DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 04 de decembro do 2015

A OMA publica o informe anual sobre A Pegada Ecolóxica da institución viguesa

A Universidade marcou en 2014 un mínimo histórico de emisións con 21.397 Tm de CO2

O transporte segue a ser a principal fonte, especialmente no campus de Vigo


ImageDende 2009, cando se marcou un máximo histórico, as emisións de CO2 da Universidade de Vigo teñen unha clara progresión descendente. Os datos do pasado 2014 amosan que a institución marcou un mínimo histórico dende que se comezou en 2008 a realizar estudos sobre o impacto ambiental das actividades universitarias. Segundo o informe A Pegada Ecolóxica da Universidade de Vigo 2014, que vén de publicar a Oficina de Medio Ambiente, no pasado ano rexistráronse 21.397 Tm de CO2 emitidas á atmosfera. A principal fonte contaminante continúa a ser o transporte do estudantado e do persoal aos tres campus, principalmente ao de Vigo, o máis numeroso e tamén o máis afastado da cidade. As emisións totais tradúcense nunha pegada ecolóxica de 0,179 ha/persoa/ano, e a superficie necesaria para fixar ou compensar esas emisións sería de 4107 hectáreas de bosque.

M. Del Río | Vigo
Dende 2009, cando se marcou un máximo histórico, as emisións de CO2 da Universidade de Vigo teñen unha clara progresión descendente. Os datos do pasado 2014 amosan que a institución marcou un mínimo histórico dende que se comezou en 2008 a realizar estudos sobre o impacto ambiental das actividades universitarias. Segundo o informe A Pegada Ecolóxica da Universidade de Vigo 2014, que vén de publicar a Oficina de Medio Ambiente, no pasado ano rexistráronse 21.397 Tm de CO2 emitidas á atmosfera. A principal fonte contaminante continúa a ser o transporte do estudantado e do persoal aos tres campus, principalmente ao de Vigo, o máis numeroso e tamén o máis afastado da cidade. As emisións totais tradúcense nunha pegada ecolóxica de 0,179 ha/persoa/ano, é dicir, que a superficie necesaria para fixar ou compensar esas emisións sería de 4107 hectáreas de bosque.

A mobilidade, responsable do 56% da emisións anuais

Un dato que non varía ano tras ano é o peso da mobilidade, que se consolida como a principal fonte de emisión. De feito, o transporte de estudantes e persoal nos tres campus representa preto do 56% do CO2 emitido. O campus de Vigo é o que máis contribúe a estas cifras, e representa o 83% das emisións asociadas á mobilidade do conxunto da institución, seguido de Pontevedra cun 9% e Ourense cun 8%. Por detrás do transporte, a segunda fonte de máis impacto é a edificación, que contribúe á pegada ecolóxica global cunha porcentaxe do 17%, debido a que os tres campus contan cunha superficie construída total de 351.149 m2. O gasóleo, pola súa banda, supuxo o 13% das emisións ao ano 2014, xa que este tipo de combustible é utilizado para calefacción en todas as instalacións e centros, coa excepción dos localizados no centro de Vigo, algúns edificios da Cidade Universitaria no campus de Vigo e o CITI de Ourense, que empregan gas natural. A electricidade contribúe co 11% á pegada ecolóxica, mentres que o papel, os residuos, o gas natural, a auga e a biomasa supoñen unha achega moi baixa de emisións en comparación coas fontes anteriormente citadas. Analizando os campus por separado, pódese destacar que no de Vigo a importancia relativa das emisións asociadas á mobilidade é superior ao global, cun 63% das emisións de CO2. Este feito explícase pola situación xeográfica do campus, a uns 15 quilómetros do centro urbano, unha distancia cinco veces maior ca dos campus de Ourense e Pontevedra.

Con todo, a pegada ecolóxica da Universidade de Vigo (0,179 ha/cap) atópase entre as máis baixas das universidades analizadas neste informe. Á vista dos resultados obtidos por outras institucións educativas españolas como a de León (0,45 ha/cap) ou a de Málaga (0,29 ha/cap), obsérvase que Vigo ten un compromiso ambiental salientable, xa que, malia posuír un grande hándicap ao estar localizado o seu campus principal afastado do núcleo urbano, consegue ter unha pegada ecolóxica relativamente baixa. De feito, que exista unha grande extensión arborada e vexetal no campus vigués é moi beneficioso, xa que actúa como sumidoiro das emisións.

Evolución das emisións

A pegada de carbono entre 2008 e 2014 flutúa nun intervalo entre 21.400 e 23.700 toneladas de CO2, pero as maiores emisións producíronse en 2009, 2008 e 2011, coincidindo cos anos de maior número de usuarios na Universidade. A pegada de carbono do ano 2014, expresada en toneladas de CO2 por persoa, diminuíu arredor dun 15% con respecto á do 2009. Isto é debido en boa medida aos proxectos de eficiencia enerxética e prácticas máis sustentables acometidas pola Universidade de Vigo no exercicio das súas actividades ao longo destes anos.

Atendendo ás fontes de emisións, cabe subliñar que dende 2010 o consumo de gasóleo reduciuse ata niveis mínimos principalmente grazas ao plan de eficiencia das caldeiras. Pola contra, o consumo de gas natural medrou significativamente dende 2010 polo incremento de edificios que empregan este combustible, o último en dar este paso, o CITI de Ourense. No tocante á electricidade, os consumos mantéñense estables tras realizar en 2011 proxectos de eficiencia enerxética. A mobilidade, pola súa banda, e pesar que en 2014 se produciu un aumento do número de usuarios, amosa unha redución das emisións, principalmente derivada dos cambios nos hábitos da comunidade universitaria, como o uso do transporte público o coche compartido. O consumo de auga depende principalmente do clima e do aumento da rega das zonas verdes e os residuos rexistran unha tendencia á diminución grazas ás campañas de reciclaxe, aproveitamento ou doazón.

Prácticas sustentables

A pegada de carbono é moi útil para recoñecer as fontes de gases de efecto invernadoiro máis significativas e os cambios das súas emisións no tempo, para poder tomar medidas axeitadas que reduzan as emisións dun xeito eficaz. Nestes sentido, nos últimos anos a Universidade de Vigo ten optado pola instalación de diversas fontes de enerxías renovables: solar térmica e fotovoltaica (campus de Ourense, área de Deportes, Citexvi, Industriais, etc.), xeotérmica (Biblioteca Central, Unidade Administrativa do campus de Ourense, Cacti, Citexvi) ou caldeiras de biomasa (Servizo de deportes en Vigo, escola infantil do campus de Ourense). Tamén se puxeron en marcha melloras na eficiencia enerxética dos edificios, como a substitución de luminarias, a mellora do illamento térmico. En concreto, no pasado ano instalouse unha caldeira de biomasa no Servizo de Deportes de Vigo, que substitúe a unha das tres caldeiras de gasóleo C, un cambio que supón unha redución aproximada de 17 Tm de CO2 en 2015. A finais de 2014 iniciáronse as obras para a ampliación da rede de gas natural a máis centros e instalacións do campus vigués e realizarase a substitución paulatina das caldeiras de gasóleo C, o que axudará á diminución dos valores de emisión de CO2.

Paralelamente trabállase na sensibilización e implantación de boas prácticas ambientais e na mellora dos hábitos de comportamento da comunidade universitaria. Exemplo disto foi a elaboración en 2014 do Plan de Mobilidade e Seguridade Viaria da Universidade de Vigo, que ten entre os seus obxectivos a redución das emisións de carbono ligadas á mobilidade, apostando pola mobilidade non motorizada ou o transporte público colectivo. Outras iniciativas postas en marcha son a campaña de doazón de reactivos de laboratorio en desuso, o programa de recollida de teléfonos móbiles en desuso, a colaboración co proxecto EcoRAEE, a plataforma de intercambio de material ou o programa de Educación Ambiental Universidade e Natureza.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós