DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 06 de novembro do 2015

135 investigadores integran a Agrupación Economics and Business Administration for Society

Ecobas convértese na primeira agrupación estratéxica do ámbito xurídico-social en acadar financiamento autonómico

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de outorgarlle unha axuda de 500.000 euros


ImageTodo comezou hai aproximadamente medio ano cando a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo invitou aos investigadores e investigadoras principais dos grupos de Economía e Empresa da institución académica a coordinarse, co obxectivo de concorrer ás convocatorias de axudas para agrupacións estratéxicas coas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria busca impulsar a competitividade e a calidade da investigación nas universidades galegas. 11 grupos de investigación de Economía e Empresa da Universidade de Vigo e un da Universidade de A Coruña, baixo a coordinación do catedrático vigués Carlos Hervés, fixeron súa a proposta da vicerreitoría e constituíron a Agrupación Economics and Business Administration for Society, Ecobas.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Todo comezou hai aproximadamente medio ano cando a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo invitou aos investigadores e investigadoras principais dos grupos de Economía e Empresa da institución académica a coordinarse, co obxectivo de concorrer ás convocatorias de axudas para agrupacións estratéxicas coas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria busca impulsar a competitividade e a calidade da investigación nas universidades galegas. 11 grupos de investigación de Economía e Empresa da Universidade de Vigo e un da Universidade de A Coruña, baixo a coordinación do catedrático vigués Carlos Hervés, fixeron súa a proposta da vicerreitoría e constituíron a Agrupación Economics and Business Administration for Society, Ecobas, que vén de converterse na primeira agrupación estratéxica do ámbito xurídico-social en acadar as axudas autonómicas destinadas a fomentar as estratexias de cooperación entre os grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia. “Ser a primeira agrupación do ámbito xurídico-social que obtén este recoñecemento por parte da Consellería dálle máis valor a este logro”, asegura Juan Surís, catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, que lembra que no caso desta institución académica xa existen outras agrupacións estratéxicas que acadaron financiamento autonómico, aínda que nos ámbitos tecnolóxico e científico.

En total foron nove as propostas das tres universidades galegas que concorreron este ano ás axudas ás agrupacións estratéxicas do SUG, pero solo catro foron seleccionadas, tal e como reflicte a resolución publicada no DOG nas últimas horas: dúas da Universidade de Santiago de Compostela, unha da Universidade de A Coruña e Ecobas, da Universidade Vigo. A cada unha das catro agrupacións seleccionadas a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria outórgalle 500.000 euros en tres anualidades co obxectivo de dotalas dun financiamento estrutural co que desenvolver investigación de alto nivel en campos estratéxicos para Galicia.

Xeración de sinerxías sobre catro eixos vertebradores

A economía de recursos naturais, no que se inclúen sectores como a pesca, a acuicultura e o forestal; a enerxía e a economía ambiental e renovables; a innovación e a internacionalización e a economía e a sociedade, que contempla cuestións como a responsabilidade social, a saúde ou o deporte, son, segundo Juan Surís, os eixos sobre os que se vertebra o traballo dos grupos que integran a Agrupación Economics and Business Administration for Society, nacida para “xerar sinerxías e unha dinámica de colaboración para poder optar a outras convocatorias de axudas e mesmo no futuro poder constituír un centro de investigación de referencia, aumentando a masa crítica”, explica a catedrático da Universidade de Vigo.

Parte dos 135 investigadores e investigadoras que integran Ecobas, dos que case a metade son mulleres, forman parte, a súa vez, de grupos de referencia competitiva nas convocatorias da Xunta. “Xuntos somos máis, pero tamén máis fortes”, asegura Surís, que considera que esta agrupación facilitaralles a participación en convocatorias europeas ou autonómicas de xeito colaborativo e cun maior nivel competitivo. “O mellor é saber que fan o demais e así poder colaborar, sabendo en que podemos ter vantaxes comparativas respecto doutros grupos e con diversas perspectivas”, explica o catedrático.

Primeiras actuacións da agrupación

A elaboración dun plan estratéxico que facilite a coordinación dos 135 investigadores e investigadoras que integran Ecobas é unha prioridade para a primeira agrupación estratéxica do ámbito xurídico-social da Universidade de Vigo. “Que debemos facer, como nos debemos de organizar, se apostamos pola formación e pola captación de talento externo, son cuestións prioritarias”, asegura Surís, que incide na importancia de definir un plan estratéxico, así como traballar na imaxe corporativa da agrupación e establecer as liñas básicas de traballo a potenciar para acadar unha maior competitividade.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós