DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 12 de xuño do 2015

IEO e Universidade participan na reunión de expertos internacionais que desenvolverán o plan

Contribución viguesa ao futuro plan científico da FAO para a xestión das pesquerías en África


Image Unha vintena de expertos en recursos e pesquerías, ecosistemas e impacto ambiental no medio mariño, de organismos internacionais, participaron na primeira xuntanza de preparación do programa científico que desenvolverá o proxecto EAF-Nansen da FAO nas costas de África durante os vindeiros cinco anos. Ana Ramos, investigadora do Instituto Español de Oceanografía en Vigo e responsable do proxecto EcoAfrik e Fran Ramil profesor e investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo tomaron parte na reunión celebrada na cidade norueguesa de Bergen.

Duvi | Vigo
Unha vintena de expertos en recursos e pesquerías, ecosistemas e impacto ambiental no medio mariño, de organismos internacionais, participaron na primeira xuntanza de preparación do programa científico que desenvolverá o proxecto EAF-Nansen da FAO nas costas de África durante os vindeiros cinco anos. Ana Ramos, investigadora do Instituto Español de Oceanografía en Vigo e responsable do proxecto EcoAfrik e Fran Ramil profesor e investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo tomaron parte na reunión celebrada na cidade norueguesa de Bergen, na que se desenvolveron os principais compoñentes e áreas de traballo do plan científico do novo programa de cooperación que a FAO desenvolverá en África entre os anos 2016 ao 2020 no marco do seu proxecto EAF-Nansen.

“O novo plan céntrase en tres áreas prioritarias: o fortalecemento dos coñecementos básicos para a xestión sostible da pesca fronte á crecente presión pesqueira, a variabilidade e o cambio climáticos, a contaminación e outros factores de estrés antropogénicos; o apoio á mellora da política e a xestión pesqueira de acordo coa aproximación ecosistémica proposta pola FAO e o desenvolvemento de capacidades institucionais e recursos humanos, que inclúe como compoñente transversal prioritarios a promoción da igualdade xénero e a participación efectiva da muller en todas as actividades do programa”, explica Ana Ramos. Xunto a Ramos e Ramil tomaron parte na reunión os xestores do programa EAF-Nansen da FAO en Roma, os coordinadores das comisións de Grandes Ecosistemas Mariños e da Comisión Oceanográfica Internacional en África, así como persoal invetigador e docente dos institutos de investigación mariña de Noruega, da Axencia Internacional da Enerxía Atómica e as universidades de Sidney e Cidade do Cabo.

Apoio da FAO á xestión de pesquerías en países en desenvolvemento

Desde 1975 a FAO a través do programa Nansen e máis recentemente co proxecto EAF-Nansen, apoia aos países en desenvolvemento na investigación e xestión das pesquerías nos seus esforzos por mellorar a seguridade alimentaria. Ao longo destes 40 anos o programa converteuse nun importante mecanismo para a cooperación, a xeración de coñecemento e o intercambio de tecnoloxía e experiencias aprendidas nas rexións en vías de desenvolvemento e en particular en África.
O programa que se desenvolverá entre os anos 2016 a 2020 contará para a execución dos traballos no mar cun novo buque de investigación, tamén chamado Dr. Fridtjof Nansen, que na actualidade se está a construír nos estaleiros Gondán en Castropol, Asturias. O novo buque, adscrito ao Instituto Noruegués de Investigación Mariña, mellorará as dotacións de investigación e instalacións para educación e formación a bordo de persoal científico e técnico de países africanos do actual Dr. Fridtjof Nansen.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós