DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 02 de febreiro do 2016

O profesor da EE Forestal Adolfo Cordero participou no estudo que permitiu describir a ‘Hypolestes hatuey’

Unha nova especie de libélula enriquece a fauna endémica do Caribe

Investigadores de tres países estudaron as características dun insecto que só se atopa na illa de Hispaniola


ImageConsiderada unha das zonas con maior número de especies endémicas das Antillas, a illa de Hispaniola, que comparten a República Dominicana e Haití, vén de ver incrementado o número de especies que só poden atoparse na súa xeografía coa Hypolestes hatuey, un novo tipo de libélula descrito por un equipo de investigadores do que forma parte o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero. Xunto ao docente da Universidade de Oriente de Cuba Yusdiel Torres, a tamén investigadora da Universidade de Vigo, Olalla Lorenzo, actualmente na Universidade de Liverpool, e a profesora da Universidade do Porto Sónia Ferreira, Cordero asina un artigo na revista Zootaxa, no que se describen as características desta nova especie do “enigmático xénero” Hypolestes, no que se agrupan unha serie de libélulas propias destas illas do Caribe.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Considerada unha das zonas con maior número de especies endémicas das Antillas, a illa de Hispaniola, que comparten a República Dominicana e Haití, vén de ver incrementado o número de especies que só poden atoparse na súa xeografía coa Hypolestes hatuey, un novo tipo de libélula descrito por un equipo de investigadores do que forma parte o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero. Xunto ao docente da Universidade de Oriente de Cuba Yusdiel Torres, a tamén investigadora da Universidade de Vigo, Olalla Lorenzo, actualmente na Universidade de Liverpool e a profesora da Universidade do Porto Sónia Ferreira, Cordero asina un artigo na revista Zootaxa, no que se describen as características desta nova especie do “enigmático xénero” Hypolestes, no que se agrupan unha serie de libélulas propias destas illas do Caribe.

De feito, ata o de agora este tipo de libélula, que só se atopou na illa de Hispaniola, viña sendo identificada como Hypolestes trinitatis, a que ata hai pouco se consideraba a única especie deste xénero na illa. “Os autores anteriores identificábana como esta especie xa descrita en Cuba e que era considerada a única especie do xénero que se podía atopar na illa de Hispaniola”, explica Cordero, que engade que “o que nos propoñemos é que é o suficientemente diferente como para considerala unha especie distinta”.

Diferencias morfolóxicas e xenéticas

O traballo de campo realizado tanto na illa que comparten a República Dominicana e Haití como en Cuba e Xamaica, así como a posterior análise do ADN realizada no laboratorio molecular da Universidade de Liverpool, permitiron constatar a existencia dunha serie de diferencias tanto morfolóxicas como xenéticas entre esta nova especie e os dous tipos de Hypolestes xa descritos, a Hypolestes trinitatis e a Hypolestes clara. “As principais diferencias atópanse en aspectos relacionados coa morfoloxía dos apéndices anais, os cercos”, sinala neste senso Cordero, que apunta tamén ás variacións existentes nas bandas da parte anterior do tórax ou nas veas das ás. Así mesmo, os investigadores poñen de relevo nesta publicación as diferencias atopadas no “órgano usado para inseminar á femia”, que recibe o nome neste grupo de especies de “edeago ou lígula”, xa que non se trata propiamente dun pene “porque non aparece ao final do abdome, senón ao principio”, o que constitúe unha “particularidade anatómica exclusiva” deste tipo de insectos, os odonatos.

Estas diferencias, engade Cordero, “foron corroboradas posteriormente pola secuenciación do ADN”, realizada en Liverpool coa colaboración de Olalla Lorenzo, antiga integrante do grupo de investigación EcoEvo, que dirixe este profesor do campus pontevedrés, e que actualmente se atopa desenvolvendo o seu labor investigador en Liverpool ao abeiro das bolsas Marie Curie da Unión Europea. Previamente, realizarase un traballo de campo en Hispaniola, Xamaica e Cuba, que contou co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, e que permitiu comparar as características da Hypolestes hatuey con “espécimes doutras especies”, no marco dunha investigación que forma parte da tese de doutoramento do cubano Yusdiel Torres, que dirixen Cordero e Lorenzo.

Sen datos da súa distribución e poboación

Partindo da idea de que esta nova especie só pode atoparse na illa de Hispaniola, no artigo que estes catro investigadores publicaron en Zootaxa propoñen a súa inclusión na lista vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), o inventario mundial do estado de conservación das diferentes especies animais e vexetais, concretamente, na categoría de Data Deficient (datos insuficientes). Non en van, non se dispón polo de agora “da información adecuada sobre a distribución e abundancia” desta especie, que a xuízo de Cordero deberá estar presente en maior medida na República Dominicana que en Haití, por mor das diferencias no estado dos bosques entre estes dous países.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós