DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 19 de novembro do 2015

En xaneiro comeza un proxecto con investigadores de Vigo e Santiago liderado por Mariano Lastra

Un equipo científico vigués embárcase na Campaña Antártica Española para analizar os efectos da descomposición de algas

Estudarán os procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados nos intermareais sedimentarios en Illa Decepción


ImageA experiencia do científico da Universidade de Vigo Mariano Lastra e do seu equipo na Antártida é ampla e profunda. Tras cinco campañas previas, un novo proxecto financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade tratará de analizar os procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas nos intermareais sedimentarios de Porto Foster, na Illa Decepción da Antártida. O proxecto comprende dúas campañas científicas na Antártida, a primeira delas desenvolverase entre o 29 de xaneiro e o 3 de marzo de 2016 e nela participará un equipo de cinco investigadores das universidades galegas.

M. Del Río | Pontevedra
A experiencia do científico da Universidade de Vigo Mariano Lastra e do seu equipo na Antártida é ampla e profunda. Tras cinco campañas previas, un novo proxecto financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade tratará de analizar os procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas nos intermareais sedimentarios de Porto Foster, na Illa Decepción da Antártida. O proxecto comprende dúas campañas científicas na zona, a primeira delas entre o 29 de xaneiro e o 3 de marzo de 2016, na que participará un equipo de cinco investigadores das universidades galegas, tres da Universidade de Vigo (Mariano Lastra, IP do grupo, Jesús López e Adoración Sánchez) e dous de Santiago de Compostela (José Emilio Mora e Manuel Ángel García). O obxectivo é crear un modelo para predicir o efecto da actividade xeotérmica no litoral antártico e encádrase na Campaña Antártica do Exército de Terra 2015/2016, a máis antiga das misións que se levan a cabo no exterior, que acada a vixésimo novena edición e que este xoves se presentou na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. A XXIX Campaña Antártica Española durará 100 días e comprende 20 proxectos de investigación de universidades e centros científicos españois e internacionais e nelas participarán arredor de 100 científicos.

No acto de presentación participaron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o xeneral Luis Cebrián, xefe da BRILAT; o xestor do Programa Nacional de Investigación Polar, Antonio Quesada, da Universidade Autónoma de Madrid; o catedrático de Oceanografía da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela José E. Mora e o xefe da Base Antártica Española (BAE), xestionada polo Exército de Terra, Gabriel de Castilla, o comandante Alberto Salas.

Na procura da ciencia de fronteira

Segundo destacou o xeneral Luis Cebrián, a Campaña Antártica Española constitúe un modelo de cooperación entre diferentes institucións públicas e privadas ao servizo da I+D+i no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación e lembrou que estas campañas comezaron xa hai 26 anos e téñense consolidado como actividades de especial interese e importancia para a I+D+i tanto do Exército como dos organismos científicos. A coordinación das actividades que os diferentes organismos desenvolven durante as Campañas Antárticas corresponde ao Comité Polar Español. O reitor da Universidade, como representante dunha das organizacións seleccionadas para participar na campaña, agradeceu o apoio do Exército para “alongar as fronteiras do coñecemento ata lugares extremos como a Antártida” e para divulgar e difundir e a ciencia. Os responsables da campaña, o Programa de Investigación Polar e do Exército explicaron as características tanto técnicas, como humanas e loxísticas e tamén científicas desta campaña, que terá unha duración de 95 días, segundo explicou Antonio Quesada e que nesta ocasión “ten unha diversidade temática moi ampla e inclúe incluso un proxecto do eido humanístico relacionado coa videocreación”. As universidades e centros implicados nos proxectos seleccionados, entre os que está o equipo galego, traballarán en temas como a sismoloxía, as especies invasoras, a meteoroloxía, os pingüíns, os glaciares, o xeomagnetismo ou a cartografía. As actividades científicas desenvolveranse principalmente na Gabriel de Castilla, na Rei Juan Carlos I e no buque Hespérides, que xa partiu cara a Antártida o pasado día 6.

O comandante Alberto Salas foi o encargado de dar a coñecer as características técnicas da campaña e das instalacións e equipamentos dispoñibles e lembrou que as condicións de traballo son extremas xa que a pesar de desenvolverse no verán austral, “as temperaturas máximas son de 5 grados pero a sensación térmica provocada polo vento é de -15 ou -20 grados”. A base española Gabriel de Castilla, como destacaba o xeneral Cebrián, “atópase a 13.000 km de España e a 1000 km da cidade máis próxima” e ten capacidade para preto de 40 persoas e conta con todos os servizos básicos, incluíndo os médicos, científicos ou mesmo de emerxencias. A Illa Decepción é a parte superior dun volcán en activo e como lembrou o comandante Salas, unha erupción 1969 destruíu unha base chilena e outra británica, polo que as condicións deben ser de máxima seguridade. O comandante tamén avanzou que o Exército de Terra desenvolverá os seus propios proxectos de experimentación que se centran principalmente nas telecomunicacións, incluíndo investigacións para mellorar a comunicación vía satélite, a conexión wifi entre as bases españolas ou a xeolocalización do persoal cando fai traballo de campo fóra da base.

O proxecto galego, sobre o impacto da actividade xeotérmica no litoral

O proxecto galego, liderado polo investigador da Universidade de Vigo Mariano Lastra, que actualmente se atopa noutra campaña científica, xorde como resultado de campañas previas nas que os científicos constataron a enorme cantidade de macroalgas que se descompoñen nas praias de Illa Decepción, ao norte da península antártica. A idea, segundo explicou outro dos investigadores galegos, José Mora, é avaliar a dinámica dos varamentos de macroalgas nesta baía xa que o quentamento xeotérmico é case unha constante ao longo de toda a liña de costa deste enclave, de maneira que non é raro atopar praias con fumarolas e fontes hidrotermais e destaca que esta peculiaridade condiciona os patróns de descomposición da biomasa algal, a súa colonización, consumo, fluxo de nutrientes e emisión de gases.

Así, a campaña comprende varios obxectivos concretos, que pasan polo estudo espazo-temporal das algas varadas ao longo da costas intermareal, así como polo estudo do efecto da descomposición dos depósitos de macroalgas na liberación de nutrientes e materia orgánica á columna sedimentaria, á auga intersticial e ao medio costeiro nos intermareais sedimentarios de Porto Foster. Paralelamente, os investigadores tamén estudarán o efecto dos depósitos de macroalgas sobre a macrofauna bentónica nos sedimentos intermareais e o efecto do quentamento xeotérmico dos sedimentos intermareais nesta zona sobre os procesos de descomposición dos acúmulos de macroalgas e as consecuencias dese quentamento sobre as comunidades acrofaunísticas asociadas aos acúmulos de algas.

Para analizar estes procesos levaranse a cabo mostraxes de campo e varios experimentos de manipulación do medio natural. Calcularase o stock, a taxa de reemprazo e a descomposición de macroalgas en oito estacións de mostraxe distribuídas en toda a costa.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós