DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 09 de xuńo do 2015

A relación foi descuberta por investigadores do campus de Ourense no marco dun proxecto internacional

Menos xeo no Ártico en outono, máis neve en Siberia no inverno

O seu traballo foi reseńado recentemente na prestixiosa revista 'Nature'


ImageComo chave para entender o cambio climático global, o Ártico é centro de especial interese para a comunidade científica internacional, que asiste preocupada a un descenso desde os anos 80 da extensión de seu xeo en máis dun 10% cada década. Desde o campus de Ourense, o Grupo EPhysLab da Universidade de Vigo traballa con outras catro institucións europeas no estudo dos procesos climáticos nesta zona ligados á circulación atmosférica. No marco deste traballo, veñen de descubrir que a diminución de xeo Ártico conduce a nevadas máis intensas na rexión de Siberia occidental. Os resultados do estudo, para o que empregaron os datos de 820 estacións meteorolóxicas rusas e un período de 30 anos, foron publicados en maio na revista Environmental Research Letters e reseñados recentemente na prestixiosa revista científica Nature.

Rosa Tedín | Ourense
Como chave para entender o cambio climático global, o Ártico é centro de especial interese para a comunidade científica internacional. Desde o campus de Ourense, o Grupo EPhysLab da Universidade de Vigo traballa con outras catro institucións europeas no estudo dos procesos climáticos neste polo ligados á circulación atmosférica. No marco deste traballo, veñen de descubrir que a diminución de xeo Ártico conduce a nevadas máis intensas na rexión de Siberia occidental. Os resultados do estudo, para o que empregaron os datos de 820 estacións meteorolóxicas rusas e un período de 30 anos, foron reseñados recentemente na prestixiosa revista científica Nature.

Un proxecto internacional

O estudo internacional Procesos Climáticos no Ártico Ligados á Circulación Atmosférica está baixo o proxecto ACPCA, auspiciado pola Unión Europea (FP7) no marco do programa ERAnet.RUS, e nel participan, ademais de EPhysLab (Environmental Research Laboratory), a Universidade de Berna, en Suíza; o NILU de Noruega; o Instituto de Investigacións Hidrometeoróloxicas de Rusia e o Instituto Alfred Wegener do Centro Helmholtz para a Investigación Polar e Mariña de Postdam, Alemaña. Concretamente do campus de Ourense participa o persoal investigador Marta Vázquez, Luis Gimeno e Raquel Nieto.

O descubrimento da relación entre o desxeo e as nevadas presentouse nun artigo publicado en maio na revista Environmental Research Letters, co titulo Arctic moisture source for Eurasian snow cover variations in autumn e asinado polos investigadores e investigadoras das entidades involucradas Martin Wegmann, Yvan Orsolini, Luis Gimeno, Raquel Nieto, Marta Vázquez, Olga Bulygina, Ralf Jaiser, Dörthe Handorf, Annette Rinke, Klaus Dethloff, Alexander Sterin e Stefan Brönnimann. No seu número 521 o pasado 28 de maio a revista Nature destacou e reseñou este artigo como o máis importante publicado durante os últimos meses dentro do campo das Ciencias Climáticas.

Medidas de 820 estacións meteorolóxicas rusas

O artigo conclúe que a diminución do xeo Ártico conduce a nevadas máis intensas na rexión de Siberia occidental. “Esta é unha das primeiras evidencias de como os niveis baixos de cuberta de xeo ártico durante a estación do outono afectan ás precipitacións en rexións veciñas no inverno seguinte”, comenta Marta Vázquez. A esta importante conclusión chegaron os investigadores despois de analizar as medidas inéditas de 820 estacións meteorolóxicas en Siberia que estaban en mans do goberno ruso e despois de modelar os fluxos de humidade entre os mares colindantes á rexión de estudo e o continente Euroasiático para un período de 30 anos.

Este transporte de humidade foi analizado utilizando un modelo físico de dispersión de partículas 3D instalado en EPhysLab que emprega as traxectorias de millóns de partículas na atmosfera para cuantificar os cambios de humidade que se producen ao largo do camiño que as leva desde as rexións fonte nos océanos ata os seus sumidoiros, neste caso Siberia, onde precipitan en forma de auga líquida ou de neve. Usando este modelo, Marta Vázquez encontrou que dos Mares de Barents e Kara, ao norte dos Montes Urais, no Ártico, evapórase máis humidade, cargando desta a atmosfera, cando se encontran máis libres de xeo. Esta humidade remata, despois de ser transportada pola atmosfera, en forma de neve no norte de Rusia, en Siberia.

O Ártico, clave climática

Desde os anos 80, indica Raquel Nieto, as medidas satelitales e de superficie evidencian unha diminución da extensión de xeo Ártico en máis dun 10% por década, así como tamén do seu espesor. Este proceso de desaparición de xeo mariño culminou cun máximo histórico en setembro de 2012, cando se alcanzou a mínima extensión de xeo cuberta nunca rexistrada. Estes cambios están atribuídos ao quecemento global de orixe antropoxénico, provocado polo ser humano. Con estes datos xerais e cos resultados expostos neste artigo, comentan os investigadores ourensáns, “se o xeo do mar segue diminuíndo segundo o esperado, Eurasia e outros continentes deberán reforzar os seus medios ante nevadas máis intensas durante os invernos vindeiros”.

O clima do Ártico, subliñan, é produto dun gran número de procesos, involucrando non só á atmosfera senón tamén ao océano, ao xeo mariño, ás condicións da superficie terrestre e á cuberta de neve. Todos estes procesos están ligados a través da circulación atmosférica, que move os sistemas de tempo a través do sistema Ártico e que controla o clima e a cantidade de neve superficial. “Cambios en calquera condición provocan e provocarán nun futuro modificacións no propio sistema e a nivel planetario global, xa que o Ártico é unha das claves no clima mundial”, subliña Nieto.

Na realización da súa tese de doutoramento dentro do proxecto de especialización do Campus do Mar, Marta Vázquez afonda no estudo deste comportamento do sistema Ártico co obxectivo de proporcionar unha definición axeitada das principais fontes de humidade da rexión e dos cambios observados. Coa publicación deste artigo coas súas achegas en Environmental Research Letters e a súa reseña en Nature e con apenas 26 anos, esta investigadora amosa a súa satisfacción polos resultados que está tendo o proxecto e por ver “como o traballo que realizamos ten interese para a comunidade científica, algo que sempre é moi gratificante”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós