DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 01 de xuño do 2015

Ramón Méndez recolleu en Madrid o Premio á mellor tradución de videoxogo

Cando a paixón se converte en profesión de éxito

Ex-alumno e docente da Universidade, Méndez recolleu o galardón na sede da Academia del Cine


ImageComezou estudando no campus Enxeñaría de Telecomunicación, pero logo se decatou de que iso non era o seu. Apaixonado dos videoxogos e cun excelente dominio do inglés, optou por cambiar de titulación e matricularse en Tradución e Interpretación. Iso foi o inicio, en poucos anos converteuse no primeiro doutor en Tradución e Paratradución de videoxogos de España e este sábado recolleu en Madrid, na sede da Academia do Cine, o premio á Mellor tradución e adaptación para dobraxe de videoxogos con cualificación PEGI para maiores de 16 e 18 anos, un galardón que outorga a Asociación de Tradución e Adaptación Audiovisual de España (Atrae). Falamos de Ramón Méndez, ex-alumno da Universidade e profesor no Máster de Tradución & Paratradución.

D. Besadío | Vigo
Comezou estudando no campus Enxeñaría de Telecomunicación, pero logo se decatou de que iso non era o seu. Apaixonado dos videoxogos e cun excelente dominio do inglés, optou por cambiar de titulación e matricularse en Tradución e Interpretación. Iso foi o inicio, en poucos anos converteuse no primeiro doutor en Tradución e Paratradución de videoxogos de España e este sábado recolleu en Madrid, na sede da Academia do Cine, o premio á Mellor tradución e adaptación para dobraxe de videoxogos con cualificación PEGI para maiores de 16 e 18 anos, un galardón que outorga a Asociación de Tradución e Adaptación Audiovisual de España (Atrae). Falamos de Ramón Méndez, ex-alumno da Universidade que compatibiliza o seu traballo como tradutor de videoxogos co de profesor asociado das universidades de Alacante e Vigo, onde imparte docencia ao alumnado do Máster de Tradución & Paratradución.

Foi precisamente o seu traballo como tradutor do videoxogo Far Cry 4 o que lle valeu este premio, un recoñecemento que comparte con outros sete compañeiros, xa que, como el mesmo di, “este sempre é un traballo en equipo”, pois a velocidade a que se move o mercado obriga a traballar todo o rápido que se poida. “Os tempos de traballo son moi limitados, o normal é que sempre se queira todo para onte”, subliña Méndez ás poucas horas de asistir á entrega de premios na sede da Academia do Cine de Madrid, ao tempo que explica que no caso de Far Cry 4, “empregamos preto dun ano e en total traducíronse preto de 400.000 palabras”.

Metido de cheo no mundo dos videoxogos, sector en plena expansión

Leva dende o 2003, cando se decidiu por matricularse en Tradución e Interpretación, metido de cheo nos distintos ámbitos do sector dos videoxogos, colaborando en medios especializados e tamén traducindo. Dende entón traduciu máis de 300 títulos e con Far Cry 4 chégalle o recoñecemento público dos seus compañeiros de profesión.

“Recoller a estatuíña é algo testemuñal, o máis importante para min é saber que hai moitísimos usuarios que gozan co meu traballo, que están satisfeitos co labor que fixeches para eles e que lles permite poder xogar aos seus videoxogos favoritos no idioma propio”, subliña Méndez, que fai fincapé na “enorme satisfacción” que supón para el que os compañeiros lle recoñezan o seu traballo non só co premio, senón tamén de xeito habitual con comentarios nas redes sociais. “Dentro do anonimato que se adoita vivir na tradución en xeral e nos videoxogos en particular, é unha honra saber que o teu traballo está funcionando e gustando”, engade Méndez, autor doutros proxectos que xa foron galardoados ou nominados en diferentes premios desta industria ( Premios DoblajeVideojuegos e Premios GameReactor).

O sector da tradución de videoxogos está en pleno crecemento e os ingresos económicos que xera son xa superiores os de industrias como o cine ou a música. “Hai moitos profesionais dedicándose a isto, miles só para o español, ao que hai que sumar outras linguas como o francés ou o italiano”, explica o docente, que fai fincapé en que “o ritmo de lanzamentos é enorme e para iso fan falta moitas mans traballando, xa que case nunca unha persoa soa se pode encargar dun xogo enteiro, polo que o traballo adoita dividirse entre cantas persoas sexa necesario para poder cumprir os prazos de entrega”.

Un “profe duro” orgulloso do seu alumnado

Ao respecto da súa faceta como profesor universitario, Méndez ten claro que o seu obxectivo é achegarlles ao alumnado unha visión clara do que é o mercado profesional real, xa que, desde o seu punto de vista durante a carreira o que se ensina con respecto á tradución de videoxogos acostuma estar metido dentro dentro de programas máis amplos referidos á tradución audiovisual e, se ben é certo que a tradución audiovisual pode ser moi útil de cara a algúns aspectos da propia tradución de videoxogos, só é un matiz, e hai moitas máis cousas que se deben ter en conta.

“Nas clases o que non fago é centrarme só naquelas cousas que adoitan gustar máis, como traballar con secuencias de vídeo ou diálogos, senón meterme tamén co tema dos menús, as variables, o traballar con códigos...”, subliña o tradutor, que explica que acostuma recorrer a exercicios con casos reais “nos que son moi esixente, pois o mercado laboral tamén o é”, recalca Méndez, ao tempo que comenta que en moitos casos o alumnado descoñece que para entrar no eido da localización de videoxogos hai que facer unha proba de tradución, un exame con casos reais “no que non se aproba precisamente cun cinco, senón que vas ter que sacar un oito, un nove, ou incluso máis se se ofertan poucas prazas, como soe ser habitual”.

Acúsase a si mesmo de ser “un profe duro”, pero ao seu favor insiste en que o alumnado ten que estar preparado para un sector complexo. “Igual lles poño as cousas un pouco máis negras do que debería para animalos a que fagan unha preparación exhaustiva, pero do que estou seguro é de que todos os meus alumnos e alumnas saen moi ben preparados”, presume Méndez, que se declara “moi orgulloso” da promoción deste curso, pois todos comezaron a enviar currículos “e xa case todos están colocados, o que para min é unha enorme satisfacción, pois son xente que estivo baixo a miña tutela e penso que son profesionais moi valiosos”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós