DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 25 de novembro do 2015

A Universidade de Vigo sumouse á reivindicación do 25 de novembro con diversas accións

Un non colectivo á violencia de xénero e á ideoloxía que a sustenta

Unhas xornadas no campus de Ourense afondaron nas bases do actual modelo sociosexual


ImageUn 25 de novembro máis faise necesario denunciar a discriminación de xénero facendo fincapé nas súas manifestacións máis graves. No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Universidade de Vigo uniuse de novo á reivindicación dunha sociedade libre desta lacra levando a cabo diversas accións nos seus diferentes campus, desde xornadas formativas ata representacións teatrais. “Non podemos pensar que a violencia de xénero é un problema exclusivamente das mulleres, é un problema de toda a sociedade porque agride o dereito de todos e todas a vivir en paz. É necesario repensar o papel de homes e mulleres para mudar esta situación xa que a discriminación baseada nos estereotipos é a base desta violencia”, apuntou Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, na inauguración este mércores das xornadas Xénero, masculinidades e transculturalidade.

Duvi | Ourense, Pontevedra e Vigo
Un 25 de novembro máis faise necesario denunciar a discriminación de xénero facendo fincapé nas súas manifestacións máis graves. No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Universidade de Vigo uniuse de novo á reivindicación dunha sociedade libre desta lacra levando a cabo diversas accións nos seus diferentes campus, desde xornadas formativas ata representacións teatrais. “Non podemos pensar que a violencia de xénero é un problema exclusivamente das mulleres, é un problema de toda a sociedade porque agride o dereito de todos e todas a vivir en paz. É necesario repensar o papel de homes e mulleres para mudar esta situación xa que a discriminación baseada nos estereotipos é a base desta violencia”, apuntou Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, na inauguración este mércores das xornadas Xénero, masculinidades e transculturalidade. É a sexualidade unha ideoloxía? no campus de Ourense.

Un sistema de sexo/xénero que é un produto sociocultural

As xornadas, organizadas polas docentes Águeda Gómez e Fátima Braña co patrocinio da Unidade de Igualdade, afondan este mércores e xoves na cuestión de xénero desde un punto de vista antropolóxico co obxectivo de demostrar como os roles de xénero e as identidades sexuais non son realidades transculturais senón que mudan en cada sociedade e en cada momento histórico, sendo froito da ideoloxía de cada contexto. Aínda que existen estudos que consideran a existencia de matriarcados modernos, explicou Águeda Gómez, o que si se demostrou é que persisten sociedades onde prevalece unha orde sociosexual con maior equidade entre homes e mulleres, como os zapotecas en México, os khasi da India ou os mosuo en China. Por outra banda, indicou, tamén prevalecen pobos onde se concibe a existencia de máis de dous xéneros, as chamadas sociedades de xéneros múltiples, como os ciukci de Siberia, que contan con sete xéneros: masculino, feminino, tres xéneros ulteriores para os bioloxicamente varóns e outros tantos para as femias; ou os buguis de Indonesia, que diferencian masculino, feminino e intersexo.

Esta diversidade ao longo do mundo, recalcaron as coordinadoras das xornadas, demostra como o sistema sexo/xénero dunha sociedade, a sexualidade, o erotismo e/ou as identidades de xénero non obedecen a unha orde natural ou a aspectos biolóxicos dados, senón que é un produto sociocultural e polo tanto é temporal e cambiante. “Unha viaxe antropolóxica por diferentes culturas e partes do mundo permítenos cuestionar e deconstruír o noso modelo sociosexual, que é unha opción cultural e ideolóxica e polo tanto continxente, modificable”, recalcou Gómez. Para falar deste tema, as xornadas comezaron cunha conferencia de José Antonio Nieto, catedrático emérito de Antropoloxía da Sexualidade na UNED, referente neste eido. Nieto debullou para o alumnado asistente ás xornadas os fundamentos básicos ideolóxicos que interveñen á hora de interpretar a sexualidade, facendo fincapé nos postulados antropolóxicos e relacionándoos con outros aspectos das ciencias sociais. Na súa intervención salientou a importancia de falar deste tema desde un punto de vista ideolóxico xa que “a verdade se esconde porque se esconden os principios ideolóxicos que a sustenta”. Deste xeito, apuntou, o substrato ideolóxico leva dando por feito durante séculos un modelo biomédico da sexualidade do que bebe a situación de discriminación actual.

Esta xornada non é a única actividade organizada no campus de Ourense co gallo do 25 de novembro. Tamén a iniciativa de investigadoras e docentes da súa Facultade de Ciencias da Educación, este luns celebrouse unha xornada dedicada ao acoso sexual e este martes alumnado de cuarto curso de Educación Sexual uniuse á campaña Labios rojos contra la violencia de género pintando desta cor os seus beizos. “Agardemos que pronto a celebración deste día forme parte da historia. Mentres tanto, se temos que loitar contra a violencia de xénero que sexa todos os días, traballando por unha educación para a paz”, recalcou Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación.

Campaña institucional das tres universidades

Ademais da posta en marcha dunha campaña institucional co lema Espazos de igualdade. Paisaxes de liberdade, a Universidade de Vigo participou tamén este mércores na inauguración do Programa de Concienciación e prevención da violencia de xénero que a Secretaría Xeral da Igualdade porá en marcha nos sete campus galegos. Os puntos informativos moveranse polas sete cidades e neles e distribuirán informativo e xestionarán consultas para dar pautas coas que identificar condutas na parella que poida ser indicativas de estar en risco ou de sufrir violencia de xénero. Entre as situacións de risco destacan o excesivo control por parte da parella, a imposición de regras, as críticas en público, burlas, comportamentos paternais, celos ou envexa das relacións con amigos ou familia.

Paralelamente, as persoas que se acheguen a estes postos poderán deixar constancia da súa reivindicación en forma de foto coa campaña Un selfie contra o mal amor. A USC será a primeira en acoller este posto, que nas vindeiras semanas chegará a Vigo, Ourense e Pontevedra. Na inauguración destes mércores estiveron presentes os reitores das universidades de Santiago e A Coruña, Juan Viaño e Xosé Luís Armesto, a vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores González, xunto co vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda.

Teatro fronte á invisibilidade no campus de Pontevedra

“A invisibilidade dun colectivo, dos seus dereitos, necesidades, valores ou identidade é a forma máis subrepticia de violencia”, salienta a profesora Amada Traba, organizadora da representación teatral, patrocinada pola Unidade de Igualdade, que este xoves ás 12.30 horas proporá, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus pontevedrés, unha reflexión sobre “a existencia do patriarcado nas relacións humanas fundamentais”, como son a familia, o amor e a amizade. Escrita e interpretada por Marta Pérez e dirixida por Cárlos Álvarez-Ossorio, Fémina Sapiens, de Inversa Teatro, é unha obra de teatro experimental que cuestiona “se é posible a evolución en torno ao aspecto sapiens”, como salienta a súa intérprete e autora.

Nese senso, esta representación, aberta a toda a cidadanía, busca promover unha reflexión sobre o “groso e pesado manto na nosa cultura e nas nosas relacións” que contribúe á perpetuación da desigualdade e da violencia contra as mulleres, como salienta Traba, así como “facer visible o poder que debería ter a muller na sociedade, no canto de relegalo sempre aos roles que, por desgraza, seguimos perpetuando dunha forma máis ou menos consciente”. Non en van, aínda que o termo Homo Sapiens sexa xeralmente asumido como “neutral”, o certo é que os seres humanos descendemos da Fémina Sapiens, polo que “se todas as femias do planeta decidisen non ter nunca descendencia, acabaríase coa especie humana”, lembra Pérez.

Concienciar a cidadanía da lacra social que supón a violencia contra as mulleres é tamén o eixo central de De Bruxas e Bolboretas, un dos proxectos incluídos no programa Tangram, que a Vicerreitoría do campus promove xunto co Concello de Pontevedra, e que desde comezos de semana vén desenvolvédose en diferentes puntos da cidade. Así, a iniciativas como Pussy Toons, Fogar, Facendo e desfacendo vaise aprendendo ou as Bragas con historia que volveron a instalarse este mércores na Ferrería despois de ser furtadas na noite do luns, súmanse este 25N dúas novas iniciativas. A primeira delas, consiste na instalación de cinco portas en diferentes prazas, nas que se poderán escoitar unha serie de “diálogos curtos” que permiten intuír unha situación de violencia como a que “pode estar acontecendo portas cara dentro nas casas que temos ao noso lado”, como apunta Rocío Casalderrey, unha das súas impulsoras. Xa pola tarde procederase ao reparto das catro postais que integran a proposta Consecuencias, e nas que, a través dun código QR, a cidadanía poderá acceder a un vídeo no se se relata unha situación de discriminación nas verbas da muller que a padeceu.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós