DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 21 de outubro do 2015

BBAA acolle un seminario sobre o uso da cortadora láser no ámbito da arte e o deseño

Tecnoloxía láser ao servizo da creación

Impartido polos investigadores Alberto Valverde e María Castellanos, gañadores do concurso Next Things


ImageCun uso mais estendido no ámbito industrial, as cortadoras láser poden resultar tamén unha valiosa ferramenta no mundo das artes e do deseño. Co propósito de achegar a profesorado e alumnado as múltiples posibilidades dunha ferramenta que vén de incorporarse aos talleres da facultade, Belas Artes acolle un seminario sobre as aplicacións deste equipamento, impartido polos investigadores Alberto Valverde e María Castellanos, que como gañadores do concurso Next Things 2015 atoparon nesta ferramenta un dos recursos fundamentais para o seu proxecto Environment Dress, a creación dun vestido capaz de medir diversos factores ambientais.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Cun uso mais estendido no ámbito industrial, as cortadoras láser poden resultar tamén unha valiosa ferramenta no mundo das artes e do deseño. Co propósito de achegar a profesorado e alumnado as múltiples posibilidades dunha ferramenta que vén de incorporarse aos talleres da facultade, Belas Artes acolle hoxe mércores e mañá xoves un seminario sobre as aplicacións deste equipamento, impartido por Alberto Valverde e María Castellanos. Dous investigadores que, como gañadores do concurso Next Things 2015, atoparon nesta ferramenta un dos recursos fundamentais para o desenvolvemento do seu proxecto Environment Dress, a creación dun vestido capaz de medir diversos factores ambientais.

Partindo dunha idea “tan simple como é cortar unha superficie plana”, esta ferramenta que, xunto con outros equipamentos como a impresora 3d vén de incorporarse aos talleres da facultade, “permite facer cousas moito máis complexas, como esculturas, pranchas para gravados, ata mobles”, sinala Valverde, que incide en que se trata dunha ferramenta “á que se lle pode sacar moito partido” a través da experimentación con diferentes materiais. “Realmente, abre moito a creatividade”, engade na mesma liña o profesor Fernando Suárez, coordinador xunto con Eduardo Outeiro dun seminario dirixido tanto ao profesorado do centro como ao alumnado de máster e doutoramento, e que ten como obxectivo central coñecer “todo o proveito que se lle pode sacar á maquinaria”, tanto desde o punto de vista da creación artística como do deseño téxtil e de moda.

Novas posibilidades para o alumnado de Esdemga

A partires dun patróns xerados por ordenador, a cortadora láser permite realizar cortes e perforacións en múltiples materiais, “como cartón, madeira, metacrilato ou todo tipo de tecidos”, explica Suárez, que incide en que un dos ámbitos nos que mais se está estender o uso destes equipamentos é precisamente no deseño téxtil. De aí que o seminario celebrado este mércores e que se repetirá con outro grupo de alumnos este xoves, verase continuado pola sesión que Valverde e Castellanos impartirán este venres ao alumnado de Esdemga. Un seminario que a súa vez terá continuidade a vindeira semana co obradoiro que impartirá a patronista do FabLab de León Ana Martín, “que leva moito tempo experimentando co uso dos tecidos nesta máquina”, como apunta Suárez.

Nese mesmo senso, Valverde fai tamén énfase no que achega ao mundo da moda un equipamento “que permite facer patróns en 3d cos que, por exemplo, realizar pezas milimétricas que a man sería moi complicado cortar”. De feito, tanto a propia prenda como as pezas que completan o prototipo do seu Environment Dress foron realizados integramente cunha cortadora láser e unha impresora 3d, na estadía que estes dous investigadores realizaron no Centro de Arte e Creación Industrial LABoral, de Xixón. De aí que o eixo deste seminario fose precisamente “amosar como é o uso da máquina, que foi o fixemos nós con ela ou que é o que fan outros artistas, para que coñezan a súas posibilidades e a partires de aí investiguen” como engade Castellanos.

“A pesares de que é difícil acceder a unha cortadora láser, hoxe en día hai a moita investigación de artistas que traballan con ela, que comezaron a investigar que era o que podían sacar desta ferramenta”, engade Valverde, que nun obradoiro que combinou a exposición de proxectos co propio traballo práctico, presentou unha serie de exemplos de como a partires do corte de diferentes materiais pódense crear, por exemplo, “esculturas ou estruturas tridimensionais engadindo capas”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós