DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 15 de xullo do 2015

Logralo sería de gran valor, tanto a nivel económico como de biodiversidade

Investigadores da Estación das Ciencias Mariñas analizan a viabilidade de cultivar lagosta en catividade

O gran reto é aumentar a supervivencia desta especia na súa etapa larval


ImageCultivar lagosta en catividade, este é o gran reto co que está a traballar un grupo de investigadores da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat. Levan anos intentándoo e acadalo suporía un enorme avance, non só a nivel económico, posibilitando o seu cultivo en acuicultura, senón tamén en termos de biodiversidade, facilitando a repoboación en todos aqueles lugares, moitos reservas biolóxicas, nos que a sobreexplotación esquilmou esta prezada especie, todo un manxar irresistible aos padais máis esixentes. “O noso obxectivo é optimizar o cultivo larval desta especie e, para iso, entre outros aspectos importantes para o cultivo dunhas criaturas tan delicadas, precisamos determinar a dieta máis adecuada para esta etapa”, subliña Enrique Poza, responsable da Unidade de Medio Mariño da Ecimat, que fai fincapé en que o desafío é conseguir incrementar a supervivencia das larvas.

Duvi | Vigo
Cultivar lagosta en catividade, este é o gran reto co que está a traballar un grupo de investigadores da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat. Levan anos intentándoo e acadalo suporía un enorme avance, non só a nivel económico, posibilitando o seu cultivo en acuicultura, senón tamén en termos de biodiversidade, facilitando a repoboación en todos aqueles lugares, moitos reservas biolóxicas, nos que a sobreexplotación esquilmou esta prezada especie, todo un manxar irresistible aos padais máis esixentes. “O noso obxectivo é optimizar o cultivo larval desta especie e, para iso, entre outros aspectos importantes para o cultivo dunhas criaturas tan delicadas, precisamos determinar a dieta máis adecuada para esta etapa”, subliña Enrique Poza, responsable da Unidade de Medio Mariño da Ecimat, que fai fincapé en que conseguir incrementar a supervivencia das larvas é, precisamente, o principal desafío ao que se enfrontan.

No 2011 levaron xa ao Congreso Nacional de Acuicultura un relatorio cos primeiros datos do cultivo larval de lagosta europea e, dende entón, “logramos completar todas as fases larvais Filosoma, pero aínda nos queda completar a totalidade do ciclo larval e acadar o estadio xuvenil”, subliña o investigador, que explica que dentro das especies de lagosta que hai en todo o mundo, quizais a lagosta europea Palinurus elephas, é a quen ten mellores perspectivas de supervivencia, se ben, “aínda estamos lonxe de conseguir o seu cultivo comercial”, aclara Poza.

Factores limitadores do cultivo

Segundo explican os investigadores, a fase larval da lagosta, de ata seis meses de duración, desenvólvese na columna de auga e, durante esa etapa, a vida destes organismos consiste en “flotar, nadar de vagar e cazar as súas presas”, apunta outro dos investigadores implicados, Víctor Hernando, que explica que durante estes meses o corpo da lagosta é translúcido, o que lles facilita mimetizarse coa augas cristalinas dos océanos e evitar ser cazadas. “Si o disfrace convence ao seu público, a larva sufrirá unha metamorfose, dando paso ás etapas xuvenil e adulta, habitando os fondos rochosos ou bentos”, recalca.

Se ben o cultivo en catividade evita a depredación por outros animais de maior tamaño, tamén hai determinados factores que o limitan. Un dos máis determinantes é o seu delicado corpo con grandes apéndices (pereiópodos), os cales teñen unha plumaxe (cerdas natatorias) que lle permiten nadar, pero que dificultan o seu manexo. Ademais, posúen unha cutícula dura ou exoesqueleto que impide o seu crecemento, polo que para aumentar o seu tamaño deben desprenderse desa cuncha e fabricar unha nova máis grande, un proceso coñecido como muda ou ‘ecdisis’. “É un momento moi delicado e moi esixente, xa que os individuos que non estean en condicións óptimas non pasan á seguinte fase e, polo tanto, a mortalidade nesta etapa é alta”, recalcan desde a Ecimat. Finalmente, os individuos que son quen de superar esta etapa, teñen aínda por diante outra dura batalla, fortalecer o máis rápido posible a súa nova cuncha para evitar ser comidos polos seus conxéneres.

Traballando con Palinurus elephas, a especie máis abundante e accesible

Na actualidade os investigadores da Unidade de Medio Mariño da Ecimat enfocan o seu traballo a tratar de cultivar dúas especies de lagostas de augas mornas, a lagosta común europea (Palinurus elephas) e a lagosta blanca (Palinurus mauritanicus), as únicas da Familia Palinuridae que conviven no noroeste do océano Atlántico e no mar Mediterráneo. Palinurus elephas é a máis abundante e accesible, xa que, segundo explican os investigadores, vive entre a costa e os 200 metros de profundidade en zonas rochosas e substratos coralinos con cavidades e buracos que lles proporcionan protección natural, “por iso esta especie foi a preferida pola pesca tradicional”, mentres que Palinurus mauritanicus vive a maior profundidade e só se pesca na zona central do Atlántico este.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós