DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 09 de novembro do 2015

Liliana Giraldo ofreceu este luns un seminario sobre a situación no seu país

De Colombia a Ourense para intercambiar coñecementos sobre planificación local

A investigadora estará durante esta semana coñecendo o traballo do grupo GEN neste eido


ImageEntre as liñas de traballo do grupo de investigación, con sede no campus de Ourense, GEN (Governance and Economics research Network) está o municipalismo, contando entre as súas iniciativas a posta en marcha da Rede Localis, Rede Local de Administración Pública, e a análise económica galega. Para coñecer de primeira man os estudos deste grupo e para abrir vías de colaboración no eido da planificación rexional, esta semana Liliana Giraldo Arias, decana da Facultade de Ciencias do Hábitat da Universidade de La Salle de Bogotá, Colombia, realiza unha estadía no campus de Ourense.

Rosa Tedín | Ourense
Entre as liñas de traballo do grupo de investigación, con sede no campus de Ourense, GEN (Governance and Economics research Network) está o municipalismo, contando entre as súas iniciativas a posta en marcha da Rede Localis, Rede Local de Administración Pública, e a análise económica galega. Para coñecer de primeira man os estudos deste grupo e para abrir vías de colaboración no eido da planificación rexional, esta semana Liliana Giraldo Arias, decana da Facultade de Ciencias do Hábitat da Universidade de La Salle de Bogotá, Colombia, realiza unha estadía no campus de Ourense.

Para unha primeira toma de contacto, a investigadora ofreceu este luns un seminario sobre Cooperación municipal e planificación rexional en Colombia ao que asistiron docentes e investigadores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, entre os que se atopaba Elena Rivo, decana do centro, e Santiago Lago, director do grupo. A visita de Liliana Giraldo, salientou Lago, é unha oportunidade non só de coñecer a planificación local e rexional no país colombiano senón tamén de buscar puntos de conexión entre investigadores dun e doutro país e abrir futuras colaboracións en ideas e proxectos.

Camiño cara a paz

A decana da Facultade de Ciencias do Hábitat, que se atopa realizando o seu doutoramento en Milán, explicou que se achegou a Ourense para coñecer de primeira man o traballo do grupo GEN e o seu traballo referente no eido do municipalismo e a planificación rexional. “A miña liña de investigación é o impacto da cooperación intermunicipal para o investimento e a distribución dos recursos que veñen da natureza”, apuntou. Concretamente, explicou aos asistentes ao seminario, o seu foco de interese céntrase no caso da rexión colombiana de Casanare, que tradicionalmente viviu da agricultura e gandería e na que na actualidade está tendo moito impacto a explotación petrolífera.

Na súa investigación, subliñou, afonda no fortalecemento do sector rural como unha vía de fortalecemento da paz pois, recalcou, “mentres non haxa un equilibrio económico e social non haberá paz en Colombia”, un país que é un 94% rural, segundo as cifras aportadas por ela. A violencia vivida en Colombia, sinalou, fixo que se deixaran de lado as políticas públicas neste eido pero hoxe en día estase afondando na descentralización, a partir da concentración de municipios, para o fortalecemento das rexións.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós