DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 02 de outubro do 2015

Os investigadores de BBAA María Castellanos e Alberto Valverde deseñan un traxe que mide a contaminación

O ‘vestido ambiental’ cobra forma

Actualmente desenvolven no centro I+D de Telefónica Barcelona o seu proxecto, gañador do concurso Next Things


ImageUnha serie de sensores que miden aspectos como os niveis de monóxido de carbono ou a radiación ultravioleta e dous módulos de resposta na parte superior, que achegan información das medicións a través de alertas luminosas ou de movemento, fan do Enviroment Dress moito máis que un vestido. Non en van, este proxecto de “vestido ambiental” no que os investigadores de Belas Artes María Castellanos e Alberto Valverde veñen traballando nos últimos meses supón converter nunha realidade o proxecto co que en maio resultaron gañadores do concurso Next Things 2015, promovido por Telefónica I+D e o centro LABoral de Xixón.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Unha serie de sensores que miden axentes externos como os niveis de monóxido de carbono, a radiación ultravioleta ou a contaminación sonora e dous módulos de resposta na parte superior, que achegan información á persoa usuaria das medicións a través de alertas luminosas ou de movemento, fan do Enviroment Dress moito máis que un vestido. Non en van, este proxecto de “vestido ambiental” no que os investigadores da Facultade de Belas Artes María Castellanos e Alberto Valverde veñen traballando nos últimos meses supón converter nunha realidade o proxecto co que o pasado mes de maio resultaron gañadores do concurso Next Things 2015, promovido por Telefónica I+D e o LABoral Centro de Arte e Creación Industrial de Xixón.

Neste centro asturiano, Castellanos e Valverde, profesor do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, traballaron durante tres meses no deseño do primeiro prototipo do Enviroment Dress, unha experiencia que Castellanos salienta como “moi gratificante” e da que destaca que “o centro puxo a nosa disposición todos os medios técnicos e humanos, polo que nos sentimos moi arroupados”, así como "as sinerxías que xorden con outros artistas residentes”. De feito, o premio deste concurso dirixido a impulsar iniciativas que vinculen a creatividade coas novas tecnoloxías e ao que, na súa cuarta edición, presentáronse un total de 39 proxectos de diferentes países, era dotar aos gañadores dos medios económicos e técnicos necesarios para converter a súa idea en realidade, a través dunha estadía de seis meses no LABoral e no centro de I+D de Teléfonica en Barcelona.

“É un luxo recibir unha bolsa destas características e poder dedicarnos enteiramente a desenvolver un proxecto como Enviroment Dress”, sinala Castellanos dun concurso que os levou a centrarse desde hai tres meses creación dun wearable, unha prenda intelixente, “capaz de medir a agresividade do medio que nos rodea”, mediante a recollida de datos sobre contaminación lumínica ou sonora ou sobre os niveis de radiación ultravioleta, calidade do aire ou presión atmosférica. Unha idea na que comezou a cobrar forma no LABoral, onde estes dous investigadores, que integran o colectivo artístico uh513, traballaron “na formalización do vestido” coa cortadora láser e as impresoras 3d dos laboratorios deste centro como “ferramentas principais” de traballo.

Faga o seu propio vestido intelixente

O proxecto co que Castellanos e Valverde foron seleccionados polo xurado do Next Things 2015 implicaba tamén desde un principio abrir o proceso de elaboración do vestido a todas as persoas interesadas. Así, veñen dando conta na súa web dos diferentes pasos que están a levar a cabo nun proxecto que responde á “filosofía do código aberto”, como salienta Castellanos. “A idea é que os usuarios poidan crear os seus propios Environment Dress”, salienta esta investigadora, que anuncia que, unha vez completen o traballo, publicarán tanto os esquemas electrónicos como os planos das diferentes pezas. “Encantaríanos que alguén o fabricase ou mesmo que o versionara ou mellorara”, salienta.

O tempo de facer o software dos futuros vestidos ambientais

Rematada esta primeira fase, Valverde e Castellanos trasladáronse hai unhas semanas a Barcelona para comezar a traballar, no centro I+D de Telefónica, na programación do software de código aberto co que se configurará o vestido e a través do que se realizará a recollida e almacenaxe dos datos obtidos polos sensores. “Crearemos unha web, que queremos que sexa moi visual e sinxela, onde se poderá configurar o vestido”, relata Castellanos, que explica que a súa idea é que o software no que actualmente traballan permita ás persoas usuarias “seleccionar os sensores que desexa utilizar e o tipo de resposta” que lle proporcionará a prenda ao alcanzar uns determinados niveis, pudendo elixir, por exemplo, entre unha serie de respostas luminosas de diferentes cores.

Ademais, este proxecto contempla tamén a xeración dunha base de datos “na que xeolocalizaremos todas estas medicións”, sinala Castellanos, que incide en que a súa idea “é que os usuarios creen os seus propios Enviroment Dress e vaian enchendo de información a base de datos que nos iniciemos”. Nese senso, a investigadora recoñece que “somos conscientes de que as variables que mide o vestido son moitas” e que isto faino “demasiado complexo para quen queira fabricalo por si mesmo na súa casa”. Por iso, e tendo en conta tamén que “quizais a todo o mundo non lle interese medir as mesmas variables”, a idea é preparar esta base de datos para que cada persoa “poida medir desde unha soa variable a todas as que desexe”.

Que o proxecto continúe vivo

Encher de contidos esta base de datos que proxectan poñer en marcha é un traballo que “require tempo”, como recoñece Castellanos, e por iso aínda que “agardamos poder ter terminado o proxecto ao finalizar o noso período de residencia aquí en Barcelona”, o propósito destes investigadores é que Enviroment Dress sexa unha iniciativa que continúe viva, para “poder seguir evolucionándoo”. Con ese obxectivo, proxectan tamén “o deseño de workshops onde guiaremos aos asistentes na creación de prendas intelixentes accesibles, que midan unha destas variables”, para así conseguir sumar máis xente á iniciativa é “conseguir unha base de datos maior”, o que permitiría a súa vez coñecer, por exemplo, en que zonas dunha cidade se rexistra unha maior contaminación.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós