DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 06 de outubro do 2015

Os científicos Jesús S. Troncoso e Juan Moreira ‘repiten’ as súas teses tras 20 e 30 anos, respectivamente

Décadas despois, de volta a Baiona e Ares

Estudan a distribución da fauna de invertebrados nas dúas rías na procura de cambios substanciais


ImageJuan Moreira é profesor na Universidade Autónoma de Madrid, pero hai 20 anos realizou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, un estudo sobre a fauna da enseada de Baiona. Jesús Souza Troncoso, na actualidade director da Ecimat, desenvolveu hai 30 anos a súa tese de doutoramento na USC sobre a fauna da ría de Ares. Agora, 20 e 30 anos despois, respectivamente, ambos puxeron en marcha unha iniciativa pioneira, repetir os seus estudos para comparar os resultados e constatar así a saúde destes dous lugares e detectar cambios significativos na fauna mariña. No caso do investigador Juan Moreira, a idea “é repetir as mostraxes e os estudos que fixemos hai 20 anos para a miña tese de doutoramento” que se puxo en marcha coincidindo coa chegada de Troncoso a Vigo en 1995.

M. Del Río | Vigo
Juan Moreira é profesor na Universidade Autónoma de Madrid, pero hai 20 anos realizou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, un estudo sobre a fauna da enseada de Baiona. Jesús Souza Troncoso, na actualidade director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, desenvolveu hai 30 anos a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago sobre a fauna da ría de Ares. Agora, 20 e 30 anos despois, respectivamente, ambos puxeron en marcha unha iniciativa pioneira, repetir os seus estudos para comparar os resultados e constatar así a saúde destes dous lugares e detectar cambios significativos na fauna mariña.

Baiona hai 20 anos, unha zona pouco estudada

No caso do investigador Juan Moreira, a idea “é repetir as mostraxes e os estudos que fixemos hai 20 anos para a miña tese de doutoramento” que se puxo en marcha coincidindo coa chegada de Souza Troncoso á Universidade de Vigo en 1995, tras o seu paso pola USC. O actual director da ECIMAT arrancou nesa época un proxecto que se presentaba, a priori, como algo sinxelo: o estudo da distribución dos invertebrados na ría de Baiona. “Era unha zona pouco estudada, estaba preto e requiría pouco orzamento”, lembra o científico. Nesa época Moreira rematou a carreira e involucrouse no proxecto, encargándose da parte de identificación das especies. Deste estudo saíu a súa tese de doutoramento, que tivo entre outros resultados, o descubrimento de sete novas especies de invertebrados mariños da enseada de Baiona. O investigador explica que agora, coas análises actuais, non agarda obter resultados semellantes, “xa que hai 20 anos, esta zona estaba escasamente estudada”.

Nesta nova etapa empréganse os mesmos puntos de mostraxes, a mesma metodoloxía e participan os mesmos investigadores, aínda que a Moreira e Troncoso únense nesta revisión os investigadores Marcos Rubal e Puri Veiga. Lembra Moreira que o estudo inicial foi “pioneiro e fundamental”, xa que ata ese momento só existían traballos sobre as especies máis coñecidas e comerciais como mexillóns, mentres os invertebrados dos fondos eran moito máis descoñecidos.

As bateas, no punto de mira

Se as mostraxes orixinais tiveron lugar en decembro de 1995, a nova recollida de mostras realizouse en xullo deste ano. Agora comeza o traballo de laboratorio para analizar os substratos (area, fango, etc.) e realizar as análises que teñen que ver coa compoñente física (tamaño do gran, cantidade de materia orgánica, temperatura ou salinidade...). Moreira lembra que outra parte do traballo consiste na análise da composición faunística, “é dicir, determinar nun tipo de substrato, cunhas determinadas condicións, que tipo de fauna hai, que especies e a abundancia das mesmas”.

O traballo inicial permitiu identificar sete especies novas de pequenos invertebrados. “Foi unha sorpresa”, recoñece Moreira, “porque tendemos a pensar que nas zona costeira temos todo catalogado, e non é así, hai cousas que se nos escapan, ou ben porque son crípticas ou ben porque se parecen a especies coñecidas”.

Desta volta, os investigadores apostan pola hipótese de partida de que os resultados sexan similares, “co mesmo tipo de substrato e de comunidades que atopamos no seu momento” o que indicaría que non se produciu ningún cambio ambiental importante. No caso de que os resultados amosen diferenzas, Moreira explica que “haberá que identificalas e buscar as causas”. Con todo, teñen no punto de mira un factor que podería ser causante de cambios: a instalación pouco despois do primeiro estudo de varias bateas na marxe norte da enseada. “Son poucas, e sendo unha ría aberta, menos industrializada, menos poboada e menos contaminada ca de Vigo, probablemente non tivesen impacto substancial, pero é unha situación antes/despois que temos que pode ser interesante testar”. De momento, os resultados máis preliminares non amosan grandes cambios na zona estudada da ría pero, como lembra o investigador, “queda moito por analizar, xa que en cada punto de mostraxe (19 en total) pode haber 70-80 especies de invertebrados de diferentes grupos biolóxicos e diferentes modos de vida”.

Outro dato extraído das primeiras análises é a presenza dun gasterópodo asociado ao cultivo de ostras (crepídula fornicata) da que hai 20 anos só se atoparon dous individuos. “Agora xa constatamos a presenza de exemplares xuvenís, o que implica unha boa saúde da poboación que se reproduce”. O feito de que sexa máis común do que era hai 20 anos é, para os investigadores, un indicio de posibles cambios que terán que estudar e valorar o seu impacto real. Moreira agarda rematar a fase de extracción en primavera para comezar co proceso de identificación da fauna. Deste xeito, en dous anos terían os datos precisos para comezar a comparar os datos cos de hai 20 anos.

Ares, na procura de impactos

En Ares centrou o seu primeiro proxecto de investigación o profesor Souza Troncoso tras chegar á USC dende o Brasil. Tras a primeira mostraxe en febreiro de 1986, vén de repetir a recolleita, aínda que con menos puntos de mostraxe e empregando técnicas de análise diferentes. Explica que a súa tese centrábase nos moluscos da ría de Ares e Betanzos, realizando a cartografía bionómica. Naquel estudo traballouse con animais vivos recollidos en 61 estacións de mostraxe realizando dragados con arrastres, “o que significa que eran mostras cualitativas, non cuantitativas”. Este sistema fixo que o proceso de recolleita se alongase durante 11 meses, “un xeito de traballar moi diferente do que temos agora, que permite coller intensivamente as mostras e conservalas” e empregar técnicas novas de estatística máis potentes, polo que é unha aproximación diferente ca a empregada na década de 1980.

A idea do director da Ecimat é comparar, por unha banda, os datos cuantitativos cos resultados obtidos hai 30 anos nun estudo da USC realizado cunha draga box corer, que permite recuperar sedimento superficial do fondo mariño e, por outra, os resultados relativos aos moluscos cos datos extraídos da súa tese. Neste caso a investigación non replica as 60 estacións orixinais de mostraxe, senón que o limita a 15 en Ares, pero separando as partes interna, externa e media da ría. O obxectivo é comprobar se existen cambios tanto na fauna coma nos substratos e a area. Destacan que empregando datos como a salinidade, temperatura, etc, os investigadores poden “intuír que factores ou parámetros poden afectar á distribución da fauna, aínda que normalmente son os parámetros dos sedimento os principais causantes”.

O estudo inicial permitiu facer por primeira vez unha cartografía da distribución da fauna na ría de Ares. Do estudos saíron varios traballos, novas citas e novas distribucións e traballos sobre a fauna do intermareal. “Publicamos a distribución na ría dos organismos relacionada cos parámetros do sedimento e tamén traballamos, igual que na tese de Moreira, para facer a distribución vertical no interior do sedimento”. Este estudo 30 anos despois cualifícao como “moi importante, porque é unha das primeiras abordaxes que fan despois de tantos anos para substratos brandos e aplicando a mesma metodoloxía e cremos que os resultados serán espectaculares”.

A previsión: poucos cambios en Ares

Os investigadores non agardan atopar cambios substanciais na ría de Ares e Betanzos, xa que os sedimentos semellan a priori moi parecidos aos analizados hai 30 anos. Porén, explica Troncoso “queremos detectar cambios na composición faunística e do sedimento comparando as tres partes da ría, das que contamos xa con datos a priori”. O principal punto de interese é o porto exterior de Ferrol, xa que diversos estudos teñen constatado o seu impacto na ría de Ferrol, provocando un enfangamento do fondo mariño. Os investigadores buscarán agora comprobar se as correntes mariñas teñen arrastrado ese lodo cara a Ares.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós