DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio arrow Alumnado arrow Campus Ourense

Campus Ourense

Luns, 30 de maio do 2016

55 egresados e egresadas celebraron o venres o seu acto de graduación

Unha nova promoción de traballadores sociais co desexo de construír un mundo máis xusto

Membros da comunidade universitaria, familiares e amigos acompañáronos na conmemoración


ImageÉ tempo de celebración de actos de graduación e este venres, día 27 de maio, chegoulle o momento aos estudantes de último curso do grao de Traballo Social, da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Os 55 novos egresados e egresadas da cuarta promoción desta titulación celebraron acompañados de membros da comunidade universitaria, familiares e amigos o remate dos seus estudos e o inicio dunha nova etapa profesional na que terán que desenvolver o seu papel nunha sociedade marcada pola crise e a mudanza social. “Non perdades o optimismo, a ilusión e loitade por construír o voso futuro”, díxolle Mar García, decana do centro.
Xoves, 26 de maio do 2016

O campus de Ourense acolleu a entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución 2016

Se foses un amor para toda a vida, serías a lingua galega

Durante o acto tamén se rendeu homenaxe a Manuel María e ao Día das Letras Galegas


ImageLucía Aldao e María Lado, as compoñentes de Aldaolado, foron as encargadas de pór a música, a poesía e o humor ao acto de entrega de Premios de relato, poesía e tradución literaria da Universidade de Vigo 2016 que este xoves tivo lugar no campus de Ourense e que nesta ocasión estiveron acompañados dunha homenaxe a Manuel María e ao Día das Letras Galegas. Durante a súa actuación elas falaron de toda clase de amores xogando cun “se foses o meu amor...” inconfesable, da EXB ou para toda a vida, entre outros moitos. Para escoitalas estaba un público que se achegou ata alí precisamente porque comparte un deses amores "para toda a vida", o que teñen pola lingua e a literatura galegas. Arancha Nogueira, en poesía, Xosé Sobral, en relato, e Luisa Iglesias, en tradución, foron os membros da comunidade universitaria galardoados cos primeiros premios da edición deste ano dos galardóns.
Mércores, 18 de maio do 2016

O Gabinete Psicopedagóxico do campus organiza un curso para aprender a planificarse mellor

Se non sabes en que se che vai o tempo...

Dirixido ao alumnado universitario


Image“Non me organizo como é debido”, “sempre entrego os traballos ou preparo os exames non último momento”, “nunca teño tempo para nada”... Estas frases e outras moi similares escóitanas con habitualidade as técnicas do Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense na súa atención ao alumnado universitario. Co obxectivo de axudar a este colectivo a planificarse mellor e ser así máis eficientes e vivir con menos estrés, este servizo organiza un Curso de Xestión do Tempo os días 26 e 27 de maio e 2 e 3 de xuño. Durante a acción formativa farase especial fincapé en identificar e contrarrestar os chamados "ladróns" de tempo, como son o perfeccionismo ou a impuntualidade.
Xoves, 12 de maio do 2016

O centro celebrou este xoves unha xornada de orientación para estudantes de Infantil e Primaria

Tomando exemplo do camiño seguido por anteriores egresados de Ciencias Educación

Titulados da Universidade volveron ás aulas para explicar a súa traxectoria profesional


ImageO curso académico 2015/2016 está na súa recta final e son moitos os e as estudantes de último curso de grao que xa se enfrontarán en breve á súa saída ao mercado laboral. Segundo as características dos estudos realizados, a perspectiva de futuro e as dúbidas que xorden ao respecto son moi diferentes para uns e para outros. Co gallo de axudar ao alumnado dos graos de Educación Infantil e Primaria a orientarse na nova etapa que lles agarda, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense celebrou este xoves a xornada E agora que? Horizontes profesionais para mestres en Educación Infantil e Primaria.
Luns, 02 de maio do 2016

A asociación de alumnos sénior pecha este mes a súa programación complementaria

Actividades culturais e lúdicas para aproveitar ao máximo o paso polo Programa Universitario de Maiores

Entre as accións realizadas este curso están visitas á Escola Naval de Marín e un taller de risoterapia


ImageUn dos grupos máis activos do alumnado que cada día se achega ás aulas do campus de Ourense é o dos estudantes do Programa Universitario de Maiores (PUM). Sen a presión de estudar para forxarse un futuro profesional, eles e elas acoden á universidade por pura vocación de aprender e “manter a cabeza ocupada”. Co obxectivo de complementar a formación académica que reciben nas aulas, a Asociación de Alumnos do Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense desenvolve cada curso un amplo abano de actividades complementarias, que este ano incluíron desde unha visita ao helicóptero do 061 ata desenvolver un taller de risoterapia.
Resultados 82 - 90 de 389

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós