DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 06 de xullo do 2015

15 investigadores participan en Filoloxía e Tradución nunhas xornadas de doutorandos

Novos públicos, espazos e olladas científicas para a comunicación

Arte urbana, bioética, marcas-territorio e política, exemplos dos campos nos que están a investigar


ImageEstán dando os seus primeiros pasos no mundo da investigación en comunicación e para moitos esta é a súa primeira participación nun encontro científico. Falamos dos 15 investigadores e investigadoras que este luns participan na Facultade de Filoloxía e Tradución nas I Xornadas de Doutorandos en Comunicación, actividade formativa organizada para o alumnado do Doutoramento en Comunicación da Universidade de Vigo, un programa integrado por diferentes áreas de coñecemento das facultades de Filoloxía e Tradución, en Vigo, e Ciencias Sociais e da Comunicación, en Pontevedra.

D. Besadío | Vigo
Están dando os seus primeiros pasos no mundo da investigación en comunicación e para moitos esta é a súa primeira participación nun encontro científico. Falamos dos 15 investigadores e investigadoras que este luns participan na Facultade de Filoloxía e Tradución nas I Xornadas de Doutorandos en Comunicación, actividade formativa organizada para o alumnado do Doutoramento en Comunicación da Universidade de Vigo, un programa integrado por diferentes áreas de coñecemento das facultades de Filoloxía e Tradución, en Vigo, e Ciencias Sociais e da Comunicación, en Pontevedra.

Arte urbano, bioética,marcas-territorio, coworking en Galicia, imaxe persoal e virtual de Podemos, reaparición do cambio climático nos medios de comunicación, revalorización de centros históricos, linguaxe corporal dos políticos... son algún dos temas nos que están a investigar e sobre os que hoxe presentaron os primeiros resultados das súas investigacións. Nerviosos algúns e coa tranquilidade de sentirse ‘na casa’ outros, os novos investigadores estiveron arroupados na presentación polo director da Escola de Doutoramento da Universidade, EIDO, Antonio García Pino; o coordinador e secretaria do programa, Óscar Díaz e Pilar García Soidán, e os coordinadores da xornada, os profesores Benigno Fernández Salgado e María José Corvo. Todos lle deron a benvida e os animaron a continuar traballando e avanzando nos seus doutoramentos, “ata conseguir o título de doutor, o máximo grao académico que se concede na Universidade”, recalcoulles García Pino, que explicou que nos últimos meses están chegando a EIDO “moitísimas teses para admisión a trámite, unha excelente noticia para a Universidade, xa que no doutoramento, como en ningunha outra rama da Universidade, únense as súas dúas misións principais desta institución, a docencia e a investigación”.

Arte urbana como elemento de cohesión social

“A miña liña de investigación versa sobre as potencialidades da arte urbana como elemento de cohesión social en pequenas comunidades e hoxe presento un estudo de caso sobre un proxecto de arte urbana participativa implementado no instituto de ensino secundario de Beade, en Vigo”, explica Lorena Arévalo, unha das primeiras investigadores en intervir. “Todo xurdiu do meu interese particular pola comunicación e a arte, pero tamén do feito de que é un campo que cada vez ten máis peso no eido social e cuxa proxección vai in crescendo…”, apuntou a investigadora, quen se referiu ás xornadas como “unha boa maneira de coller práctica, xa que ao ser na nosa propia Universidade sempre vas cun pouco máis de tranquilidade, pero, ao tempo, tes que facer todos os pasos previos como se fose unha cita máis formal”.

Bioética nos medios de comunicación

“No meu caso interésame moito o tema da comunicación e analizar como trata a prensa escrita o tema da bioética”, subliñou intres antes de comezar as xornadas, outra das participantes, Silvia Sánchez , enfermeira e psicóloga, especializada precisamente en bioética. “Polo que levo analizado ata o de agora non hai un patrón fixo, é dicir, segundo o medio o enfoque pode ser moi distinto, pero a tónica xeral é que sexa de todo menos científico, o normal é que as novas busquen xerar un debate e un estado de opinión. Iso sería bo se os artigos deixasen claro que é o reflexo dunha postura, pero isto nunca acontece e, simplemente, reflicten a postura pero non fan a argumentación científica necesaria para dicir que hai outros puntos de vista distintos dentro da bioética”, explica a doutoranda, que interviu tamén na quenda de mañá.

Tradución de metáforas económicas

O estudo da metáfora económica na tradución inglés-español, centrou a presentación doutros dos doutorandos, Jesús Meiriño. “Vou presentar as metodoloxías que eu emprego no que atinxe á compilación do corpus e ao seu uso, para estudar cal é o tratamento da metáfora que se fai na tradución inglés español de obras de divulgación económica e cal é o uso que se fai da linguaxe metafórica no mesmo tipo de obras en castelán”, subliñou o investigador, que explica que “o inglés é mais metafórico ca o castelán e a maior parte das veces o uso que se fai da linguaxe metafórica en castelán é moi inferior ao uso que se fai en inglés".
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós