DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 29 de maio do 2015

A EE Forestal acolle a Feira da Miniciencia, na que participan preto de 300 nenos e nenas

A ciencia non entende de idades

Estudantes de oito colexios expuxeron os seus experimentos a un xurado integrado por profesorado do campus


ImageDun medidor do PH feito a base de lombarda á demostración de cales son as mellores condicións de luz e solo para o crecemento das plantas, pasando por pinturas comestibles ou un volcán de bicarbonato. Na EE Forestal puideron contemplarse este venres unha morea de proxectos científicos cun denominador común, todos eles foron elaborados por nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria. Preto de 300 estudantes que se converteron nos protagonistas da II Feira da Miniciencia, a fase final do proxecto de divulgación científica Pontenciencia, que impulsaron Concello e Universidade e no que participaron oito colexios públicos do municipio.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Dun medidor do PH feito a base de lombarda á demostración de cales son as mellores condicións de luz e solo para o crecemento das plantas, pasando por pinturas comestibles ou un volcán de bicarbonato. Na Escola de Enxeñaría Forestal puideron contemplarse na mañá deste venres unha morea de proxectos científicos cun denominador en común, todos eles foron elaborados por nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria. Preto de 300 estudantes que se converteron nos verdadeiros protagonistas da II Feira da Miniciencia, a fase final do proxecto de divulgación científica Pontenciencia, que o Concello de Pontevedra impulsou xunto coa Universidade e no que participaron oito colexios públicos do municipio.

O premio a meses de traballo

Aínda que foi este venres cando nenos e nens presentaron publicamente os 22 proxectos que desenvolveron nos seus centros educativos, a segunda edición de Pontenciencia leva en marcha xa uns cantos meses. De feito foi en decembro do pasado ano cando se constituíron os comités científicos, integrados por profesorado das diferentes facultades e escolas do campus, que se encargaría de propor aos participantes "unha serie de experimentos que os colexios podían levar a cabo, aínda que tiñan liberdade para desenvolver tamén as súas propias propostas", explica a profesora da EE Forestal e presidenta do xurado desta feira, Purificación Marcet, que recoñece o “magnífico traballo” levado a cabo polos escolares nas aulas xunto cos seus profesores e profesoras.

Previamente, os participantes nesta iniciativa impulsada polo Concello e a Vicerreitoría do campus, asistiron tamén a uns obradoiros sobre o método de científico, co que aprenderon a formular hipóteses que logo terían que demostrar ou refutar. “Tiñan que facer un seguimento diario dos seus experimentos e chegar a unhas conclusións”, engade o profesor do CEIP San Martiño Diego Fariña, que resalta o interese co que os seus alumnos e alumnas analizaron como a chuvia aceda inflúe no crecemento das plantas ou as diferencias que supuña para o seu crecemento estar expostas a luz natural ou artificial.

O momento da verdade

Tras meses de traballo, este venres chegou o momento de defender os seus experimentos ante un xurado integrado por profesorado do campus, responsable de puntuar cada unha das propostas que optan aos premios que se outorgan no marco desta iniciativa. “A verdade é que xa o ano pasado nos sorprenderon e este volveron facelo, son nenos moi pequenos, pero expoñen de marabilla os seus proxectos, ás veces ata nos dan unha lección aos adultos”, sinala Marcet.

Non en van, a “ilusión e a motivación que transmiten alumnos e os seus profesores” con esta iniciativa é o principal valor desta Feira de Miniciencia, como sinala o secretario da escola, Juan Picos, que esta mañá acompañou ao concelleiro de Educación, Agustín Fernández, na inauguración desta reunión cos científicos do mañá. Unha reunión que, “complementariamente, tamén é un xeito de achegar á escola aos que poden ser os futuros alumnos do campus”, engade Picos, que fixo énfase nas “sensacións positivas que está a achegar esta cidadanía miúda na que é a súa primeira experiencia na Universidade, que xa motivan por si soas o traballo de todas as persoas que fixeron posible esta feira”.

Unha morea de actividades complementarias

Ademais de para presentar os seus proxectos ao xurado, os preto de 300 cativos que nesta mañá se reuniron no campus puideron gozar tamén dunha morea de actividades que tiñan na ciencia o seu nexo de unión, desde contos a espectáculos de maxia, pasando por un obradoiro de fabricación de robots, a proxección de vídeos divulgativos ou á visita ao planetario instalado ás portas do centro.

Trala visita dos estudantes dos colexios Xunqueira I, San Benito de Lérez, Pontesampaio, Parada-Campañó, Froebel, Campolongo, San Martiño e Marcos da Portela, esta II Feira de Miniciencia complétase na mañá do sábado coa presentación dos once proxectos desenvolvidos na súa categoría de Ciencia en Familia, aquela na que os escolares traballaron man con man cos seus pais e nais. Posteriormente, ás 13.20 horas, a segunda edición de Pontenciencia chegará ao seu fin coa entrega de premios ás iniciativas que obtiveron a valoración máis alta do xurado tanto nesta categoría como na de Ciencia no Cole, que foi a que este venres encheu a EE Forestal de pequenos científicos e científicas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós