira (Phytolacca americana) ou a da envexa (Vinca difformis)... forman xa parte da paisaxe galega malia tratarse todas elas de especies exóticas invasoras que chegaron a este territorio de maneira intencionada ou accidental e que a día de hoxe supoñen un serio perigo para a conservación da diversidade biolóxica orixinal. Co obxectivo de concienciar sobre esta problemática e dar pautas sobre como axudar a mellorar a situación a Delegación de Alumnos Lynn Margulis da Facultade de Bioloxía organizou este mercores as III Xornadas de Especies Invasoras.
Mércores, 05 de abril do 2017

A cita será en Santiago de Compostela o 12, 13 e 14 de xuño

As universidades galegas únense na organización do encontro estatal dos programas de maiores

O ex-reitor vigués Luis Espada impartirá a conferencia plenaria ‘Vocación académica e lonxevidade”


ImageÚneos o seu desexo de seguir aprendendo e de non deixar nunca de formarse. Falamos das alumnas e alumnos dos Programas Universitarios para Maiores, que este ano celebrarán as súas xuntanzas anuais, tanto a estatal como a galega, o 12, 13 e 14 de xuño en Santiago de Compostela nunha cita organizada de xeito conxunto entres as tres universidades galegas e na que se abordarán tres liñas básicas de traballo: educación permanente no ámbito universitario; internacionalización e participación, e responsabilidade social dos programas de maiores.
“O máis importante é ter a oportunidade de coñecer de primeira man o que se está a facer no resto de universidades españolas en relación á formación ao longo da vida para os maiores”, explica Miguel Ángel Nombela, director do Programa Univesitario para Maiores da Universidade de Vigo.
Mércores, 29 de marzo do 2017

Nunha xornada impulsada polos Correspondentes Universitarios, unha rede de estudantes voluntarios

O alumnado achégase ás diferentes alternativas de participación xuvenil

Coñeceron programas como Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil e Galeuropa


ImageA finais de 2016 a Universidade de Vigo e a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado asinaban o convenio para a creación do programa Correspondentes Universitarios, unha rede de estudantes voluntarios que traballen na difusión e dinamización dá información xuvenil entre os seus compañeiros de estudos. O campus vigués conta xa cun grupo de correspondentes que xestionan unha páxina de Facebook e un sistema de avisos por Whatsapp a través dos que difundir actividades, convocatorias, axudas, xornadas, tarxetas, carnés e todo tipo de información xerada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Mércores, 22 de marzo do 2017

Luis Gandarela e Jose Iglesias galardoados con cadanseu cheque de 500 euros

Premio aos mellores expedientes da terceira promoción dos graos da EE de Minas e Enerxía

A dirección do centro organizou tamén unha charla informativa dirixida ao alumnado dos primeiros cursos


ImageA terceira promoción dos graos en Enxeñaría de Recursos Mineiros e Enerxéticos e Enxeñaría da Enerxía xa ten aos seus estudantes máis brillantes. Os alumnos Luis Gandarela e Jose Iglesias recibiron este mércores na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía o Premio aos Mellores Expedientes de ambas titulacións. Os galardóns, que consisten en cadanseu cheque de 500 euros, foron entregados por Atanasio Peña, decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Minas e Enerxía de Galicia e Santiago López-Guerra, presidente da Asociación do Cluster da Xeotermia Galega, Acluxega, nun acto no que tamén participou a directora da escola, Natalia Caparrini.
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>
Resultados 1 - 9 de 607

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós