DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 16 de outubro do 2015

É unha dos trece investigadores galardoados entre máis de 200 candidatos

A Real Academia de Doctores de España premia a tese de doutoramento de Estefanía Paredes

Sobre a criopreservación de estados temperás de desenvolvemento de invertebrados mariños como o ourizo de mar


ImageMáis de 200 teses de doutoramento competían polos Premios á Investigación da Real Academia de Doctores de España 2015. Pero só 13 investigadores de todo o Estado foron os distinguidos por estes galardóns e, entre eles, unha científica da Universidade de Vigo, Estefanía Paredes, única seleccionada das universidades galegas. Os galardóns foron entregados este mércores en Madrid coincidindo co acto de apertura do curso 2015-16, ocasión que aproveitou a investigadora para regresar a España xa que se atopa realizando unha estancia postdoutoral nos EEUU. A tese de Paredes, dirixida por Juan Bellas e baixo a titoría de Ricardo Beiras, realizouse no laboratorio de Ecoloxía Costeira da Universidade.

M. Del Río | Vigo
Máis de 200 teses de doutoramento competían polos Premios á Investigación da Real Academia de Doctores de España 2015. Pero só 13 investigadores de todo o Estado foron os distinguidos por estes galardóns e, entre eles, unha científica da Universidade de Vigo, Estefanía Paredes, única seleccionada das universidades galegas. Os galardóns foron entregados este mércores en Madrid coincidindo co acto de apertura do curso 2015-16, ocasión que aproveitou a investigadora para regresar a España xa que se atopa realizando unha estancia postdoutoral nos EEUU. A tese de Paredes, dirixida por Juan Bellas e baixo a titoría de Ricardo Beiras, realizouse no laboratorio de Ecoloxía Costeira da Universidade, que leva dende 2008 traballando no desenvolvemento dunha metodoloxía para conxelar embrións e larvas de catro especies de invertebrados mariños: ourizo de mar, ostras e dous tipos de mexillóns.

Un recoñecemento a moitas horas de traballo

Na convocatoria de 2015 destes Premios á Investigación presentáronse máis de 200 traballos. O premio que rexistrou o maior número de aspirantes é o das Ciencias da Vida e da Saúde, con 78 teses. No caso de Estefanía Paredes, que recibiu o da categoría de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas, impúxose entre 42 candidatos, o segundo máis concorrido. Paredes amósase moi satisfeita pola obtención deste galardón, que se une ao Premio Extraordinario de Doutoramento que lle outorgou a Universidade de Vigo o pasado ano. Recoñece que a concesión destes dous premios “significa un recoñecemento ás moitas horas que demanda un traballo doutoral” e subliña sobre todo o esforzo que require “unha investigación innovadora como a nosa, na que partimos dende cero”. A investigadora estende o recoñecemento a outros científicos, porque “non é soamente mérito do traballo duro e das horas invertidas senón tamén da xente coa que tiven o pracer de traballar na Facultade de Ciencias do Mar e na ECIMAT, pero tamén é mérito do meu director de tese, Juan Bellas do Instituto Español de Oceanografía de Vigo”.

Dispoñibilidade de embrións durante todo o ano

A investigadora realizou o seu traballo a medias entre os laboratorios da Facultade de Ciencias do Mar e os da Ecimat ata conseguir por primeira vez a conxelación de embrións temperás de ourizo de mar con altas expectativas de supervivencia. Explica que a importancia de contar cun criobanco de embrións destas especies de alto impacto comercial [mexillón verde de Nova Celandia (Perna canaliculus), mexillón galego (Mytilus galloprovincialis), ourizo de mar (Parecentrotus lividus) e ostra pacífica (Crassostrea gigas)] ten aplicacións destacadas tanto no eido da avaliación da contaminación mariña como para a acuicultura.

A criopreservación, segundo explica Paredes, é un proceso “laborioso e delicado que nos permitiu a conxelación de embrións de ourizo de mar cunha alta porcentaxe de supervivencia que poden ser utilizados en bioensaios ecotoxicolóxicos”. Engade que se adoita empregar esta especie porque “en estados de desenvolvemento temperán son moi sensibles á contaminación e permiten detectala incluso en concentracións baixas incubando os embrións en dilucións desa mostra de auga contaminada”. Deste xeito, grazas ás técnicas de criopreservación asegúrase a dispoñibilidade de embrións durante todo o ano, independentemente do mal tempo ou por estar fóra da temporada desta especie. Contar cun biobanco deste tipo é de utilidade tanto para avaliar a contaminación como para a acuicultura. No primeiro caso desconxelados os embrións, retíranse os restos dos crioprotectores e incúbanse en mostras diluídas da auga que se quere analizar. No caso da utilidade para a acuicultura, a investigadora destaca que o seu traballo tamén avanzou na criopreservación de embrións de mexillón ou ostra, que teñen moito peso no sector da acuicultura nacional e poden a atopar na criopreservación vantaxes para mellorar a produción.

Un ano nos EEUU

Dende hai algo máis dun ano Estefanía Paredes traballa no laboratorio de Criobioloxía teórica e aplicada da Universidade de Tennessee, USA, baixo a dirección de Peter Mazur, un dos investigadores pioneiros neste eido. A súa investigación céntrase agora en adaptar esta técnica a novos organismos, tipos de células que non se conseguiron criopreservar ata o agora con métodos existentes. Explica que "a vitrificación, así é como se chama a conxelación rápida, considérase o futuro da criopreservación médica de células, tecidos e incluso órganos enteiros para transplantes" pero tamén ten aplicacións na conservación da diversidade e do medio ambiente, na xestión de pesquerías e acuicultura e na industria alimentaria e aeroespacial.

Paredes recoñece que vivindo fóra non pode evitar comprar os sistemas de investigación de ambos países. Considera que moitas cousas se están facendo mellor en España que en EEUU pero o principal problema reside no orzamento para a ciencia e o I+D en cada un dos países. “Nos EEUU teñen un plan estable a longo prazo e a esfera política cre que a inversión en I+D non é una broma, están certos de que é onde reside o futuro do país, mentres que en España as cifras orzamentarias demostran que a investigación non é unha prioridade, unha pena porque temos científicos de moita calidade e España está a desperdiciar o seu potencial … xa nos lamentaremos”, láisase a investigadora.

Preguntada polo seu futuro, Paredes recoñece que é a pregunta máis complicada para investigadores españois que están no estranxeiro. “Gustaríame moito volver pero aínda se seguen destruíndo postos de traballo nas institucións científicas e nas universidades. A pesar de que sairon varias convocatorias rexionais e estatais, as ofertas son increiblemente precarias, non soamente na duración dos contratos senón tamén nos soldos e condicións de traballo”. De momento ten contrato posdoctoral na Universidade de Tennessee ata o ano que ven e, segundo explica, ten varias colaboracións en proxectos cunha universidade española e cunha start-up americana en proceso polo que recoñece que non ten “nin idea de onde estarei a estas alturas dentro dun ano”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós