DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 08 de xullo do 2015

Xavier Labandeira é o único asinante español dun documento impulsado por académicos franceses

Economistas de todo o mundo claman por acadar un prezo global do CO2 no cumio do clima de París

A iniciativa conta coa participación do último premio Nobel de Economía, Jean Tirole


Image Cando restan cinco meses para a celebración en París do Cumio do Clima 2015, COP21, un grupo de académicos franceses de La Chaire Economie du Climat da Université Paris­Dauphine e da Toulouse School of Economics (TSE), entre os que se atopa o último premio Nobel, Jean Tirole, vén de facer pública unha declaración dirixida aos gobernos responsables de chegar a un novo acordo climático na reunión que terá lugar na capital gala. Preocupados por que o pacto que finalmente se acade non sexa o que consideran realmente se necesita para afrontar un problema da magnitude do cambio climático, este grupo de economistas incide na necesidade de avanzar cara un prezo global de CO2.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Cando restan cinco meses para a celebración en París do Cumio do Clima 2015, COP21, un grupo de académicos franceses de La Chaire Economie du Climat da Université Paris­Dauphine e da Toulouse School of Economics (TSE), entre os que se atopa o último premio Nobel, Jean Tirole, vén de facer pública unha declaración dirixida aos gobernos responsables de chegar a un novo acordo climático na reunión que terá lugar na capital gala. Preocupados por que o pacto que finalmente se acade non sexa o que consideran realmente se necesita para afrontar un problema da magnitude do cambio climático, este grupo de economistas incide na necesidade de avanzar cara un prezo global de CO2, algo do que pouco se falou en pasados cumios e que cren imprescindible para enfrontar de forma custo-eficiente o problema do cambio climático.

Contactado hai unhas semanas polos impulsores desta iniciativa, o catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira é o único economista español que figura entre a trintena de economistas que inicialmente apoiaron a declaración, aberta xa a novos e novas asinantes. “Dada a énfase que o noso grupo de investigación na Universidade de Vigo, Rede, ten posto desde mediados do noventa na importancia dos prezos do CO2 para a definición e posta en práctica das políticas climáticas, participar neste documento reivindica en certa medida o noso traballo e interese nestes asuntos”, explica Labandeira, en relación coa súa participación nesta iniciativa, na que tamén toman parte colegas europeos, americanos e asiáticos.

Cando os economistas e o Papa coinciden

Esta chamada de atención dos e das economistas aos gobernos prodúcese días despois da publicación da encíclica papal Alabado seas, na que Benedicto XVI dedica un capítulo da mesma a afondar na relación entre o cambio climático e a contaminación, a perda da biodiversidade, a mala xestión da auga ou a debilidade política fronte as catástrofes ecolóxicas.
“A nosa chamada suxire basicamente que os contaminadores se enfronten a un prezo global do CO2, o principal gas causante do cambio climático; que sexa aplicable polos distintos países segundo as súas preferencias e que sexa viable politicamente ao existir compensacións distributivas para aquelas zonas con menores capacidades económicas”, explica Labandeira en relación con esta proposta, que se completa con incentivos para evitar que haxa países que tenten beneficiarse dun acordo climático sen poñer os medios necesarios para controlar as súas emisións.

O catedrático da Universidade de Vigo, que se amosa esperanzado en que os negociadores do cumio de París poñan na súa axenda a necesidade de avanzar cara a un prezo global do CO2, non agocha a súa sorpresa pola contundencia da encíclica papal. “Creo que é un texto de longo percorrido, dirixido a unha audiencia global, máis aló dos católicos e que pon de manifesto a grande relación entre os problemas asociados ao cambio climático e os seus efectos negativos sobre a pobreza e a desigualdade que existen no noso mundo”, sinala Labandeira.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós