DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 14 de xaneiro do 2016

Javier Miñano visitou Ciencias da Educación e do Deporte, convidado polo grupo GEN

O preparador físico da selección española estreita lazos cos investigadores do campus

Tras esta primeira toma de contacto, destaca a importancia de que fútbol e ciencia “falen o mesmo idioma”


ImageDúas ligas e dúas Copas de Europa co Real Madrid e o Mundial e a Eurocopa logradas posteriormente coa selección española, en ambos casos como parte do equipo técnico de Vicente del Bosque, converteron ao preparador físico Javier Miñano en protagonista de varios dos éxitos máis importantes do fútbol español. Mais, ao seu xuízo, xogadores e técnicos non son os únicos culpables de triunfos como os logrados por La Roja, xa que en España “hai figuras traballando na máis absoluta escuridade", os investigadores, "que achegan moito ao fútbol español e que son un dos piares que fixeron que se puidesen levantar estes trofeos”.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Dúas ligas, dúas Copas de Europa e unha Intercontinental co Real Madrid e o Mundial e a Eurocopa logradas posteriormente coa selección española, en ambos casos como parte do equipo técnico de Vicente del Bosque, converteron ao preparador físico Javier Miñano en protagonista de varios dos éxitos máis importantes do fútbol español. Mais, ao seu xuízo, xogadores e técnicos non son os únicos culpables de triunfos como os logrados por La Roja, xa que en España “hai figuras traballando na máis absoluta escuridade, que achegan moito ao fútbol español e que son un dos piares que fixeron que se puidesen levantar estes trofeos”. Refírese concretamente, ao labor de investigación que realizan expertos como o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago, que onte mércores e hoxe xoves exerceu como anfitrión na visita que Miñano realizou a esta facultade do campus pontevedrés para realizar un primeiro achegamento ás investigacións que se veñen desenvolvendo na Universidade en ámbitos como o rendemento deportivo.

Convidado polo grupo GEN, que dirixe o catedrático do Departamento de Economía Aplicada Santiago Lago, Miñano achegouse ata o campus “fundamentalmente para un intercambio de opinións, para potenciar un pouco a comunicación cun grupo de investigadores moi relevante no mundo do fútbol”. Nese senso, o preparador físico da selección española e profesor da Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da Universidad Politécnica de Madrid destaca a importancia para o fútbol profesional de “ir ás fontes que teñen unha produción científica moi interesante e intentar sacar proveito”, motivo polo definiu como “moi interesante crear este vínculo” cos investigadores da Universidade que poidan dar resposta, cos seus traballos, “as propias preguntas e cuestións que podemos facernos no noso traballo diario”.

Camiñando cara un mesmo idioma

Nese senso, Carlos Lago explica que esta “primeira toma de contacto” supón unha oportunidade de achegar a Miñano “a liñas de investigación xa abertas sobre aspectos do adestramento e a análise do xogo no fútbol”, no marco do grupo GEN, ao tempo que permite incidir na importancia de “manter unhas boas relacións co mundo profesional” e promover así “a transferencia do coñecemento cara a realidade”.

A este respecto, Miñano pon de relevo a necesidade de “achegar a compoñente científica á práctica, de que a ciencia nos axude ao que o labor diario no campo”, un ámbito no que considera que “nos imos achegando pouco a pouco nos dous sentidos”. Nese senso, este preparador físico e profesor incide en que nos últimos tempos “estamos intensificando esa comunicación, en aras de que realmente se fale un mesmo idioma”. Ao seu xuízo, este é un camiño no que se está a avanzar en deportes como o fútbol, nos que a consulta de investigacións por parte dos equipos técnicos ten contribuído “a que, por exemplo, teñas que definir outra estrutura de adestramento”, especialmente no caso daqueles equipos de primeiro nivel aos que as competicións levan “a xogar cada mércores e domingo, o que modificou o propio día a día do traballo e fixo que nos atopásemos con moitas máis dúbidas sobre que tipo de contidos incluír nos adestramentos”.

Un traballo ilusionante nun deporte ingrato

“Débolle moito ao fútbol”, recoñece Miñano ao facer balance da súa traxectoria como preparador físico, na que, ao carón de Vicente Del Bosque, “que me formou a nivel persoal e profesional”, foi partícipe, por exemplo, da oitava e novena Champions do Madrid, co que logo compartiu tamén os maiores éxitos da selección. Non obstante, Miñano tamén deixa claro que “o fútbol é un deporte moi inxusto, no que poder realizar o mellor traballo posible e non ter ese pequena marxe de éxito”. Por iso, recoñece como un “regalo” os éxitos dos que foi protagonista nun “traballo que sempre é ilusionante”, así como a posibilidade de ter traballado “con xogadores que nunca se me van a esquecer”, como Raúl, Zidane, Ronaldo, Laudrup, Xavi, Iniesta... “Tería que nomear a moitos e cousas moi específicas de cada un”, apunta dunha serie de traballadores “cos que para min foi un luxo ter traballado”.

De feito, admite que, a nivel persoal, tenlle resultado “moito máis difícil traballar cos equipos filiais” que co propio Madrid dos ‘galácticos’, xa que no primeiro caso atopábanse “con xogadores moi novos, que aínda que intentes asesoralos permanentemente, a inexperiencia fai moitas veces que se equivoquen”, mentres que no segundo, tiñan diante “a profesionais que che ven como unha axuda, xa que o que queren e atoparse ben para competir”.

Coa Eurocopa no horizonte

Mirando xa cara o futuro, a preparación da Eurocopa que se celebrará este verán en Francia, convértese no eixo do traballo do equipo técnico que dirixe Del Bosque, un labor diario, apunta Miñano, a pesares de que “no teu día a día non tes aos xogadores que vas adestrar”. Nese senso, este preparador físico recoñece que o traballo nunha selección implica un “cambio de rol” con respecto ao que se realiza nun club. “Faise un seguimento exhaustivo da actividade dese corpo de 50 ou 60 xogadores que son predicibles de que poidan vir a unha convocatoria, é un traballo diferente”, explica Miñano, mentres que, unha vez chega o momento da competición, “o traballo aseméllase moito ao do preparador físico dun equipo que compite mércores e domingo”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós