DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 11 de xaneiro do 2016

Partirán de Vigo o 29 deste mes rumbo a Chile e chegarán á base de illa Decepción a bordo do Hespérides

Científicos das universidades de Vigo e Santiago ultiman os preparativos para a campaña antártica

Estudarán como a actividade volcánica afecta aos procesos de descomposición das algas


ImageA 13.000 km de España e a 1000 km da cidade máis próxima está a base militar española Gabriel de Castilla, en illa Decepción, na Antártida. Estas instalacións, nas que científicos e militares comparten espazo na Campaña Antártica Española, será o fogar durante un mes para cinco investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela. Este equipo liderado polo profesor de Ciencias do Mar Mariano Lastra desenvolverá un dos 20 proxectos de investigación nacionais e internacionais seleccionados para a XXIX Campaña Antártica, na que participan un total de 100 científicos. Nestas semanas, os investigadores galegos están a rematar os últimos preparativos para partir cara a Antártida dende Vigo o vindeiro 29 de xaneiro. Terán por diante un mes para desenvolver un estudo centrado na análise dos efectos da descomposición de algas e o seu impacto nos procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados nos intermareais de illa Decepción.

M. Del Río | Vigo
A 13.000 km de España e a 1000 km da cidade máis próxima está a base militar española Gabriel de Castilla, en illa Decepción, na Antártida. Estas instalacións, nas que científicos e militares comparten espazo na Campaña Antártica Española, será o fogar durante un mes para cinco investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela. Este equipo liderado polo profesor de Ciencias do Mar Mariano Lastra desenvolverá un dos 20 proxectos de investigación nacionais e internacionais seleccionados para a XXIX Campaña Antártica, na que participan un total de 100 científicos. Nestas semanas, os investigadores galegos están a rematar os últimos preparativos para partir cara a Antártida dende Vigo o vindeiro 29 de xaneiro. Terán por diante un mes para desenvolver un estudo centrado na análise dos efectos da descomposición de algas e o seu impacto nos procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados nos intermareais de illa Decepción. O proxecto ten unha duración total de tres anos, un orzamento de 50.000 euros, e comprende dúas campañas na Antártida, a deste febreiro e outra xusto un ano despois e nel tomarán parte tres investigadores da Universidade de Vigo (Mariano Lastra, como IP, Jesús López e o director da Ecimat, Jesús Souza Troncoso) e dous da USC (José Emilio Mora e Manuel Ángel García).

Un laboratorio nunha illa volcánica

A Campaña Antártica Española, presentada no campus de Pontevedra en novembro, dura 95 días ao longo dos cales van pasando pola base Gabriel de Castilla os diferentes equipos de investigación. Esta base atópase na illa Decepción, unha caldeira volcánica activa que conforma unha illa con forma de anel, cuxo centro é a baía Foster. O litoral presenta frecuentes quentamento xeotérmicos, polo que a costa en determinadas zonas rexistra elevadas temperaturas e fenómenos como fumarolas e emisións de vapor de auga e outros gases de orixe volcánico como metano, CO2 ou sulfuro de hidróxeno. No verán austral as praias da illa, catalogada como Sitio de Especial Interese Científico e como Zona Antártica Especialmente Protexida (ZAEP 140), reciben importantes achegas de masas de algas que se desprenden e rematan na costa intermareal. Estes materiais teñen unha enorme importancia ecolóxica, “dado que subministran alimento e hábitat para moitas especies de invertebrados”, recalca Lastra, que explica tamén que a reciclaxe desta biomasa é a orixe de interesantes procesos bioxeoquímicos que dan lugar á liberación de nutrientes ao medio costeiro.

No caso da baía Foster, as fumarolas e fontes hidrotermais consecuencia da orixe volcánica da illa, condicionan os patróns de descomposición da biomasa algal, a súa colonización, consumo, fluxo de nutrientes e emisión de gases. Para analizar estes procesos levaranse a cabo mostraxes de campo e varios experimentos de manipulación do medio natural. Calcularase o stock, a taxa de reemprazo e a descomposición de macroalgas en oito estacións de mostraxe distribuídas en toda a costa. A hipótese de partida do proxecto é que “tanto as elevadas temperaturas como os gases afectan aos procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición da biomasa de macroalgas depositada en grandes cantidades polas mareas”. O obxectivo final do proxecto é xerar un modelo do funcionamento acoplado dos ecosistemas litorais de baía Foster. Para isto, os científicos realizarán mostraxes nas praias con métodos cuantitativos antes e despois da chegada masiva das algas, para analizar así as consecuencias do seu quentamento e descomposición, tanto polo efecto do sol como actividade hidrotermal.

13.000 km e no verán austral

O equipo voará a Punta Arenas, saíndo de Vigo o 29 de xaneiro, e unha vez alí embarcaran no Hespérides, que partirá o 2 ou 3 de febreiro con rumbo ás Shetland do Sur. Tras unha parada na base Juan Carlos I na illa Livingston, onde desembarcarán varios investigadores, chegarán a illa Decepción tras unhas seis horas de navegación; en total tres días dende Punta Arenas dependendo das condicións meteorolóxicas. O material do proxecto foi embarcado no Hespérides na súa saída inicial dende Cartaxena en outubro, polo que á súa chegada á Antártida xa terán alí o equipo. Mariano Lastra explica que os proxectos científicos en illa Decepción contan co apoio dos membros do Exército de Terra que están presentes na base e que, ademais de manter a base operativa “facilítannos calquera infraestrutura que poidamos necesitar e son os encargados da navegación entre as distintas zonas da illa; son imprescindibles non so en termos de supervivencia nun ambiente hostil, senón para poder sacar os proxectos científicos adiante”.

Traballo do día a día

Lastra, que xa ten ás súas costas cinco campañas antárticas, explica que o día a día comeza cedo, cunha reunión de todos os IPs co comandante da base, na que se definen os traballos da xornada, e as necesidades de apoio loxístico de cada grupo, “por suposto tendo en conta a predición meteorolóxica”. A planificación do grupo vigués comprende principalmente traballos en distintas zonas da illa, “facendo mostraxes de campo ou preparando experimentos de manipulación do medio natural”. Destaca que tamén terán moito traballo de laboratorio, “porque pretendemos levar a cabo a maior parte das análises in situ, de maneira que haberá polo menos unha persoa en continuo facendo analíticas no laboratorio”.

Os investigadores explican que para unha campaña deste tipo non se require dunha preparación física específica, “só hai que estar en condicións de aguantar longas andainas ou a navegación en Zodiac coa mar revolta”. O principal inconveniente é a climatoloxía, da que compre estar pendente, xa que cambia en poucos minutos. Así, os traballos de campo deben esperar a condicións benévolas e cando se realizan requiren o contacto regular coa base por radio, “informando da nosa situación, da previsión de traballo e de calquera eventualidade e, por suposto, ninguén pode saír fóra da base só”. Con todo, Lastra recoñece que o peor, ademais da distancia é o cansazo que se vai acumulando e os achaques que provoca ás veces o frío”.

Lugar ideal para a investigación

Un equipo como o galego, que xa conta con experiencia previa no continente xeado, valora moi positivamente este emprazamento como lugar de investigación. “Traballar na Antártida é traballar en condicións ideais para un científico; o ambiente é singular e pouco coñecido, no cal case todo está por estudar e, ademais podemos dedicar o 100% do tempo ao traballo”. Pero precisamente este illamento e distancia é tamén unha das partes máis duras a nivel persoal, estar lonxe da casa e da familia, aínda que agora xa contan cunha boa conexión a internet que facilita o contacto con la familia, algo que como lembra Lastra non era tan sinxelo “durante as primeiras campañas que fixemos alá polo 2003”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós