DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 19 de xaneiro do 2016

O traballo vén de ser publicado na revista 'Continental Shelf Research'

Investigadores da Facultade de Ciencias do Mar mapean a fauna bentónica da ría de Vigo

Os resultados amosan 113 especies diferentes, pero a máis abundante é a invasora Crepídula fornicata


ImageA pesar de que o litoral da ría de Vigo é un dos máis poboados de Galicia e que as súas augas están moi estudadas a case todos os niveis, existía un baleiro no tocante á megafauna bentónica, que comprende especies tan recoñecibles como a voandeira, a vieira ou os ourizos. Coa excepción de algún estudo sobre especies comerciais, a comunidade investigadora carecía de análises concretos sobre a distribución deste tipo de organismos na ría. Neste contexto, e raíz doutras investigacións en marcha, os investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Jesús Souza Troncoso, Fernando Aneiros e Marcos Rubal e o experto en peixes Rafael Bañón puxeron en marcha un estudo pioneiro para mapear a fauna bentónica na parte non estuárica da ría de Vigo. O traballo vén de ser publicado na revista Continental Shelf Research.

M. Del Río | Vigo
A pesar de que o litoral da ría de Vigo é un dos máis poboados de Galicia e que as súas augas están moi estudadas a case todos os niveis, existía un baleiro no tocante á megafauna bentónica, que comprende especies tan recoñecibles como a voandeira, a vieira ou os ourizos. Coa excepción de algún estudo sobre especies comerciais, a comunidade investigadora carecía de análises concretos sobre a distribución deste tipo de organismos na ría. Neste contexto, e raíz doutras investigacións en marcha, os investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Jesús Souza Troncoso, Fernando Aneiros e Marcos Rubal e o experto en peixes Rafael Bañón puxeron en marcha un estudo pioneiro para mapear a fauna bentónica na parte non estuárica da ría de Vigo. O traballo vén de ser publicado na revista Continental Shelf Research.

Os resultados amosan dúas conclusións evidentes. Por unha banda, os investigadores destacan que existen unha gradación das poboacións da parte máis interna, na que predominan os moluscos, á máis externa da ría, onde os equinodermos son maioría. O outro resultado do estudo que salientan os científicos é que unha especie invasora, a Crepídula fornicata, é xa a máis abundante da ría, moi especialmente na parte interna, cando a súa presenza na década de 1980 era anecdótica.

A macrofauna bentónica, apenas estudada

O investigador Fernando Aneiros explica que a presenza da Universidade de Vigo, do Instituto de Investigacións Mariñas e do Instituto Español de Oceanografía fan da ría de Vigo un medio moi investigado, polo que achar que había moi poucos estudos realizados sobre a fauna bentónica da ría foi unha sorpresa. “Os poucos traballos feitos datan de finais da década de 1970 e principios da de 1980 e foron elaborados polo CSIC”, explica Aneiros, pero estaban centrados principalmente en especies de interese comercial, non dende un punto de vista ecolóxico.

Os investigadores subliñan que, pola contra, si existían estudos sobre a infauna que vive dentro do sedimento, pero non da megaepifauna, de maior tamaño e moi visible, como estrelas de mar, ourizos, especies comerciais como voandeira ou vieira, ou as ofiuras, que son moi abundantes pero non estaban moi estudadas. Lonxe do obxectivo da análise comercial, este equipo de traballo centrouse en identificar especies, avaliar a súa abundancia e mapear a distribución de cada grupo.

113 especies diferentes e unha invasora, a máis abundante

O traballo arrancou cunha mostraxe realizada en xuño de 2014 con 75 puntos de recollida na zona non estuárica da ría, é dicir, dende a ponte de Rande ata as illas Cíes. Para esta parte do estudo contaron coa colaboración da Confraría de Cangas, que lles cedeu un barco do arrastre, coa que se adoita capturar por exemplo voandeiras ou vieiras. Tras a identificación e análise das especies e a elaboración do mapa de distribución das mesmas, en 2015 comezaron a traballar na redacción do artigo e nas análises pendentes, gráficas e mapas. O estudo non identificou primeiras citas de especies para a ría, pero contabilizou 113 especies diferentes.

O estudo constatou unha gradación das especies dende a parte interior á exterior da ría. Na zona interna, preto de Rande, predominan os moluscos, entre eles os bivalvos comerciais como a voandeira; mentres a medida que se avanza cara a zona máis aberta aumenta a presenza de equinodermos, sobre todo ofiuras e ourizos. Isto débese a que estes últimos son máis sensibles a cambios de salinidade, contaminación, etc. e a zona interna da ría “está máis afectada pola contaminación de Vigo, sofre máis inputs de auga doce, a concentración de osíxeno no sedimento é máis baixa e a renovación da auga é menor. Neste medio, predominan os moluscos xa que son máis resistentes a estas condicións.

Pero se unha especie ten unha presenza predominante na ría de Vigo é a Crepidula fornicata, un gasterópodo invasor procedente da costa atlántica norteamericana que entrou a Europa a través dos cultivos de ostras da costa británica. Esta especie datouse en Galicia por primeira vez a finais da década de 1970 pero a súa presenza era anecdótica. Neste estudo confirmouse que na actualidade é a máis numerosa na ría de Vigo, tras sufrir unha “expansión tremenda” nos últimos 30 anos. A Crepidula fornicata é un gasterópodo tipo lapa que forman piñas de individuos. Aneiros explica que “teñen unha forma de crecemento curiosa de xeito que os individuos novos póusanse enriba de máis antigos, situándose os machos na parte superior e as femias na inferior”. Son hermafroditas e cambian de sexo unha vez ao longo da vida, “son machos ao principio e femias despois, por iso os machos, máis novos, están enriba e as femias, maiores, están debaixo. Son polo tanto moi eficaces reproducíndose e forman masas grandes compactas.

Este gasterópodo é unha especie filtradora e compite polo espazo e polos recursos por exemplo coa voandeira, a vieira e a zamburiña pero os investigadores destacan que o impacto na contorna non é alarmante xa que non é o medio ideal para a súa expansión. Existen outros lugares, máis protexidos e resgardados, onde “en condicións idóneas, a Crepidula fornicata cubre todo o fondo e non permite a presenza doutras especies”, e este non é o caso da ría de Vigo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós